Sanidade responde a unha petición expresa de transparencia remitindo á web que activou a pasada semana, na que non existe a posibilidade de descargar e reutilizar series históricas de datos como aposta na súa propia lexislación
“A interpretación e aplicación” da Lei de Transparencia de Galicia, di o propio texto legal no seu artigo 2, rexerase, entre outros, polo “principio de reutilización da información, polo que se facilita a difusión dela en formatos abertos para que a cidadanía poida aproveitar, para as súas actividades, os documentos e datos publicados”. Malia esa esixencia legal, a Xunta vén de rexeitar unha petición expresa de acceso aos seus datos da evolución do coronavirus en Galicia en formatos reutilizables e abertos, remitindo como toda resposta á web que activou nos primeiros días de outubro na que non existe esa posibilidade, senón que só ofrece unha visualización de parte dos mesmos predefinida polo propio Goberno galego.
Tras máis de seis meses limitándose a ofrecer unha nota de prensa diaria con algúns datos conxunturais da situación da pandemia en Galicia, o pasado 9 de outubro a Xunta activou un sitio web onde amosa gráficos da evolución no tempo dalgún dos indicadores que manexa, serie histórica que mantivera oculta ata agora, tanto a relativa ao global galego como por áreas sanitarias. Porén, os datos desas gráficas e do resto de información desa nova web (agás os mapas coa situación fixa dos concellos dúas veces á semana) seguen sen estar dispoñibles en formatos abertos, descargables e reutilizables por calquera persoa interesada, como si facilitan a gran maioría do resto de comunidades autónomas.
A Lei de Transparencia galega de 2016 aposta polo "principio de reutilización da información, polo que se facilita a difusión dela en formatos abertos", algo que Xunta incumpre co coronavirus
Ao achegarse os seis meses de pandemia con restricións na información, e un mes antes de que a Xunta activase a nova web, o 9 de setembro Praza.gal formulou unha solicitude de transparencia para ter acceso “aos arquivos informáticos que teña no seu poder a Consellería de Sanidade, en formato .csv ou calquera outro similar que recolla táboas ou series de datos, nos que veña rexistrando a evolución e a incidencia da pandemia da COVID-19 na poboación galega”. A Lei de Transparencia galega dá un prazo máximo dun mes á administración para responder a esas solicitudes, pero a Xunta non o fixo ata este 13 de outubro, poucas horas despois de que este diario formulase unha reclamación por silencio administrativo presunto ante a Comisión da Transparencia de Galicia, competencia da Valedora do Pobo.
A resposta textual ofrecida pola Xunta é: "resólvese conceder o acceso á información a que se refire a solicitude, no seguinte senso: Os datos solicitados poden consultarte no seguinte enlace: https://coronavirus.sergas.gal/datos/#/gl-ES/galicia". A web é a activada hai unha semana pola Xunta. Nela é posible visualizar algúns dos devanditos datos, pero non ofrece ningunha fonte de datos abertos que permita a súa descarga e reutilización á cidadanía.
A petición formulada por Praza.gal xa argumentaba contra algún dos obstáculos que adoita poñer a Xunta para rexeitar ofrecer a información solicitada, como a posibilidade que contempla a lei de que a administración non facilite algo do que non dispoña ou que implique a reelaboración do que xa ten. Nesa liña, a solicitude reclamaba datos que “teña no seu poder a Consellería de Sanidade” sen que esa información “sexa reelaborada”.
A mera activación da nova web cunha visualización dos datos predefinida e acoutada pola propia Xunta é proba de que a administración dispón das series de datos solicitadas. E conta, ademais, con arquivos como os que diversas administracións públicas, dende numerosas comunidades autónomas ata o Instituto de Salud Carlos III, dependente do Goberno de España, poñen á disposición da cidadanía para a súa descarga e libre reutilización. A propia Xunta utiliza estes formatos no seu sitio web de datos abertos, que segue sen recoller información ningunha sobre a epidemia do coronavirus.