O ingreso a Galicia dos fondos estatais previstos para este ano en virtude do modelo de financiamento autonómico -que se segue a aplicar malia levar máis de media década caducado- segue a marcar o enfrontamento entre a Xunta e o Goberno de España coas posibles novas eleccións xerais como pano de fondo. Despois de que Alberto Núñez Feijóo volvese reclamar por carta os cartos a Pedro Sánchez -uns 700 millóns, calcula a Xunta- e propuxese aprobalos pola vía do Real Decreto, agora o presidente da Xunta admite que, no caso de non recibilos, botará man do endebedamento para compensalos no canto de facelo con recortes.
Ao contrario do afirmado durante a etapa da crise Feijóo admite agora que "recortar o orzamento" implicaría "recortar os servizos públicos" e por iso, di, se o Goberno de España non transfire os 700 millóns pendentes a Xunta compensaraos con débeda
Nun contexto que semella xa duplamente electoral -polas posibles xerais do 10N e polas eleccións galegas previstas para 2020- Feijóo acusa o presidente socialista de procurar o "caos orzamentario" no conxunto de Administracións públicas ata levalas ao "colapso", di en referencia á posibilidade de que o diñeiro non dea chegado antes de fin de ano.
Se isto sucede, afirmou este xoves ao remate da reunión semanal do Consello, "hai que tomar unha decisión política", isto é: "incumprimento do déficit, da regra de gasto e débeda pública". Ou, o que é o mesmo, a normativa financeira que o Executivo do PP se gaba de cumprir estritamente dende a etapa da crise. Segundo os últimos datos do Banco de España a débeda da Xunta rolda os 11.500 millóns de euros, o 18% do produto interior bruto de Galicia.
Esa é "unha opción", compensar con débeda e déficit o diñeiro estatal que non chega. "Outra é o recorte" pero "eu non vou recortar o orzamento da comunidade autónoma" porque iso suporía "recortar os servizos públicos", admitiu nun razoamento que contrasta cos ofrecidos polo propio Feijóo nos anos en que a mingua de ingresos si trouxeron consigo recortes de servizos públicos que o presidente galego sempre negou. Non en van, o líder do PPdeG chegar a afirmar que os recortes foran "cero", aínda que só nas áreas sociais roldaron os 1.000 millóns de euros.
Orzamentos de 2020 "como se os fósemos presentar"
"Non podo confirmar que vaiamos presentar" o Orzamento do ano electoral de 2020, di o presidente da Xunta
E, que sucederá cos Orzamentos Xerais do ano electoral de 2020? "Estamos a traballar no orzamento como se o fósemos presentar en tempo e forma" pero "non podo confirmar que vaiamos presentalo", di o presidente. A razón, advirte, é que o Goberno de España conduciría as finanzas autonómicas ao "máis difícil aínda" no caso de que finalmente haxa novas eleccións, non se reciban os fondos pendentes e non exista "ningún dato" do Estado para "facer un orzamento cun mínimo rigor".
Neste sentido, Feijóo insta o Goberno de España a aprobar este venres por decreto as entregas pendentes e así desligar a súa aprobación de se hai ou non "acordo cos seus socios" porque "mentres eles se divirten, estamos mantendo as paredes do Estado español para que non se derruben", proclama.
Mentres, dende o PSOE, o propio Sánchez invitaba nos últimos días o PP a facilitar a súa investidura. Deste xeito, argumentan os socialistas, o Goberno de España deixe de estar en funcións e o financiamento regrese á normalidade.