Os investimentos que máis aumentan, un 21,5%, son os destinados a Turismo co foco posto no Xacobeo 2021, convertido no gran proxecto do Goberno galego
Malia levar meses queixándose dos problemas de ingresos que ten a Xunta ao non recibir diversas cantidades que o Goberno central di non poder autorizar mentres estea en funcións, este xoves o presidente Feijóo anunciou novas rebaixas de impostos á cidadanía galega con máis patrimonio. O Goberno galego, que chegou a advertir da posibilidade de atrasos no pagamento de facturas ou salarios por falta de fondos, renuncia agora a cobrar impostos a quen herde ata un millón de euros e rebáixaos a quen merque tamén unha segunda residencia no rural, que cuantifica no 94% do territorio de Galicia.
Á espera de que se divulgue o articulado exacto da lei de orzamentos e da súa lei de acompañamento para o próximo ano, textos aprobados este xoves polo Consello da Xunta e que agora serán remitidos ao Parlamento para o seu debate e aprobación definitiva, Feijóo e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, salientaron esas dúas rebaixas de impostos por riba doutro tipo de medidas de incremento do gasto social en ano electoral ou de aumento das partidas destinadas ao Xacobeo, erixido en gran obxectivo do Goberno galego.
Segundo as cifras do propio Goberno galego, coa rebaixa o imposto por herdar só será pagado polo 0,06% máis rico dos galegos
Segundo avanzaron Feijóo e Martínez, a partir do 1 de xaneiro estarán exentas de impostos as herdanzas entre familiares directos de ata un millón de euros, sen contar nesa contía a residencia habitual, aumentando así o anterior límite de 400.000 euros ao que xa rebaixara a Xunta en 2016. Segundo as cifras do propio Goberno galego, con esta rebaixa só pagarán impostos por herdar o 0,06% dos galegos.
Os orzamentos para o próximo ano tamén recollen rebaixas no Imposto de Transmisións Patrimoniais que se aplica ás compras de vivendas. Segundo o avanzado pola Xunta, e á espera de coñecer o detalle do texto articulado, as transmisións de vivenda habitual no rural, que ata agora estaba gravada cun tipo do 7%, será rebaixada ao 5%, mentres que para as vivendas non habituais, ou segundas residencias, o tipo baixará do 10% ao 6%, A propia Xunta cuantificou o que entende por “rural” no 94% do territorio galego.
Ademais destas dúas rebaixas impositivas, a Xunta salientou este xoves que os orzamentos para o próximo ano, que volven superar os 10.000 millóns de euros tras unha década por baixo desa cifra, “preparan o Xacobeo 2021 e planifican a galicia da vindeira década para construír entre todos a Galicia que imaxinamos”. Nesa liña de considerar o Xacobeo como o gran proxecto do goberno galego, a partida de investimentos que máis aumenta, un 21,5%, con 8,9 millóns de euros máis, e a destinada á area de Turismo.