A mobilización veciñal conseguiu a promesa do Concello de que creará unha residencia nun centro educativo en desuso por falta de rapazada
Abadín ten pouco máis de 2.300 habitantes, o 42% deles con máis de 64 anos e pouco máis do 5% por baixo dos 16. O grupo de idade máis numeroso neste municipio da Terra Cha lindeiro coa Serra do Xistral é, con diferenza, o de máis de 85 anos: unha de cada dez persoas supera esa idade. Malia todo, segue a ser un dos concellos galegos que carece de residencia para maiores, nin pública nin privada. Xa non por moito tempo.
A mobilización veciñal acabou por conseguir a promesa do goberno municipal de que o Concello creará un centro para algo máis de 50 prazas. Farao nun edificio inutilizado, toda unha metáfora da grave crise demográfica de Galicia e de concellos do interior. A residencia de maiores ocupará o colexio novo, unha infraestrutura construída coa intención de acoller os primeiros cursos de Secundaria pero que leva anos sen uso debido á escaseza de rapazada no municipio.
A mocidade de Abadín cursa desde hai máis dunha década a ESO en Mondoñedo ou Vilalba e os maiores e as súas familias buscan residencias neses mesmos municipios, pero tamén na Pastoriza, Viveiro, Lugo ou outras localidades ante a falta de alternativas.
Desde hai semanas, unha ducia de veciños e veciñas do concello mobilízanse para loitar pola residencia. Colocaron carteis en numerosos establecementos, mandaron información da iniciativa a todas as casas e apañaron sinaturas: ata as máis de 1.100 que xuntan xa.
"Neste municipio, ata para envellecer hai que emigrar e iso é moi doloroso", di Manuel Regal, un dos impulsores
"Facémolo, primeiro de todo, por un sentido de humanidade cara aos maiores, porque somos moi debedores da súa vida e do seu traballo e o mínimo é darlles unha vellez con atención e cariño", di Manuel Regal, un dos impulsores do Grupo Veciñal por unha Residencia en Abadín, teólogo, escritor, ex-concelleiro e veciño da parroquia de Candia.
"Ata para envellecer, neste municipio, hai que emigrar e iso é moi doloroso", explica tras comprobar, polo seu coñecemento da veciñanza, como familias de moitas persoas maiores víanse obrigadas a levar os seus a centros moi afastados da súa zona ante a ausencia dunha residencia.
"Sacar esta xente do seu medio provoca tamén que se desnorten rapidamente, que sufran por estar lonxe e que as familias teñan moitas máis complicacións para poder ir visitalos", explica quen cre que a construción dunha residencia servirá para "revitalizar" un concello quen en vinte anos perdeu uns 1.200 habitantes. "Dará postos de traballo, aumentará o consumo e o movemento na zona e, sobre todo, mellorará a vida dos maiores e da súa xente", insiste.
A veciñanza impulsora da residencia lembra o "sufrimento" da xente que é afastada da súa contorna e a "revitalización" que a instalación suporá no concello
A medida será, con todo, unicamente un parche nunha situación precaria en Galicia, que é unha das comunidades autónomas con menos prazas residenciais para persoas maiores por habitante de todo o Estado: 2,83 por cada 100 persoas de máis de 65 anos, moi por debaixo da media española (4,22).
Das 22.00 prazas residencias de Galicia, máis de 17.000 son privadas. De fixarnos nas prazas con financiamento público --unhas 8.000, contando as existentes nos centros de titularidade pública (unhas 4.800) e aquelas concertadas en centros privados (sobre 3.200)-- supoñen só 1,16 por cada 100 persoas maiores de 65 anos, sendo a comunidade coa cifra máis baixa a nivel estatal.
O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, admitiu na primavera pasada que o Goberno galego non creou ningún centro público nos últimos doce anos e os datos reflicten que desas 4.800 prazas en centros de titularidade pública, 3.900 están en edificios da Xunta ou do Consorcio Galego de Servizos Igualdade e Benestar que comparte con algúns concellos. Ademais, hai outras 800 prazas en residencias propiedade de concellos e unhas 150 de deputacións.
Neste caso, e ante a bonanza económica municipal, o proxecto será feito con fondos propios do Concello, que dedicará 1,5 millóns de euros á residencia de titularidade municipal e cuxo modelo de xestión está aínda por decidir. O feito de que se use un edificio xa feito, que só hai que acondicionar, e que sexa a administración local quen se encargue da obra, como destacara o alcalde, José María López Rancaño, axiliza o proceso. Prevese que poida estar lista en menos dun ano.
A residencia será financiada polo Concello, que achegará 1,5 millóns, e prevese que estea rematada en menos dun ano
Malia que propostas para facer unha residencia chegaran tempo antes da man dos grupos municipais do BNG e do PSOE, o Concello acabou por presentar o proxecto aos quince días de que este grupo de veciños comezase a mobilizarse. Non houbo diferenzas partidarias na iniciativa. "O 99,9% da xente á que pedimos apoio estaba de acordo e o número de sinaturas apañadas é máis que importante", di Regal, que aclara que seguirán "vixiantes" para asegurar que o proxecto tira para adiante, aínda que recoñece que a aprobación, no último pleno municipal, da desafectación dos terreos do colexio novo é un "paso moi importante".
Nun comunicado á veciñanza, o grupo xa advertira de que mantería a recollida de sinaturas "por ser unha obra complexa na que poden aparecer atrancos e perderse os ánimos" e tamén porque non acaban de "fiarse". "Tamén se anunciou hai anos a construción de dous parques empresarias e todo quedou en nada", lembraban.
O Grupo Veciñal por unha Residencia en Abadín aspira a que a residencia aposte por un modelo "menos ríxido", un centro "pequeno, familiar e humanizado"
Agora, aclara Regal, a idea deste grupo de veciños e dos seus apoios é debater e analizar posibles modelos "alternativos" aos maioritarios nas residencias galegas para achegarllos ao goberno municipal. Teñen previsto visitar experiencias exitosas e novidosas noutros puntos de Galicia e apostan por centros "menos ríxidos do habitual, pequenos, máis familiares e humanizados", na liña dos dalgúns impulsados pola Deputación de Lugo ou mesmo do cohousing, máis unha vivenda compartida que un xeriátrico, "sen renunciar a todos os servizos necesarios".
"Queremos que a residencia estea inserida no pobo, que os residentes poidan saír acotío se poden e queren, que poidan visitar os seus familiares e as súas casas... Que todo sexa menos ríxido do que adoita nestes espazos... Non queremos un modelo DomusVi", remata Regal.