Medio Rural, que non informa de ningún incendio por primeira vez en varias semanas, dá por extinguido o de Lobios catro días despois de iniciarse e tras consumir 425 hectáreas e provocar a morte dun piloto
Despois de que o mes de xullo fose o máis seco nos últimos 34 anos, sen precipitación ningunha na maior parte do país, desde a tarde deste martes vén de rexistrarse nalgunha zona de Galicia tanta ou máis choiva que nos últimos tres meses. Unha auga que, acompañada do descenso das temperaturas, está a dar unha tregua na loita contra os incendios forestais.
Segundo a web 4gotas.com, na noite do martes ao mércores recolléronse na cidade da Coruña 64 litros por metro cadrado, máis que todo o acumulado ata agora desde o pasado 1 de maio, 53 litros. A cifra foi aínda superior noutros lugares da provincia como Bergondo ou Narón, con 94 litros por metro cadrado.
A chegada da chuvia propiciou que por primeira vez en varias semanas a Consellería do Medio Rural non informe de ningún incendio en ningún punto de Galicia. O último, o de Lobios que se iniciara na mañá do pasado sábado e no que faleceu o piloto dun avión portugués, deuno por extinguido no mediodía deste mércores, catro días despois e tras consumir, segundo a última cifra oficial, 425 hectáreas de monte raso.
Só desde o 1 de xullo, data de comezo do período de alto risco de incendios, e coincidindo coa sucesión ininterrompida de días sen precipitacións, a Xunta leva informado de máis de 4.200 hectáreas ardidas en toda Galicia, a maioría, 3.800, en Ourense. Porén, a superficie queimada ata a chegada este martes das chuvias é máis xa que a Xunta non informa de todos os incendios.
As chuvias das últimas horas provocaron máis dun cento de incidencias, especialmente na metade norte do país
Pola contra, as precipitacións, que levaron a activar alertas amarelas e laranxas especialmente na metade norte do país, provocaron máis dun cento de incidencias, segundo a Axencia Galega de Emerxencias, especialmente na Coruña e Lugo, mesmo con inundacións e entrada de auga en baixos e garaxes en Barreiros, na Mariña lucense.