O Goberno galego fai un balance cuantitativo do seu portal de transparencia no que evita concretar cantas veces foi instado pola Comisión da Transparencia a facilitar información que previamente se negara a divulgar
Tres anos despois da entrada en vigor da Lei de Transparencia galega, derivada da estatal, o Goberno galego fixo este luns un balance cuantitativo das visitas recibidas na páxina web na que divulga a información que está obrigado a facer pública. A Xunta tamén ofreceu cifras da outra vertente da lei de transparencia, a posibilidade da cidadanía de pedir expresamente unha información que a administración non divulgue por iniciativa propia. Nese eido, o Goberno galego admite nas súas estatísticas que elude responder, deixando pasar o tempo ata que se produza o denominado silencio administrativo, o 4,5% das peticións que lle chegan.
A lei dálle ás administracións un mes, prorrogable por outro mes máis, para responder as peticións de transparencia ou argumentar os motivos legais que impiden facilitar a información solicitada
Segundo as estatísticas divulgadas polo Goberno galego, desde a entrada en vigor da Lei de Transparencia hai tres anos a Xunta recibiu ata o pasado 31 de xuño un total de 2.132 peticións expresas de transparencia nas que a cidadanía solicitou ter acceso a algún documento ou información non públicos da administración autonómica galega. O Goberno galego deixou sen responder de xeito expreso, deixando pasar o tempo ata que se producise o denominado silencio administrativo, preto dun cento desas peticións, o 4,5%. A lei dálle ás administracións un mes, prorrogable por outro mes máis, para responder as peticións de transparencia ou argumentar os motivos legais que impiden facilitar a información solicitada.
Segundo a Xunta, a Vicepresidencia, seguida das consellerías do Mar e Infraestruturas son as que máis peticións de transparencia reciben
Do resto de solicitudes de transparencia recibidas pola Xunta, outras 132 peticións foron inadmitidas a trámite ou rexeitadas expresamente argumentando algún motivo legal, o que eleva a unha de cada dez as solicitudes de información non atendidas polo Goberno galego. Nas súas estatísticas a Xunta non detalla cantas veces nesas denegacións ou silencios foi instada posteriormente pola Comisión da Transparencia, o órgano dependente do Valedor do Pobo que supervisa a transparencia das administracións galegas, a facilitar aos solicitantes a información que previamente rexeitara ofrecer ou denegara pola vía do silencio administrativo.
Segundo a Xunta, por departamentos competentes para resolver as peticións de información pública, “en cómputo global o maior número de solicitudes foi recibido na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, seguida da Consellería do Mar e da de Infraestruturas e Mobilidade”.
A web na que a Xunta divulga os seus convenios leva máis de medio ano sen actualizarse
No seu balance sobre a Lei de Transparencia a Xunta nada di sobre outro dos eidos nos que a norma lle obriga a ter unha actitude activa na divulgación de información, o dos convenios que asina con outras administracións ou empresas. A páxina web na que o Goberno galego debe facer públicos eses textos leva máis de medio ano sen actualizarse.