174 usuarios e usuarias das residencias de maiores morreron na segunda onda da pandemia. Son máis do 42% de todos os falecementos dende agosto, unha porcentaxe moi semellante ao 44% da primeira onda
174 usuarios e usuarias das residencias de maiores galegas morreron na segunda onda da pandemia despois de ter enfermado da Covid-19. Estas defuncións supoñen máis do 42% de todos os falecementos producidos polo coronavirus en Galicia dende agosto, unha porcentaxe moi semellante ao 44% da primeira onda. As 174 mortes de residentes súmanse ás 273 que se rexistraran entre marzo e xuño, un total de 447 defuncións.
Estes datos, unidos aos importantes gromos rexistrados en determinadas residencias (maioritariamente privadas), con máis dun cento de persoas infectadas en moitos casos, motivaron nos últimos meses as continuadas críticas de colectivos de usuarios e familiares e tamén as denuncias de asociacións de traballadoras e de sindicatos. Alértase de problemas ligados á falta de persoal, carencia de medios materiais e equipos de protección e faise fincapé na responsabilidade da Consellaría de Política Social, que debe velar polo correcto funcionamento de todas as residencias.
Estes datos, unidos aos importantes gromos rexistrados en determinadas residencias motivaron nos últimos meses as continuadas críticas de colectivos de usuarios e familiares e tamén as denuncias de asociacións de traballadoras e de sindicatos
Dende a asociación de familiares e usuarios de residencias REDE saliéntase o feito de que mentres que a primeira onda do coronavirus, en marzo, puido coller de sorpresa a Política Social, para a segunda vaga da pandemia as residencias deberían ter estado moito mellor preparadas. "A situación nesta segunda onde está sendo lixeiramente mellor que na primeira, pero tiña que ser moitísimo mellor", dicía hai uns días Francisco Xose Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna e secretario de REDE, que denunciaba que "nas residencias de DomusVi séguese facendo o que se facía na primavera, cando non se tiña nin idea de nada, de como frear o virus". E responsabilizaba da situación á deficiente inspección por parte da Xunta, pedindo o cese de de Berta Besada, xefa do servizo de inspección da Consellería de Política Social.
De igual xeito, a asociación de traballadoras Trega denunciaba esta semana que moitas residencias de maiores en Galicia seguen sen estar preparadas para protexer do coronavirus aos seus usuarios e usuarias. "Tiveron moitos meses para actuar. Todo o mundo estaba avisado de que no outono ía vir unha segunda onda da pandemia. E que se fixo? Non se fixo nada", dicía Sonia Jalda, que poñía o foco igualmente na incorrecta xestión realizada pola Xunta.
Fronte ás críticas, Política Social afirma que "vixía, mediante a inspección, que nestes centros se cumpre a normativa vixente".
Fronte ás críticas, a Consellaría de Política Social defendeu este xoves a súa xestión, afirmando que "o Goberno galego mantén a tutela de todas as residencias de Galicia e vixía, mediante a inspección de servizos sociais, que nestes centros se cumpre a normativa vixente". Política Social engade que "naqueles casos nos que a atención se ve comprometida, a Xunta ten demostrado actuar con contundencia e axilidade mediante a intervención dos centros ou mediante a apertura de procedementos sancionadores".
A pesar das denuncias de familias e persoal, a consellaría afirma que "a día de hoxe, as residencias de Galicia están máis preparadas para facer fronte a unha enfermidade infectocontaxiosa a través dun conxunto de medidas que inclúen un reforzo do persoal"
Ademais, a consellaría afirma que "a día de hoxe, as residencias de Galicia están máis preparadas para facer fronte a unha enfermidade infectocontaxiosa a través dun conxunto de medidas que inclúen un reforzo do persoal". Di, igualmente, que "tamén está subministrando EPIs a todas aquelas que o necesitan a través da plataforma que centraliza o reparto de metarial á Administración autonómica". Finalmente, a Consellaría de Política Social rexeita as denuncias realizadas por Trega e por varios sindicatos sobre a situación da residencia da maiores de Salvaterra do Miño. O departamento do Goberno galego afirma que a denuncia "inclúe mesmo acusacións acerca de ilegalidades, como as referidas ás inspeccións levadas a cabo pola Administación autonómica aos centros, que non están baseadas en probas e que desmentimos taxantemente".
Trega vén denunciando que as inspeccións que realiza a Consellaría de Política Social ás residencias privadas son precedidas de avisos a estes centros, polo que resultan totalmente ineficaces para detectar ou corrixir posibles funcionamentos deficientes ou ilegalidades.