Do coronavirus aos incendios: un Día do Dereito a Saber ás escuras en Galicia

O catálogo de datos abertos da Xunta, unha obriga establecida na Lei de Transparencia de 2016, non recolle nada sobre a pandemia do coronavirus CC-BY-SA Praza Pública

En contra das recomendacións da ONU e obviando a lei autonómica de 2016, a Xunta vén restrinxindo o acceso da cidadanía á información que posúe sobre todo tipo de cuestións da súa competencia, en particular relacionada con crises

O 28 de setembro é, para a ONU, o Día Internacional do Acceso Universal á Información, ou Día do Dereito a Saber. Un día que este 2020 está centrado “no dereito á información en tempos de crise e nas vantaxes de contar con garantías constitucionais, estatutarias e/ou normativas para o acceso público á información a fin de salvar vidas, fomentar a confianza e axudar á formulación de políticas sostibles ao longo da crise de COVID-19 e máis alá dela”. Esas garantías normativas do dereito a saber están en Galicia supostamente reguladas pola Lei 1/2016 de transparencia e bo goberno, un texto que máis de catro anos depois a Xunta segue a incumprir reiteradamente, con crises como a do coronavirus ou as peródicas dos incendios forestais como exemplos máis recentes da opacidade do Goberno galego.

O dereito a saber vai máis alá da liberdade de prensa ou da liberdade de expresión e é unha premisa para elas. É o dereito a que calquera cidadán, sen ser xornalista, acceda directamente a información das administracións. Por iso a Lei de Transparencia de 2016, aplicación a Galicia da estatal de 2013, contempla dous tipos de accesos á información das administracións públicas: a activa, na que a propia administración debe facilitar información por iniciativa propia e preferentemente en formatos abertos e reutilizables, e a pasiva, na que calquera cidadán pode pedir datos concretos en poder da administración.

Mapas interactivos sobre o impacto da covid-19 divulgados por Euskadi e Catalunya e gráfico de novos casos publicado por Asturias CC-BY-NC-SA Praza Pública

A lei galega de transparencia segue sen contar co regulamento que a desenvolva e a Xunta evita cumprir a aposta establecida nela polos datos abertos e reutilizables, dos que non ofrece ningún sobre o coronavirus, a diferenza doutras comunidades

Máis de catro anos despois a lei segue sen contar co regulamento que a desenvolva, e a súa aposta polos datos abertos e reutilizables queda especialmente en evidencia na actual crise do coronavirus, na que a Xunta vén limitándose a facer público un parte diario con formato de nota de prensa cuns poucos datos da situación conxuntural da pandemia en Galicia, moitos menos dos que facilitan a maioría do resto de comunidades autónomas, que informan da evolución e o fan de xeito interactivo. Ademais, parte dos datos que ofrece a Xunta, como os referidos ás residencias de maiores ou os centros educativos, van dirixidos só aos medios de comunicación e non son facilitados directamente á cidadanía. [Galicia, á cabeza do Estado en opacidade na difusión de datos sobre o coronavirus]

O presidente Feijóo defende a opacidade na información limitando a súa argumentación a que ofrecer datos por concellos podería supoñer un sinalamento das persoas afectadas nos municipios máis pequenos, pero obviando que outras comunidades ofrecen información por comarcas, idade das persoas afectadas, evolución da incidencia ou mesmo novos casos diarios, ou semanais, cifras básicas que a Xunta evita facilitar. As trabucadas son o resto de autonomías, e mesmo o poder xudicial, non a Xunta, vén dicir o Goberno galego, nunha actitude que xa lle valeu non só o reproche da oposición senón tamén do Colexio de Xornalistas.

Pero incluso coa pouca información que a Xunta ofrece sobre a pandemia a respecto doutros territorios está a incumprir o Goberno galego a súa propia Lei de Transparencia, ao evitar facilitar os datos en formatos abertos e reutilizables malia admitir que dispón deles, e moitos máis. A lei establecía a obriga de crear un catálogo de datos abertos, pero na súa web non hai ningún a respecto do coronavirus.

Páxina web de transparencia da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

A propia Lei de Transparencia salienta que “non só é importante a cantidade dos contidos ofertados senón a calidade destes, e mesmo o seu formato”, que aposta por facilitar mesmo “con fins comerciais”

A propia Lei de Transparencia de 2016 salientaba que “non só é importante a cantidade dos contidos ofertados senón a calidade destes, e mesmo o seu formato”, establecendo “como modalidade preferente de difusión da información pública os formatos abertos, que permitan á cidadanía a reutilización dos datos públicos”. Unha reutilización que a lei establece “con fins comerciais ou non comerciais” coa finalidade de “facilitar un mellor coñecemento da actividade do sector público e o uso dos datos para a creación, por parte de terceiros, de produtos derivados e servizos de valor engadido”. No caso do coronavirus, como no resto de informacións baseadas en series de datos, Praza.gal vén ofrecendo desde o seu nacemento a posibilidade de descarga da información. [Seis meses de pandemia do coronavirus en Galicia, en seis gráficos].

A Xunta non informa de todos os incendios senón só dos que cumpren determinadas condicións, a diferenza do que fai, por exemplo, Castela e León ou do que ela mesma facía con anteriores gobernos

A Xunta facilita datos do coronavirus, pero poucos a respecto doutras administracións, con imaxes estáticas e non coa evolución, e sen datos abertos. Unha situación similar á que se dá na información a respecto doutra crise recente e periódica, a dos incendios forestais, na que a comparación con outras comunidades autónomas ou mesmo co que ocorría con gobernos anteriores volve deixar en evidencia a política informativa da Xunta. [As restricións informativas da Xunta fan imposible saber canto, cando e onde está a arder o monte]

A Xunta só informa da situación dos incendios en momentos puntuais do día, e só o fai dos que superan as 20 hectáreas, afectan a espazos protexidos ou poñen en risco á poboación. O resto de lumes só poden ser coñecidos oficialmente unha vez que remata a campaña, a diferenza do que ocorre, por exemplo, en Castela e León, onde se informa de todos os incendios.

Información de incendios na web de Medio Rural no verán de 2006 e un dos partes diarios que difundía a Consellería na etapa do bipartito CC-BY Praza Pública

En contra da recomendación da ONU, o Goberno galego restrinxe a respecto doutras administracións a información que ofrece á cidadanía sobre crises. Pero os obstáculos non só se rexistran nesa denominada publicidade activa (con eivas noutros moitos eidos como na publicación periódica dos convenios ou dos contratos que asina) senón tamén na publicidade pasiva, no procedemento contemplado na lei que permite a calquera cidadán solicitar á administración datos que obren no seu poder, con determinadas excepcións de seguridade e protección das persoas que a Xunta aplica ou incumpre discrecionalmente.

A Consellería de Facenda negouse a contestar se hai ou non tarxetas black na Xunta argumentando que ela non ten os datos

Praza.gal vén relatando os diversos obstáculos atopados para acceder a información ao amparo de peticións de transparencia, nas que a Xunta, malia a censura reiterada de tribunais e do Valedor do Pobo, recorre ao silencio administrativo, obrigando a longos procesos de recurso que en ocasións rematan con respostas ambiguas, como cando a Consellería de Facenda admitiu que non sabe se na Xunta hai ou non tarxetas black para gastos discrecionais por parte do seu persoal ou cargos públicos.

Resposta de Facenda á Valedora do Pobo dicindo que non dispón de información sobre se a Xunta ten tarxetas bancarias CC-BY-SA Praza Pública

"Os cidadáns informados poden tomar decisións informadas", sentenza a ONU

Fronte a esta situación en Galicia, a ONU teno claro: “Os cidadáns informados poden tomar decisións informadas, por exemplo, cando van ás urnas. Só cando os cidadáns saiban como son gobernados, poderán facer que os seus gobernos rindan contas polas súas decisións e accións. A información é poder. Por tanto, o acceso universal á mesma é unha pedra angular de sociedades do coñecemento saudables e inclusivas”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.