Houbo recortes en Galicia? Onde?

Evolución da distribución funcional dos orzamentos da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

A campaña electoral é tempo máis propicio para a hipérbole que para os números. Así, xa nos meses previos á convocatoria das eleccións o PP, con Alberto Núñez Feijóo á cabeza, deu en concluír que en Galicia se aplicaran "cero" recortes orzamentarios, especialmente no ámbito social, unha tese incompatible coa realidade por mor da evidente caída nos ingresos da Administración autonómica. Mentres os conservadores elixen a negación das retalladas fronte á explicación da súa distribución, non foron poucos nos últimos anos os discursos que, dende a actual oposición, indicaron a existencia de recortes "salvaxes" e tesoiradas xeralizadas, sen especificar causas e magnitudes dos mesmos. Pero, houbo recortes? A canto ascenderon? E como se distribuíron?

Unha simple ollada ao orzamento xeral de gastos do Goberno galego permite concluír que houbo recortes e que, ademais, tivo que habelos porque os cartos do erario minguaron durante anos e, daquela, os cartos a repartir eran menos. Unha redución de ingresos por impostos, diminución dalgúns tipos impositivos ou un sistema de financiamento autonómico caducado son algunhas das causas que, no marco da dura crise, derivaron en que a Xunta pasase, en cifras redondas de manexar uns 11.000 millóns de euros a arredor de 9.000. No entanto, a distribución da baixada foi dispar.

As diversas mudanzas na estrutura orgánica da Xunta e da distribución de responsabilidades e orzamentos fai practicamente imposible realizar unha comparación entre consellerías. Así, unha das vías máis sinxelas para observar a evolución orzamentaria é a súa distribución funcional, isto é, a finalidade última á que se dedican os cartos públicos.

Feijóo concluíu que os orzamentos galegos experimentaran "cero" recortes

Son 32 grandes apartados que apenas varían na documentación da Administración un ano tras outro. Deles, só seis aumentaron a súa dotación orzamentaria entre os anos 2009 e 2016. Todos os demais diminuírona, cunha caída que en termos porcentuais está encabezada pola función de transferencias a concellos e deputacións (-87,58%), a ordenación territorial (-69,45%) e a normalización lingüística (-69,81%). Na banda contraria, os incrementos están encabezados pola partida dedicada a pagar a débeda (306,63%) e os fondos para diversos equipamentos tecnolóxicos (195,71%).

As partidas que máis perderon foron os traspasos á Administración Local e a normalización lingüística

Estas baixadas orzamentarias están vixentes aínda que no último ano, entre 2015 e 2016, todas as funcións, agás 7, visen incrementada levemente a súa dotación. O lixeiro incremento da recadación e factores como a suba do 1% nos salarios do persoal público tras anos de baixadas e concelación derivou en subas que foron do dende a contorna do 1,50% en normalización do galego ata case o 60% en industria. Mentres, partidas como actuacións rurais, ordenación territorial, protección civil ou outros servizos sociais seguiron baixando. A baixada entre 2015 e 2016 estivo, no entanto, encabezada polas actividades financeiras.

Dentro deste marco xeral, un dos puntos de máis frecuente discrepancia política ten que ver coa intensidade dos recortes nas partidas sociais do orzamento que, como amosa o gráfico superior, viron minguada a súa dotación en xeral, se ben non foron das máis afectadas polos recortes en termos porcentuais. Así as cousas, a redución "salvaxe" apuntada dende a oposición sería tan discutible como o "cero" sentenciado por Feijóo.

Sanidade e educación perderon algo máis de 700 millóns de euros entre 2009 e 2015 

A que é a función que absorbe máis fondos públicos, a da sanidade, si perdeu orzamento neste anos. Diminuíu, nomeadamente, 376,6 millóns de euros entre 2009 e 2015 e aumentou algo menos de 140 millóns de euros no último ano, unha suba que maioritariamente vai parar ao devandito incremento xeral do 1% nas nóminas e mais ao primeiro prazo do pagamento da concesión público-privada do novo hospital de Vigo. En educación a diminución foi de case 357 millóns no período 2009-2015, e a recuperación, tamén condicionada en boa medida polos salarios, de 100 millóns.

As partidas de vivenda e "ourtos servizos sociais" tampouco recuperaron niveis previos á crise. Mentres, a función de acción social -da que saen axudas como a RISGA ou os fondos para a dependencia, por exemplo- si conta na actualidade con máis fondos que en 2009, concretamente, cuns 70 millóns de euros máis.

Reunión do Consello da Xunta © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.