Sete dos incendios acadaron a consideración de grandes lumes ao superar as 500 hectáreas, e en varios houbo que activar a Situación 2, nivel de alerta cando están en risco zonas habitadas
Este venres, tras as chuvias e baixada de temperaturas deste xoves, a Xunta daba á fin por extinguidos os últimos sete incendios dos rexistrados na última semana na provincia de Ourense. Con todos os lumes xa apagados, as últimas medicións oficiais dos mesmos por parte do Goberno galego sitúan a vintena de incendios dos que informou en todo o país desde o comezo desta última vaga o pasado sábado día 12 de setembro nun total de preto de 8.800 hectáreas, a inmensa maioría na provincia de Ourense.
Só na última semana, polo tanto, arderon en Ourense 2.000 hectáreas máis que as rexistradas en todo o país durante todo 2019, un dos mellores anos desde que hai rexistros oficiais. Ademais, sete dos incendios acadaron a consideración de grandes lumes forestais ao superar as 500 hectáreas, e en varios deles houbo que activar a Situación 2, nivel de alerta empregado cando están en risco zonas habitadas.
As novas medicións feitas públicas pola Xunta a medida que se foron extinguindo os lumes rebaixaron nalgún caso as estimacións iniciais ofrecidas cando estes estaban aínda sen control. O caso máis significativo é o do incendio rexistrado na parroquia de Sabuguido en Vilariño de Conso, onde o luns 14 de setembro a Xunta chegou a estimar en 2.000 as hectáreas afectadas para finalmente reducilas a 817 cando deu por extinguido o lume.
Entre comezos de xullo e mediados de agosto xa arderan outras 4.200 hectáreas en toda Galicia, 3.800 en Ourense
Antes da vaga de incendios da última semana, desde o inicio o 1 de xullo do período de alto risco e ata que a mediados de agosto se rexistraron precipitacións tras máis dun mes sen apenas chuvia, a Xunta xa informara de máis de 4.200 hectáreas queimadas en todo o país, 3.800 en Ourense. Isto é, só neses dous períodos (de comezos de xullo a mediados de agosto e na última semana) resultaron queimadas unhas 13.000 hectáreas.
Estas cifras son as obtidas ao sumar a información que a Xunta ofrece dos principais incendios, que non son necesariamente os únicos que afectaron nos últimos días aos montes galegos. A política informativa da Xunta implica, dende hai unha década, que Medio Rural só faga públicos os focos de máis de vinte hectáreas e, por baixo desa superficie, os que afectan a zonas habitadas ou espazos naturazos protexidos.