Dimisións reiteradas nos seus equipos impiden ao PP consolidar unha sucesión local para un dos seus rexedores mais veteranos, insubmiso de xeito reiterado á Valedora do Pobo
José María López Rancaño (A Pontenova, 1951) é alcalde de Abadín (2.200 habitantes) desde hai 42 anos, o que o converte nun dos máis veteranos do PP en toda Galicia. As súas reiteradas maiorías absolutas veñen permitíndolle bloquear durante meses a celebración de plenos municipais ordinarios moito máis alá dos dous meses de periodicidade que teñen fixados. Tamén obvia sucesivos requirimentos de todo tipo da Valedora do Pobo e mesmo demora decisións aprobadas por el mesmo.
Pero agora vén de ver frustrado o seu intento de outorgarse unha "indemnización" fixa de 53,34 euros ao día (1.600 euros ao mes) coa que complementar a súa pensión de xubilación como "resarcimento da actividade derivada do exercicio das labores de alcalde". Un "soldo encuberto", segundo o cualifica o PSdeG local, que non logrou sacar adiante malia a súa maioría absoluta no pleno celebrado o pasado venres ante un informe negativo da secretaria-interventora municipal.
Os alcaldes cobran as súas dedicacións exclusivas ou parciais como soldos públicos, sometidas polo tanto ás correspondentes retencións segundo o seu importe. Un soldo que é incompatible coa pensión de xubilación. Ante esa situación, o rexedor de Abadín pretendía "indemnizar" a súa dedicación ao Concello non con reintegros puntuais segundo os gastos nos que efectivamente incorrese senón cunha "indemnización" fixa diaria duns 1.600 euros ao mes, que como dieta está sometida a outro tipo de retencións distintas dos soldos: ata 53,54 euros ao día están exentas de retención, e esa era xusto a cifra que se quería dar o rexedor.
Para o PSdeG a intención do alcalde era ter "un dobre salario encuberto" polos que ademais tería que pagar menos impostos dada a súa nova condición de xubilado. Tras un informe negativo da interventora, o rexedor finalmente desistiu de tentar aprobar esa "indemnización" no pleno.

Os socialistas sinalan a "evidente debilidade e inestabilidade do goberno local"
Foi nun pleno no que os socialistas chamaron tamén a atención sobre a "evidente debilidade e inestabilidade do goberno local, despois de que no propio pleno se dera conta da dimisión de Tania Rey Eimil, concelleira de Benestar Social do PP, quen renunciou tamén á súa dedicación exclusiva e deixou de prestar as súas funcións no executivo". Hai anos que varias persoas que foron presentándose en sucesivas eleccións municipais con expectativas propias e alleas de conformar un proxecto de futuro para o PP local acabaron deixando as súas actas e a política activa ante o control personalista que o rexedor ten de todo o que se move no Concello.
O alcalde en persoa xestiona todo tipo de peticións da cidadanía, de xeito paralelo aos procedementos administrativos, como solicitudes de limpeza de vexetación nun camiño ou de declaración de ruína de inmobles. Un rexedor que adoita asistir a enterros e tanatorios en vehículo oficial do Concello.