A Valedora afea á Xunta a súa demora en facilitar datos abertos sobre a evolución da pandemia en Galicia
A Xunta segue a tropezar na súa falta de transparencia sobre a evolución da pandemia da COVID-19 en Galicia, tras meses á cola das comunidades autónomas no que a divulgación de datos oficiais se refire e malia á advertencia ao respecto da UE aos gobernos das rexións europeas. Despois de que a Consellería de Sanidade se negase a responder a unha petición oficial de transparencia sobre cantas persoas morreron en cada residencia de maiores de Galicia alegando que tería que “reelaborar” os datos, agora a Consellería de Política Social non recorre a ese argumento pero igualmente rexeita facilitar ese detalle. Ao tempo, a Valedora do Pobo vén de afear ao Goberno galego a súa demora en facilitar datos abertos e reutilizables sobre a evolución da pandemia en Galicia.
Política Social resolve "conceder o acceso á información" solicitada sobre as residencias "por estar no ámbito de aplicación" das leis estatal e galega de transparencia pero facilita só a cifra total e non o detalle de cada centro como se lle reclamou
A finais de novembro a Consellería de Sanidade rexeitou responder a unha petición oficial de Praza.gal ao amparo da Lei de Transparencia sobre o número de persoas falecidas positivas por COVID “en cada unha das residencias ou centros sociosanitarios de maiores e dependencia de Galicia desde o 1 de marzo de 2020”. O secretario xeral da consellería, Alberto Fuentes, amparouse nunha excepción da norma que permite denegar peticións de transparencia cando requiran "reelaborar" a información.
Tras esa negativa de Sanidade, este diario formulou unha petición idéntica á Consellería de Política Social, responsable de supervisar eses centros. Pola contra a contestación destoutro departamento, ao límite do prazo máximo dun mes que dá a lei, non recorre á excepción prevista para non facilitar os datos se estes requiren de “reelaboración”, o que deixa en evidencia a argumentación de Sanidade.
Ao contrario que aquela resposta, Política Social resolve “conceder o acceso á información” solicitada “por estar no ámbito de aplicación” das leis estatal e galega de transparencia. Porén, malia resolver facilitar a información de “cada unha das residencias”, como se lle pedía, o escrito comunicado a este diario limítase a ofrecer o total de falecidos en residencias e ou centros integrados ata comezos de decembro, ocultando igualmente o detalle de cada residencia.
A Xunta non ofreceu datos abertos reutilizables sobre a pandemia ata finais de novembro, oito meses despois da súa chegada a Galicia
Por outra banda, a Xunta tamén rexeitou no seu momento outra petición de transparencia de Praza.gal na que solicitaba acceso aos datos que Sanidade vén ofrecendo sobre a evolución da pandemia en formatos abertos e reutilizables. A petición, formulada o 9 de setembro, medio ano despois de que a Xunta comezase a informar dos primeiros casos de coronavirus en Galicia, non foi respondida polo Goberno galego dentro do prazo dun mes que dá a lei.
Xusto no remate dese prazo, o venres 9 de outubro, o Goberno galego activou por primeira vez unha web específica sobre a evolución do coronavirus con menos datos dos que xa viñan ofrecendo outras comunidades desde meses antes. Porén, esa web non permitía a descarga ou acceso a datos abertos ou reutilizables.
En ausencia tamén dunha resposta directa á petición oficial de transparencia, o 13 de outubro este diario formulou unha reclamación ante a Valedora do Pobo, responsable da Comisión da Transparencia que supervisa o cumprimento desa lei por parte das administracións galegas. Ese mesmo 13 de outubro a Xunta respondeu fóra de prazo a petición remitindo á web na que os datos seguían sen estar dispoñibles en formatos abertos.
"Debe lembrarse á Consellería de Sanidade a súa obriga de resolver as solicitudes de acceso á información dentro do prazo dun mes que establece a lei", di a Valedora do Pobo, que advirte que o incumprimento reiterado é unha "infracción grave"
Non foi ata finais de novembro, oito meses despois do inicio da pandemia e dous meses e medio despois da petición deste diario, cando o recurso xa estaba a ser analizado pola Valedora, que a Xunta activou a descarga en formatos abertos dos datos da súa web.
Agora a Valedora vén de resolver a reclamación deste diario estimándoa “por motivos formais” ao comprobar que a web á que remitiu a Xunta xa si permite a descarga dos datos abertos pero cun apercibimento a Sanidade pola súa demora: “Debe lembrarse á Consellería de Sanidade a súa obriga de resolver as solicitudes de acceso á información dentro do prazo dun mes que establece o artigo 27.4 da Lei 1/2016 [de Transparencia de Galicia] e a consideración do seu incumprimento reiterado como infracción grave para os efectos da aplicación aos responsables do réxime disciplinario previsto na correspondente normativa”.