A Residencia San Carlos, en Celanova, foi un dos primeiros centros de maiores nos que o pasado mes de marzo se detectou un brote de coronavirus de importancia. O 22 de marzo notificouse a existencia de 24 positivos, nun momento no que as residencias galegas sumaban medio cento de infeccións. Nos días seguintes as traballadoras do centro reclamaron a axuda urxente das administracións, pois case todo o persoal fora contaxiado, e as catro traballadoras restantes tiñan que facerse cargo de atender a todos os usuarios e usuarias: "Levamos días facendo quendas de 14 horas, pero necesitamos descansar. Se non nos axudan, vai morrer moita xente".
O padroado da Fundación amósase "aberto" a incorporar unha persoa representante das familias no seu Consello Reitor, e tamén unha representante do persoal e outra representante do Concello de Celanova
Agora esta residencia, xestionada pola Fundación Hospital San Carlos, pode converterse nun exemplo de boas prácticas e de participación dos seus usuarios e familias na súa organización. O padroado da Fundación amósase "aberto" a incorporar unha persoa representante das familias no seu Consello Reitor, e tamén dunha representante do persoal e doutra representante do Concello de Celanova.
Esta decisión é consecuencia dunha moción presentada no pleno municipal do mes de setembro por todos os grupos políticos con representación. Aquela moción reclamaba unha dotación económica municipal para que a residencia puidese facer fronte aos gastos extraordinarios derivados da pandemia e coronavirus e, igualmente, pedía a incorporación ao Padroado de representantes das familias, do persoal e incrementar a representación do Concello (na actualidade xa conta cun posto).
A residencia vén de solicitar unha subvención municipal de 72.000 euros, que iría aparellada a esta apertura do padroado a familias, traballadoras e Concello, un paso ao que a Fundación se amosa favorable. REDE, a Federación Galega de Familias de Usuarios de Residencia e Dependencia, fixo pública xa a súa "satisfacción" e "ilusión" polo acordo acadado pola Fundación e o Concello, que facilita que "por vez primeira en Galicia familiares tomen parte de forma directa na xestión dun centro sociosanitario de titularidade público-privada".
REDE celebra un acordo que facilita que "por vez primeira en Galicia familiares tomen parte de forma directa na xestión dun centro sociosanitario de titularidade público-privada"
REDE felicita ás persoas responsables do acordo, "que se esforzaron en lograr que esta iniciativa saíse adiante cun respaldo unánime na corporación e moi amplo entre as traballadoras do centro e os membros da dirección". A entidade confía ademais en que o acordo se faga efectivo "canto antes" e que se establezan "uns criterios aceptados por todas as partes para a elección dos representantes das familias e da corporación municipal".
De igual xeito, considera unha boa nova a achega económica de 72.000 euros que realizará o Concello, que considera que se deberían investir na contratación "dunha enfermeira máis até dotar o centro de atención especializada as 24 horas e durante toda a semana". Así mesmo, debería servir para "contratar persoal para tarefas específicas de limpeza e lavandaría", que veñen sendo desenvolvidas polas auxiliares "cunha carga de traballo que lles dificulta realizar co debido coidado o labor propio da súa cualificación". Finalmente, pide que se contraten "máis auxiliares" co obxectivo de "manter o nivel da atención nas novas circunstancias que impón a pandemia".
Tamén a agrupación local do BNG en Celanova celebrou o acordo, que axudará a que a residencia sexa "máis pública e máis democrática" e estea "mellor financiada". “Celanova dá exemplo e senta un precedente. Este acordo significa que todos nos responsabilizamos e recoñecemos o outro o seu dereito a co-responsabilizarse”, sinala a formación.
REDE e outras entidades reclaman un cambio no modelo de residencias, para camiñar cara a uns servizos sociais "plenamente públicos, asequibles, de calidade e de proximidade"
REDE e outras entidades, como a asociación de traballadoras de residencias Trega, levan anos reclamando un cambio no modelo de residencias, avanzando cara a un sistema enteramente "público, universal e de calidade". Esta demanda fíxose máis urxente nos últimos meses, nos que a pandemia de coronavirus golpeou con forza estas instalacións, provocando centos de mortes en Galicia e deixando ao descuberto as importantes carencias de persoal que moitas presenzas. Unhas eivas que derivan en moitos casos nun trato degradante para moitos maiores.
Das 24.819 prazas en residenciais existentes en Galicia, tan só un 15,7% son de xestión pública e que case un 40% son propiedade de empresas privadas con ánimo de lucro. Para REDE, "existen claras evidencias ou indicios de que esa privatización xogou un papel determinante na elevada mortalidade ocorrida nas residencias galegas". A entidade reclaman un cambio de modelo, para garantir "uns servizos sociais plenamente públicos, asequibles, de calidade e de proximidade".