A futura residencia de maiores de Abadín prevé estar finalizada a mediados do vindeiro ano 2026. Son os prazos que a pasada semana deron as autoridades durante unha visita ás obras por parte do presidente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, xunto ao alcalde da localidade, José María López Rancaño, e varios edís.
Será, no caso de se cumprir os prazos, o punto final dunha antiga demanda —de moito tempo atrás— reactivada hai catro anos pola veciñanza dun dos concellos galegos que aínda carece de residencia, malia ser un dos máis envellecidos do país. Unha reclamación que fora desdeñada polo goberno local en varias ocasións nos últimos mandatos, primeiro ante a demanda do grupo do BNG e logo tamén ante a do PSdeG.

A nova residencia ocupará o espazo do antigo colexio en desuso por falta de rapazada e que será rehabilitado e ampliado
Un servizo acotío reclamado que aproveitará das instalacións doutra infraestrutura en desuso, un feito que serve tamén como metáfora ou símbolo da grave crise demográfica de Galicia e de concellos do interior.
Porque a nova residencia de maiores ocupará e aproveitará parte dos espazos do colexio novo, unha infraestrutura construída coa intención de acoller os primeiros cursos de Secundaria pero que leva anos sen uso debido á escaseza de rapazada en Abadín. Un municipio onde o 30% da súa poboación supera os 80 anos, que non chega aos 2.300 habitantes e que perdeu un milleiro en dúas décadas e máis da metade desde principios dos oitenta. Só seis de cada cen persoas están por debaixo dos 16 anos.
A mocidade de Abadín cursa desde hai máis dunha década a ESO en Mondoñedo ou Vilalba e os maiores e as súas familias buscan residencias neses mesmos municipios, pero tamén na Pastoriza, Viveiro, Lugo ou outras localidades ante a falta de alternativas.
A mobilización veciñal conseguiu a promesa do Concello de crear a residencia, unha proposta rexeitada durante anos ante as peticións de BNG e PSdeG
Foi esta situación a que levou en 2021 a unha ducia de veciños e veciñas do concello a mobilizarse pola residencia. Colocaron carteis en numerosos establecementos, mandaron información da iniciativa a todas as casas e apañaron sinaturas: pasaron ben das 1.200. O Concello acabou por presentar o proxecto quince días despois de que este grupo de persoas empezase a mobilizarse e atopase o apoio "do 99,9% das persoas ao que fomos pedírllelo".
Catro anos despois, as obras, segundo aclarou a Xunta tras a visita institucional do pasado xoves, avanzan "a bo ritmo", pero a residencia chegará con atraso. Será tras un investimento de 1,2 millóns por parte da Administración autonómica dun total de 2,3 que se completarán coa achega do Concello. O resultado: a rehabilitación e ampliación do edificio do antigo colexio para convertelo en centro residencial con 44 prazas en vinte cuartos, dúas plantas de uso e unha construción anexa.
"Fixémolo, primeiro de todo, por un sentido de humanidade cara aos maiores, porque somos moi debedores da súa vida e do seu traballo e o mínimo é darlles unha vellez con atención e cariño", di Manuel Regal, un dos impulsores do Grupo Veciñal por unha Residencia en Abadín, teólogo, escritor, ex-concelleiro e veciño da parroquia de Candia, que asegura que a chegada da residencia é "benvida" pero que chega "tarde, moi tarde".

A residencia prevé ser inaugurada en 2026 tras ser prometida para 2022: "Chega tarde, moi tarde"
"Coñezo moita xente que ten familiares ingresados en Lugo ou noutros concellos, a moitos quilómetros, gastando moitos cartos e tempo e sufrindo o desapego de xente con certas necesidades, á que separala da súa contorna lle agrava os problemas", explica agora. "Ata para envellecer, neste municipio, hai que emigrar e iso é moi doloroso", explicaba daquela, ao espallarse as reivindicacións entre a veciñanza. "Para moitos vellos chega xa tarde, por desgraza", insiste.
A mobilización de tanta veciñanza, advirte Regal, foi o que levou o alcalde e o seu goberno a decidirse a impulsar o proxecto polo que antes non se movera un dedo, segundo denuncia. O que se prometera, tras a reivindicación social, para 2022 "non chegou nin daquela, nin en 2023, nin en 2024". "Nin vai chegar en 2025 tampouco", explica quen cre que a infraestrutura servirá para "revitalizar" un concello moi despoboado.
"Dará postos de traballo, aumentará o consumo e o movemento na zona e, sobre todo, mellorará a vida dos maiores e da súa xente", insiste. "E no futuro, dentro dalgunhas décadas, estas residencias pequenas acabarán sendo ocupadas por maiores de vilas e cidades que as preferirán", confía.
O grupo de veciños mobilizado pulou tamén por posibles modelos "alternativos" aos maioritarios nas residencias galegas, centros "menos ríxidos do habitual, pequenos, máis familiares e humanizados", na liña dos dalgúns impulsados pola Deputación de Lugo ou mesmo do cohousing, máis unha vivenda compartida que un xeriátrico, "sen renunciar a todos os servizos necesarios". E apostaron por unha xestión pública. Pero non houbo sorte.
"O alcalde xa anunciou que cederá a xestión a unha empresa privada", explica Regal, que lamenta que, sendo ademais un centro sen demasiadas prazas e con novas instalacións, non se opte polo público ou mesmo por un modelo mixto se chegase o caso.
"O noso desexo é que fose pública, de xestión directa polo Concello, con maiores garantías para os dereitos dos traballadores e para as persoas usuarias; todos sabemos que nas privadas a tendencia é acumular máis carga no traballador e acadar a viabilidade a base de recortar en servizos e precariedade", di Regal, que entendería mesmo que a administración local achegase economicamente unha parte para garantir as mellores condicións.
"Queremos que a residencia estea inserida no pobo, que os residentes poidan saír acotío se poden e queren, que poidan visitar os seus familiares e as súas casas... Que todo sexa menos ríxido do que adoita nestes espazos... Non queremos un modelo DomusVi", explicaba Regal hai xa catro anos, cando se anunciara o proxecto dun colexio que virou en residencia e que chega, insiste, "tarde, moi tarde".