No ano 2015, cando os casos de presunta corrupción azoutaban especialmente as expectativas electorais do PP, que xa sufrira un duro devalo nas eleccións europeas do ano anterior, a Xunta lanzou o seu "plan de impulso democrático", un paquete de medidas co que, anunciara, pretendía atallar eventuais prácticas corruptas no seo da Administración galega. Entre as iniciativas figuraba a aprobación da nova lei de transparencia, que dende 2016 substituíu a primeira da historia da autonomía, que impulsara o Goberno de coalición de PSdeG e BNG unha década antes.
Unha das novidades desta lei foi que a Xunta pasou a ter a obriga de difundir en internet, "polo menos trimestralmente", a información relativa aos contratos menores. Trátase das adquisicións de produtos e servizos máis habituais que, por teren un importe reducido, as administracións poden adxudicar directamente a quen consideren, sen organizar un concurso público nin pedir ofertas a distintos contratistas. Segundo a lei, a información que cómpre difundir é a do "obxecto, a duración, o importe" e "a identidade do adxudicatario", unha obriga de transparencia ratificada en termos semellantes pola nova lei estatal de contratos do sector público do ano 2017.
Cando entrou en vigor a nova lei de transparencia a Xunta comezou a publicar os datos básicos dos seus contratos menores, pero ata a primavera de 2018 só os mantiña publicados durante unha semana e despois borrábaos
Dende a entrada en vigor da nova lei de transparencia a Xunta comezou a publicar datos básicos dos seus contratos menores na súa web de contratacións, pero cunha particularidade. Só facía público cada un dos contratos menores durante unha semana e despois, borrábaos, o que na práctica facía imposible recuperar publicamente a información sobre as empresas ou persoas encargadas das contratacións.
Aínda que durante máis dun ano a Xunta alegou razóns técnicas para non manter publicados todos os contratos menores, dende a primavera de 2018 deixou de borralos e mellorou a presentación da información ao respecto. Pero polo camiño quedaron os datos dos exercicios previos. Así, entre 2016 e 2017 foi borrada a información de contratos menores por importe de case 1.800 millóns de euros. Previsiblemente, tamén haberá baleiros na información de 2018 cando sexa publicada, xa que os cambios de denominación e estrutura dalgunhas consellerías tras a última crise de goberno provocaron discontinuidades e paróns nas publicacións.
Dende a primavera de 2018 a Xunta deixou de borrar os contratos menores á semana de publicalos, pero polo camiño ficou a información dos de 2016 -868 millóns- e 2017 -925 millóns-
A mediados de febreiro deste 2019 o Goberno galego fixo públicos os datos estatísticos das súas contratacións correspondentes ao ano 2017, segundo marca a lexislación. Como no ano 2016, o primeiro atinxido pola nova normativa, o tipo de contratos que maior volume de orzamento público absorberon en 2017 foron precisamente os menores, con 925,6 millóns de euros -un 6% máis que no ano anterior.
Mentres, o volume de contratación por procedemento aberto -os concursos públicos máis ordinarios, aos que pode concorrer calquera empresa- descendeu un 43%, de 808,85 millóns en 2016 a 459 millóns en 2017. O seguinte tipo de contratos que absorbeu máis recursos públicos nese ano foron derivados de acordos marco -197,31 millóns- e, a maior distancia, sitúanse os procedementos negociados -aos que a Administración convida a un número determinado de empresas-, con 88,5 millóns.
Os contratos menores, moi abondosos na administración por seren obxecto de produtos e servizos habituais e de importes reducidos, foron máis de 156.000 durante 2017 na Xunta
Estas cifras son o resultado dun aumento notable no número total de contratos menores. Estes, non obstante, adoitan ser moi abondosos de seu nas administracións por seren obxecto de produtos e servizos moi habituais -dende subministros básicos ata elementos de mobiliario ou todo tipo de labores profesionais de ata 15.000 euros, no caso dos servizos, e ata 40.000, se se trata de obras, segundo a nova lei de contratos-.
En 2017 a Administración galega asinou máis de 156.000 destes contratos menores -en 2016 foran algo menos de 124.000-. Os segundos máis habituais foron os derivados de acordos marco -que establecen condicións para o fornecemento de determinados produtos e servizos durante un período de tempo- e os terceiros, os procedementos abertos.
O PSdeG critica a "drástica redución" dos contratos por procedemento aberto e cre "contraditorio" que o PP incremente os menores na Xunta mentres "está permanentemente criticando o seu uso" nos concellos
Estas cifras da contratación pública da Xunta foron obxecto de crítica por parte do PSdeG no Parlamento, cuxo voceiro en materia institucional, Juan Díaz Villoslada, cre relevante "alertar" da "drástica redución no número de contratos nos que a Xunta utiliza o procedemento aberto". Díaz Villoslada cre ademais relevante o elevado "uso dos contratos menores, que supoñen un 60% da licitación total rexistrada en 2017".
Esta preponderancia e incremento dos contratos menores supón, a xuízo do deputado socialista, unha "contradición do Goberno galego". Non en van, lembra, o Executivo de Alberto Núñez Feijóo utilízaos recorrentemente mentres o PP "está permanentemente criticando o seu uso nas Administracións locais". Así o fixeron os populares nos últimos meses en concellos como Lugo, A Coruña ou Santiago. No caso compostelán, mesmo esixiron a constitución dunha comisión de investigación ao respecto, a cal foi rexeitada en pleno cos votos en contra de Compostela Aberta e BNG e a abstención do Grupo Socialista.