O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou esta semana os resultados da súa primeira avaliación detallada das entidades prestadoras de servizos sociais en Galicia. O traballo, que polo momento dispón da información relativa aos anos 2017 e 2018, deita luz sobre un sector do que se recolleu informacion de case un milleiro de entidades en cada un destes exercicios, revelando unha realidade privatizada, totalmente feminizada e con importantes eivas no plano laboral.
Case o 90% das persoas asalariadas nas entidades prestadoras de servizos sociais son mulleres
Segundo a Enquisa a entidades prestadoras de servizos sociais, case o 90% (87,2%) das persoas asalariadas nestas empresas --con datos de 2018, os últimos dispoñibles-- son mulleres, unha porcentaxe que se reduce moito ao avaliar o traballo por conta propia. Neste caso, o persoal feminino representa case algo máis da metade do total.
Case tres de cada dez persoas que traballan nos servizos sociais (o 28%) faino de maneira voluntaria e sen remuneración
Ademais, e tal e como repara o IGE, hai outro "dato a subliñar" ao analizar as características do persoal nestas entidades, xa que case tres de cada dez persoas que traballan nos servizos sociais (o 28%) faino de maneira voluntaria, "sen percibir a cambio unha remuneración", unha porcentaxe que, segundo o Instituto, "é moi elevada de comparalas con outro tipo de entidades".
En total, en Galicia traballan algo máis de 30.000 persoas en entidades prestadoras de servizos sociais, das cales 19.255 so asalariadas, 2.867 por conta propia e 8.604 voluntarias.
O 79% das prazas residenciais nas entidades prestadoras de servizos sociais de Galicia son de titularidade privada
En canto ás prazas residencias --aquelas ocupadas por menores en casas de acollida, por residentes en centros de maiores e por residentes en centros para persoas con algunha discapacidade--, a finais de 2018 o número total era de 22.123. Delas, case o 96% están ocupadas, unha porcentaxe que chega practicamente ao 100% no caso das prazas públicas e que supera o 94% nos centros residenciais privados non financiados.
Ademais, e como destaca o estudo, o 79% das prazas residenciais nas entidades prestadoras de servizos sociais de Galicia son de titularidade privada. Xa que logo, e aproximadamente, só dúas de cada dez son públicas.
Seis de cada dez prazas residenciais en Galicia están ocupadas por persoas maiores de 80 anos
Segundo a enquisa do IGE, o 9,4% das prazas residenciais están ocupadas por persoas de 50 ou menos anos; unha porcentaxe que sobe ata o 15,2% no caso dos homes. Por outra banda, o 59,7% das prazas residenciais están ocupadas por persoas maiores de 80 anos (67,4% no caso feminino fronte a 47,1% no caso dos homes).
En canto ás prazas non residenciais (escolas infantís ou centros de día), o 70% están ocupadas por persoas menores de 50 anos, fundamentalmente menores escolarizados.
A análise sobre a situación dos servizos sociais en Galicia por parte do IGE chega só uns meses despois do estudo realizado polo sindicato CCOO, que advertía de que unhas 40.000 persoas traballan na dependencia en Galicia, con salarios baixos e condicións precarias que foran empeoradas pola COVID.