O ente fiscalizador pediulle que fixe “obxectivos e indicadores de cumprimento” para os incentivos fiscais, pero o Goberno galego rexéitao expresamente
A Axencia Tributaria de Galicia rexeita expresamente analizar os efectos das rebaixas de impostos que decide o Goberno galego. Así o vén de revelar o Consello de Contas, o órgano independente de fiscalización das administracións galegas, que levaba anos advertindo da falta de xustificación dos incentivos fiscais para avaliar a súa eficacia e que no seu informe correspondente ás contas da Xunta de 2019, presentado este venres no Parlamento de Galicia, constata como a Axencia Tributaria se esforzou en deixar claro o seu rexeitamento a establecer obxectivos e indicadores para as rebaixas de impostos.
Ata o seu informe sobre as contas da Xunta do ano 2017 o Consello de Contas limitouse a constatar a ausencia nelas dunha “xustificación que avale o establecemento e mantemento dos beneficios fiscais e a avaliación da súa eficacia e eficiencia”. A esa descrición da realidade engadiu no seu informe de 2018 unha recomendación explícita para que a Xunta procedese a “o establecemento de obxectivos e indicadores de cumprimento cando se proceda á creación de novos incentivos fiscais, e a elaboración sistemática de estudos sobre os efectos dos beneficios fiscais nas políticas económicas e sociais ás que van destinados”.
Ao elaborar o seu informe de 2019 cuxa versión final entregou este venres no Parlamento o Consello de Contas indicou nunha primeira versión do documento que somete a alegacións da Xunta que esa recomendación fora aceptada aínda que non detectara avances na implantación das medidas solicitadas. A esa primeira versión do informe alegou a Axencia Tributaria de Galicia para deixar constancia de xeito expreso “que esta axencia non aceptou a devandita recomendación”.
Nos últimos dous anos a Xunta deixou sen impostos ás herdanzas de ata un millón de euros e rebaixounos á compra de segundas vivendas ou aos casinos e bingos
O Consello de Contas corrixiu o seu informe e na versión definitiva entregada no Parlamento deixa constancia desa negativa da Axencia Tributaria. Tamén indica que “no exercicio 2019 os beneficios fiscais que afectan aos tributos cedidos polo Estado estimáronse en 1.782 millóns de euros” e que nos orzamentos da Xunta para ese ano “consta unha memoria explicativa da cuantificación destes beneficios fiscais, se ben nesa memoria segue constatándose a carencia dunha xustificación que avale o establecemento e mantemento de beneficios fiscais, e que asocie cada beneficio a unhas determinadas políticas de gasto, así como uns indicadores ou obxectivos que permitan avaliar a súa eficacia e eficiencia dun xeito continuado no tempo”.
Só nos dous últimos anos a Xunta aprobou novas rebaixas de impostos como as que eximen de tributar as herdanzas de entre 400.000 e un millón de euros, axudan ao sector do xogo en casinos e bingos para "paliar os efectos" da COVID ou reducen o importe a pagar por mercar segundas vivendas en parroquias que define como rurais pero que afectan tamén a concellos turísticos ou residenciais como O Grove, Oleiros ou Baiona.