Toda a oposición insta a Xunta a publicar datos abertos e completos sobre o coronavirus

Os comunicados da Xunta sobre o coronavirus non reflicten datos como os casos novos diarios ou a incidencia acumulada, representadas neste gráfico CC-BY-NC-SA Praza Pública

Galicia está á cabeza do Estado en opacidade na difusión de datos do coronavirus. Só os gobernos galego e extremeño seguen sen publicar unha serie histórica completa da evolución do impacto da covid-19 en cadanseus territorios mentres evitan a divulgación destes datos en formato aberto e reutilizable. Ao fío da información de Praza.gal a respecto destas restricións, que contrastan coa transparencia de gobernos autonómicos de todo signo na difusión dos datos da pandemia, toda a oposición galega instou a Xunta a rectificar e publicar datos abertos e completos. [Galicia, á cabeza do Estado en opacidade na difusión de datos sobre o coronavirus]

A xuízo do secretario xeral e candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, a ausencia de datos abertos sobre a pandemia en Galicia encádrase no que considera un "relato falaz da súa xestión da pandemia" que "Feijóo está tentando establecer", baseado nunha "falsa anticipación que non se compadece coa realidade". "Na construción dese relato", di Caballero en declaracións a Praza.gal, "a Xunta está xerando nebulosas informativas" mediante "un manexo interesado" dos datos para "dar versións nesgadas e parciais da situación".

Gonzalo Caballero: "Na construción do seu relato da falsa anticipación, Feijóo xera nebulosas informativas cun manexo interesado dos datos"

Neste sentido, o líder socialista censura que, ao contrario do que acontece noutras autonomías, "Feijóo se negue a facer públicos os datos de contaxios por concellos" aínda que o propio PSdeG os solicitase "en varias ocasións". "A última vez", subliña, el mesmo "durante a súa comparecencia no Parlamento". "Tampouco coñecemnos o número total de falecementos en residencias", censura, en referencia a que o Sergas non especifica de que residencia proceden as persoas que viven nestes centros pero falecen no hospital a consecuencia da covid-19. 

Todo isto, agrega Caballero, sucede mentres "Feijóo pide a Pedro Sánchez todo o que non fai en Galicia". Así, mentres o actual presidente galego "reclama coñecer os datos de toda España, non cumpre coas demandas de información das forzas políticas" en Galicia, cre.

Gonzalo Caballero (PSdeG), Antón Gómez Reino (Galicia en Común) e Ana Pontón (BNG) CC-BY-NC-SA PSdeG | GeC | BNG

Antón Gómez-Reino: "Os datos salvan vidas, é especialmente grave que a Xunta oculte a serie estatística"

Tamén o o voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, lembraba este martes en rolda de prensa -a través de internet- que dende esta formación levaban "días advertindo" de que "os datos da Xunta son incompletos, parciais". E de que esa falta de información "impide que o conxunto das forzas políticas e da sociedade", mesmo "outras administracións", cre, "poidan facer un mapa correcto da expansión da pandemia". 

Agora, sinala o candidato, "soubemos por unha información xornalística que a información que facilita o Sergas fai que Galicia estea á cabeza do Estado en opacidade de difusión de datos sobre o coronavirus" aínda que nesta situación, "os datos salvan vidas". A xuízo de Gómez-Reino, resulta "especialmente grave" que "se oculte a serie estatística por parte da Xunta", que o propio presidente desbotou publicar en días pasados.

Ana Pontón: "Requirimos á Xunta que dea todos os datos que ten; está a facer que teñamos menos instrumentos para loitar contra esta crise"

Por parte do BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, considera en resposta a preguntas de Praza.gal en rolda de prensa -a través de internet- que se a transparencia "é necesaria en calquera momento", máis cando se trata de datos que deben "permitir facer un seguimento real de como incide o coronavirus" no país. A ausencia dunha serie estatística completa ou de datos abertos parte da Xunta "evita que poidamos facer unha análise demorada, fai que teñamos menos instrumentos para loitar contra a crise", considera.

Por iso, sinala Pontón, "requirimos á Xunta que sexa transparente, que dea todos os datos que ten" porque "cando máis exhaustiva sexa a análise, máis poderemos saber como loitar contra a covid-19". "Maquear as cifras sempre é criticable pero neste contexto, moito máis", conclúe a líder do Bloque.

Dende o Grupo Mixto do Parlamento, En Marea subliña que dende o inicio da crise veñen esixindo "transparencia e datos desagregados" a respecto do impacto da covid-19 en Galicia. Así o veñen lembrando nas súa intervencións na Cámara galega, onde reclamaron detalles como "desagregar os datos tamén por residencias públicas e privadas e habilitar na web un mapeo actualizado para coñecer a situación".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.