A Xunta revela tras unha petición de transparencia que das 790 mortes ligadas a centros de maiores ou dependencia desde o comezo da pandemia, 80 foron en residencias de titularidade autonómica e a metade delas en centros adxudicados á principal empresa do sector
As residencias de titularidade da Xunta rexistraron desde o comezo da pandemia o falecemento dun total de 80 persoas positivas por COVID, e delas a metade, 40, corresponderon a centros cuxa xestión diaria foi entregada pola administración galega a DomusVi. A empresa, a principal do sector, xestiona algo máis dunha cuarta parte do total de prazas existentes nos centros da Xunta, polo que a mortandade neses centros duplicou a rexistrada no resto de residencias públicas autonómicas. Así se desprende dos datos oficiais de falecementos en residencias públicas que vén de obter Praza.gal tras unha petición ao abeiro da lei de transparencia.
Este diario está tentando obter desde hai meses o detalle oficial de mortes con COVID en cada unha das residencias de maiores e discapacidade de Galicia, con diversos obstáculos inicialmente por parte da Xunta e posteriormente cun recurso xudicial de DomusVi que deberá ser resolto pola xustiza.
Para evitar os obstáculos de empresas privadas a que a administración desvele os falecementos en cada centro argumentando que poden afectar a intereses de terceiros, Praza.gal formulou unha petición parcial de transparencia sobre os datos correspondentes só aos centros públicos galegos. Neses casos a Xunta non pode argumentar que os datos afecten a terceiros e ao ser información sobre a propia administración vén de facilitalos oficialmente a este xornal.
Das 22.000 prazas residenciais de Galicia máis de 17.000 son privadas e menos de 4.000 da Xunta, nas que a mortandade foi inferior á media pero aumentou nas que a xestión foi entregada a DomusVi
En Galicia, das 22.000 prazas residenciais existentes, só unhas 4.800 están actualmente en centros de maiores de titularidade pública, segundo os datos oficiais do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social. Delas, unhas 3.900 están en residencias ou vivendas tuteladas titularidade da Xunta ou do Consorcio Galego de Servizos Igualdade e Benestar que comparte con algúns concellos. Ademais, hai outras 800 prazas en residencias propiedade de concellos e unhas 150 de deputacións.
Os datos que agora entrega Política Social a Praza.gal detallan as cifras de falecementos rexistradas nos 48 centros da Xunta ou do Consorcio, que supoñen catro de cada cinco prazas públicas de Galicia e algo menos dunha quinta parte do total incluídas as privadas. Aínda así, se no global de residencias de Galicia, a gran maioría privadas, se rexistraron un total de 790 mortes, delas só 80, un 10%, corresponderon a 14 residencias de titularidade pública autonómica.
Pero as residencias de titularidade autonómica poden estar xestionadas directamente pola Xunta, con persoal público, ou a través de contratos periódicos con empresas privadas. Ao analizar a forma de xestión das residencias nas que se produciron falecementos, tanto nos propios centros como tras o traslado das persoas afectadas a hospitais, compróbase que a metade, 40 mortes, están asociadas a residencias cuxa xestión a Xunta ou o Consorcio entregaron a empresas de DomusVi, xa sexa con esta marca ou a outras do grupo empresarial, caso de Geriatros, a antiga compañía de centros xeriátricos ligada á desaparecida Novacaixagalicia.
Os tres centros públicos con máis de dez falecementos son grandes residencias de máis dun cento de prazas e dúas delas están xestionadas por DomusVi
A cifra de falecementos en centros da Xunta xestionados por DomusVi debe contextualizarse co volume de prazas que supoñen a respecto do total. Unha análise do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social permite comprobar que as residencias da Xunta que xestiona Domusvi suman algo máis de mil prazas, case unha cuarta parte das 3.900 totais. Isto é, DomusVi xestiona case unha cuarta parte das prazas residenciais públicas da Xunta, pero nelas rexistrouse a metade das mortes de todos eses centros públicos. Ou visto doutro xeito, se no global das residencias galegas faleceu arredor dun de cada 25 residentes, en todas as residencias públicas da Xunta a relación foi o dobre de mellor, con só un falecido por cada medio cento de residentes, pero analizando só as de titularidade autonómica xestionadas por DomusVi a relación volve a arredor de un de cada 25.
Ademais, ao analizar os centros públicos da Xunta con máis mortes, compróbase que os tres con máis de dez falecementos son grandes residencias de máis dun cento de prazas e dúas delas están xestionadas por DomusVi. A que rexistrou máis falecementos, a Nosa Señora dos Miragres de Barbadás, con 20 mortes, é un centro de 130 prazas con xestión directa da Xunta. A segunda e a terceira, a de Ribeira e a de Laraxe en Cabanas, son as dúas xestionadas por DomusVi e rexistraron 15 e 10 mortes con 106 e 172 prazas respectivamente.
Por outra banda, as cifras oficiais agora desveladas pola Xunta permiten saber que nas súas residencias 22 persoas faleceron con COVID nos propios centros fronte a 58 que o fixeron tras seren trasladadas a hospitais ou ás residencias medicalizadas habilitadas polo Goberno galego en varios períodos. Tamén, que na gran maioría das residencias de titularidade autonómica, 34 de 48, non morreu ninguén coa COVID. Nestes centros públicos da Xunta con xestión directa, ademais, os focos da COVID foron moito menos frecuentes e mesmo nalgúns dos de maior dimensión non se rexistrou caso ningún da doenza entre as persoas residentes.