A pandemia de coronavirus segue a ter nas residencias de maiores un dos seus principais focos, que se constitúen no espazo que acumula un maior número de falecementos en Galicia. Nas últimas semanas a polémica xirou ao redor da residencia de Salvaterra do Miño, centro intervido pola Xunta que suma xa máis dunha vintena de mortes, e tamén sobre os centros de DomusVi, pero son varias as instalacións que acumulan gromos de importancia, con varias ducias de casos. O número total de mortes de residentes infectados e infectadas pola Covid-19 ascende xa a 472, 192 delas dende o mes de agosto.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou este martes que a Xunta está a traballar no que definiu como un "novo modelo" de residencias para as persoas maiores
Neste escenario, a Consellaría de Política Social continúa a defender a súa xestión, celebrando que "nestes intres o 85 % das residencias de maiores e discapacitados de Galicia estean libres de virus". Ademais, a conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou este martes que a Xunta está a traballar no que definiu como un "novo modelo" de residencias para as persoas maiores. García prometeu que neste modelo de residencias "perfeccionado" haberá unha maior "coordinación sociosanitaria". Para a Consellaría de Política Social, a mellora da situación actual pasa por "continuar apoiando" as residencias galegas e "continuar visitando" todos os centros "para que teñan ben feitos" os necesarios plans de adaptación á nova situación.
Mentres, na residencia de Salvaterra do Miño a situación continúa a empeorar, nunha suma continua de mortes, que xa superan a vintena. Neste contexto, a xestión realizada nesta instalación motivou nos últimos días un intercambio de declaracións entre sindicatos e a asociación de traballadoras Trega, por un lado, que critican o funcionamento do centro nos últimos anos, e a Asociación Gallega del Sector de la Dependencia (AGASEDE) que, xunto cun grupo de familiares, defendeu a actuación da empresa.
Protesta en Salvaterra contra o propietario da residencia e a Xunta
A CIG levou a cabo este martes unha concentración de protesta diante do xeriátrico para reclamar que se "depuren responsabilidades" pola xestión realizada pola empresa e a inspección que depende da Xunta e lembrando que o sindicato leva dende o ano 2017 denunciando a falta de persoal e as deficiencias nas instalacións e na atención.
A CIG levou a cabo este martes unha concentración de protesta diante do xeriátrico para reclamar que se "depuren responsabilidades" pola xestión realizada pola empresa
"Esta residencia saltou ao primeiro plano da actualidade unha vez que o persoal do Sergas se incorporou ao centro para reforzar o cadro de persoal e comezou a facer públicas as condicións nas que se atopan as instalacións e os residentes", explica a CIG. Porén, sinala que a central levaba anos denunciando a situación, sen que a Xunta ou o Concello de Salvaterra fixesen nada. O sindicato denunciara tamén unha "campaña de acoso laboral e os despedimentos por parte da dirección como represalia ás traballadoras afiliadas da CIG que decidiron presentarse ás eleccións sindicais".
A CIG critica que esta problemática "dáse tamén noutros centros de traballo e son moitos os empresarios sen escrúpulos que se lucran deste sector” e denuncia "que todo isto sucede coa complicidade necesaria do propio Goberno da Xunta, un Goberno responsábel e culpábel desta situación”. "Para sacar cartos desta miseria, para que o capital siga acumulando, hai que maltratar mulleres e desamparar a clase traballadora dependente", engade a central.
Unha asociación que agrupa centros de maiores galegos respondeu ás denuncias acusando as voces críticas de "aproveitar a situación" para defender o modelo público de residencias
Pola súa banda, a patronal das residencias galegas, AGASEDE, defendeu a xestión realizada na residencia de Salvaterra, ao igual que un grupo de familiares de usuarios do centro, e cualificou como "vergonzoso" que "determinados colectivos utilicen os medios de comunicación para sementar dúbidas sobre a atención dos residentes" e acusounos de "aproveitar a situación para defender que todas as residencias deberían ser públicas".
Este rexeitamento do modelo público de residencias centrou tamén a intervención no Parlamento galego de Josefina Fernández, conselleira delegada de DomusVi, a empresa que acumula un maior número de mortes por coronavirus entre os usuarios das súas residencias en Galicia.