Ao redor de 40.000 persoas, mulleres na súa gran maioría (ao redor do 90%), traballan en actividades relacionadas cos servizos á dependencia en Galicia. Destas, 18.000 fano en actividades de servizos sociais sen aloxamento e 20.400 en establecementos residenciais. Moitas delas fano en condicións de precariedade laboral e con salarios baixos. É a situación de partida do estudo 'O sistema de atención á dependencia en Galicia: prestacións e emprego', que CC.OO. presentou este martes.
Ao redor de 40.000 persoas, mulleres na súa gran maioría (ao redor do 90%), traballan en actividades relacionadas cos servizos á dependencia en Galicia, con salarios baixos e contratos precarios
Aínda que o emprego é maioritariamente a xornada completa, o traballo a tempo parcial está 9 puntos por riba da media galega no conxunto das ramas (21% fronte a 12%) e máis aínda nos servizos sen aloxamento, nos que a taxa de parcialidade é do 31%. O estudo salienta ademais que "a carga de traballo das traballadoras e traballadores é excesiva porque os cadros de persoal son insuficientes e polo aumento das funcións encomendadas a algunhas categorías profesionais, co obxecto de suplir as doutras categorías que son deficitarias".
O sindicato demanda un plan de choque "con recursos abondos" para reforzar o sistema de atención á dependencia en Galicia, restituíndo "a calidade e suficiencia" das prestacións e mellorando as condicións laborais do sector. Na presentación do estudo, a secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO, Maica Bouza, subliñou que a crise da Covid-19 "sacou á luz" as debilidades do sistema en Galicia, pero tamén "puxo en evidencia" a importancia de coidar as persoas en situación de dependencia. CC.OO. pide que se leve a cabo unha auditoría do impacto da Covid-19 e demanda a reversión dos recortes que padeceu o sistema durante anos, para o que debe incrementarse a oferta de servizos de xestión pública directa.
O sindicato demanda un plan de choque "con recursos abondos" para reforzar o sistema de atención á dependencia en Galicia
O documento lembra que o sistema de atención á dependencia "tivo unha implantación lenta, aínda que progresiva" ata que os recortes do ano 2012 provocaron un retroceso na cantidade e calidade das prestacións e, por conseguinte, nas condicións do emprego. "Destruíuse emprego temporal e indefinido, e o que se crea é de ínfima calidade: alta temporalidade, parcial e descontinuo", alértase. A lixeira melloría experimentada desde 2015 "non abondou" para recuperar nin a atención nin o emprego de calidade nunha actividade pouco profesionalizada, engade o estudo.
"Excesiva carga de traballo" nas residencias
CC.OO. esixe de Política Social que "mellore o labor de inspección" nas residencias e lembra que a Xunta aplica a ratio de persoal máis baixa do Estado español
No estudo, o sindicato analiza por separado a situación existente nas residencias de maiores e a que se produce noutros ámbitos, comezando pola asistencia en domicilios. Nas residencias, o estudo salienta que o principal problema é a "excesiva carga de traballo", producida pola falta de persoal e pola súa mala distribución, "o que tamén ten repercusións negativas na saúde dos traballadores e das traballadoras". Ademais, alértase de que "os centros son deficientes" e que "deben mellorarse tanto os equipamentos como as instalacións".
Nestes centros, explícase no informe, "os salarios son moi baixos", pois nas categorías máis habituais do sector apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional e, ademais, "abúsase da contratación temporal e a xornada parcial". Así mesmo, a conciliación familiar é moi complicada pois na maior parte dos centros trabállase en quendas de luns a domingo.
"A chegada da covid-19 empeorou as condicións de seguridade e saúde no sector" pois "faltaron equipos de protección individual", alerta CC.OO.
Na presentación do informe, o responsable de residencias da Federación de Sanidade de CCOO, Alfonso García Blanco, lembrou que a pesar das crecentes necesidades producidas pola pandemia, o problema da falta de persoal non foi corrixido. Ademais, o sindicalista esixiu da Consellaría de Política Social que "mellore o labor de inspección" nas residencias.
Sobre a falta de persoal e o conseguinte exceso de carga de traballo, CC.OO. destaca que en Galicia a Xunta aplica a ratio máis baixa do Estado español para dotar os centros de persoal de atención directa (0,25 para persoal non dependente e 0,35 para persoal dependente), moi lonxe do permitido na normativa estatal e o aplicado noutras comunidades autónomas onde a media está entre 0,32 para persoas non dependentes e 0,54 para dependentes.
Precarización laboral na axuda no fogar
Na atención domiciliaria non residencial, os salarios son baixos e as xornadas máximas establecidas polo convenio colectivo (25 horas nos contratos a tempo parcial) adoitan ser superadas con frecuencia
En canto ao traballo no fogar, Carmen Villar, secretaria da Muller da Federación de Construción e Servizos, advertiu a "dura e complicada" situación destes servizos e criticou a "falta de coordinación" entre as consellarías implicadas (Política Social e Sanidade), que aprobaron cadanseu protocolo "feitos sen coñecer a realidade do sector, o que impediu aplicalos na súa totalidade". Villar denunciou igualmente as malas condicións de traballo e os incumprimentos de moitas empresas. E esixiu "xornadas continuadas, con carga horaria suficiente e sen ocos baleiros", xa que na actualidade a súa distribución irregular provoca que as auxiliares teñan que estar a disposición da empresa aínda que non estean efectivamente traballando.
Nesta atención domiciliaria non residencial, os salarios son igualmente baixos e as xornadas máximas establecidas polo convenio colectivo (25 horas nos contratos a tempo parcial) adoitan ser superadas con frecuencia. O estudo culpa da precariedade crecente a empresas e concellos: "a Administración priorizou o aforro, o que levou a traballadoras/es a salarios por baixo de convenio e a non cobraren o tempo de desprazamento nin quilometraxe". O informe alerta igualmente das enfermidades laborais que se producen entre as traballadoras e destaca que "a chegada da covid-19 empeorou as condicións de seguridade e saúde no sector" pois "faltaron equipos de protección individual".
As cifras da dependencia
Segundo a última Enquisa estrutural a fogares (EEF), elaborada polo Instituto Galego de Estatística, no ano 2017 declarábanse en situación de dependencia en Galicia 117.875 persoas, un 25,06% máis ca no 2011. Isto significa que o 4,40% da poboación galega tiña unha situación de dependencia.
O 46,72% das persoas que recibían coidados eran atendidas por membros do fogar; no 34,66% dos casos a tarefa era compartida polos membros do fogar con persoas de fóra; no resto (18,62%), eran coidadas por membros de fóra do fogar exclusivamente. En Galicia había nese ano uns 107.577 fogares con persoas dependentes. No 72% deles, o coidado das persoas con dependencia supoñía un gasto para o fogar e no 83% dos fogares con gasto, o propio fogar debía asumir a totalidade deste gasto.
A media de gasto por persoa dependente en Galicia no ano 2019 foi case 923 euros inferior á media estatal (un 15,7% menos), debido a que na carteira de servizos galega teñen maior peso os servizos de menor custo
O informe lembra tamén a situación da valoración da dependencia e os atrasos que se seguen producindo. Entre xaneiro e setembro 77.471 persoas pediron en Galicia ser valoradas para determinar se están en situación de dependencia, un número de solicitudes "moi baixo se temos en conta que en Galicia hai 236 566 persoas maiores de 80 anos", destaca CC.OO. Avaliáronse 77.138 e quedaron, polo tanto, 333 pendentes de resolver. Porén, outras 5.219 persoas dependentes ás que xa se lles recoñeceu a súa situación aínda non se benefician da prestación ou servizo que lles foi recoñecido, atopándose nunha caste de limbo ou en lista de espera. Ata o mes de xuño 395 persoas morreran en Galicia na lista de espera da dependencia.
Segundo o Observatorio da Dependencia, a media de gasto por persoa dependente en Galicia no ano 2019 foi case 923 euros inferior á media estatal (un 15,7% menos), debido a que na carteira de servizos galega teñen maior peso os servizos de menor custo, como a teleasistencia e promoción, ou os moderados como a axuda a domicilio, a prestación económica vinculada ao servizo ou a prestación económica de coidados familiares.
O sector das residencias
O 77,44% das case vinte mil prazas residenciais con que conta Galicia son privadas. Hai unhas 15.400 prazas privadas en centros de maiores, fronte a 4.487 públicas
Na actualidade o 77,44% das case vinte mil prazas residenciais con que conta Galicia son privadas; hai unhas 15.400 prazas privadas en centros de maiores, fronte a 4.487 públicas, das que a Xunta é titular de 3.595. En total, das 325 residencias (de maiores e de atención á discapacidade), 255 son privadas. Das 258 residencias de maiores que existen en Galicia, 195 son privadas.
Nestas 195 conviven os que son propiedade de empresas mercantís e os que son de entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro. Entre as entidades sen ánimo de lucro con maior número de centros propios destaca a Fundación San Rosendo, con 26 centros (a maioría deles en Ourense).
A empresa privada con maior implantación é Domusvi, que xestiona 26 residencias, as mesmas que a Xunta
A empresa privada con maior implantación en Galicia é Domusvi, con 18 centros propios nos que máis dun 50% das prazas son concertadas (subvencionadas pola Xunta); ademais, xestiona oito centros que son propiedade da Xunta. En total xestiona 26 residencias, as mesmas que o propio Goberno galego, lembra o informe de CC.OO. Tendo en conta as prazas concertadas existentes, das 19.887 prazas residenciais para maiores existentes en Galicia, a Xunta estaría financiando 6.950, un 35% do total, deixando en mans privadas o 65% das prazas.