A morte do piloto dun hidroavión lembra que Ourense segue a arder

Hidroavión accidentado mentres traballaba no incendio de Lobios, nunha imaxe divulgada pola Brif de Laza © Brif Laza

Jorge Jardim tiña 65 anos e era un veterano piloto de orixe mozambicana que acumulaba máis de 40 anos de experiencia con todo tipo de aeronaves. A veciñanza de Leiria despedirao este 11 de agosto nun funeral na súa memoria ao que asistirá o presidente da república de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa.  

O falecemento deste piloto mentres traballaba o pasado nos labores de extinción dun incendio forestal que xa queimou unhas 420 hectáreas parque do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés virou máis do habitual os focos mediáticos e políticos cara a un fenómeno que, un verán máis, se repite. Arde Ourense. Outra vez. E o devandito parque natural volve ser golpeado polas lapas. 

Os incendios dos que informou a Xunta dende o comezo do período de alto risco suman unhas 4.200 hectáreas ardidas, máis de 3.800 en concellos da provincia de Ourense

Dende que, o pasado 1 de xullo, comezou o período de alto risco de incendios, a Consellería do Medio Rural deu conta dunha trintena deles. Faino en aplicación da política informativa que rexe no Goberno galego a respecto dos incendios forestais dende o verán de 2009, cando o daquela novo Executivo do PP decidiu non seguir publicando partes de incendios que recollesen todos os focos. [Galicia sufriu nas últimas semanas varias ducias de incendios de menos de 20 hectáreas, dos que a Xunta non informou]

Esa trintena de incendios suman unhas 4.200 hectáreas. Delas, algo máis de 3.800 arderon en municipios da provincia de Ourense, que ademais rexistrou os que ata agora son os dous únicos que acadaron a consideración de gran incendio forestal (superiores a 500 hectáreas) en San Millao (Cualedro), con máis de 1.500, e en Flariz (Monterrei), con máis de 700.

Cualedro, Monterrei, Lobios, Toén, Viana do Bolo, Verín, Muíños, Lobeira, Manzaneda ou Chandrexa de Queixa son municipios que, un ano máis, volven aparecer nunha cartografía do lume que, como adoito, tende a ficar en segundo plano do debate público e tamén da información xornalística se as lapas non chegan con intensidade ao eixo atlántico. Á Galicia da AP-9.

Fóra da Ourense tamén houbo algúns incendios dos que informou a Consellería do Medio Rural dende o comezo do período de alto risco, pero son moitos menos. O de maior superficie produciuse en Navia de Suarna, con 92 hectáreas. A Xunta tamén informou do que queimou 50 hectáreas en Tállara (Lousame) ou unhas 47 en Lesón (A Pobra do Caramiñal). Houbo, non obstante, moitos máis focos dos que deron conta bombeiros forestais e mesmo concellos, pero que non fan parte dos comunicados oficiais do Goberno galego.

Unha trintena de persoas sinaladas como presuntas autoras de incendios

Mentres a temporada de incendios avanza, este ano co persoal tamén condicionado polas restricións para evitar contaxios do coronavirus, tanto o Goberno galego como o Goberno de España poñen o foco na vertente de orde pública a respecto dos incendios forestais. Así, a pasada semana, a delegación do Executivo central en Galicia subliñaba que, no que vai de ano, "as forzas e corpos de seguridade do Estado suman 30 detencións e investigacións por incendios forestais" en Galicia. Algo máis da metade, na provincia de Ourense.

Traballos de extinción en Requiás (Muíños), a pasada semana © Brif Laza

Nesta liña, a Xunta subliñaba este luns que, durante a pasada fin de semana, "dúas persoas foron sorprendidas in flagranti cando prendían senllos incendios forestais" na Teixeira e Nigrán. No caso da localidade ourensá, "foi un axente ambiental das brigadas de investigación de incendios o que o interceptou" e en Nigrán, "foron os veciños os que sorprenderon unha muller cando prendía lume cunhas pastillas de acendido", indicou a Consellería.

Xunta e Goberno de España volveron poñer o foco nas últimas semanas na vertente de orde pública dos incendios forestais; a oposición galega reclama unha "nova política forestal" e poñer en marcha medidas de estudo e prevención xa aprobadas

Mentres, dende a oposición parlamentaria, o BNG reiteraba nas últimas semanas a necesidade de "ir á raíz do problema", especialmente en zonas de Ourense que "son pasto das lapas cunha periodicidade constante e con incendios que, en moitos casos, son calcos doutros", subliñou o deputado Xosé Luís Rivas, quen lembra que seguen sen constituírse "os comités de distrito" forestal que aprobou o Parlamento nas súas recomendacións tras a vaga de incendios de 2017.

Pola banda do PSdeG o seu vicesecretario xeral e deputado, Pablo Arangüena, subliñaba este luns que "os incendios non son culpa da Xunta, pero é a súa responsabilidade afrontar o problema" e indo alén de "repetir cada ano a ladaíña de que os incendios forestais son intencionados". "Teñen que deseñar unha nova política forestal con máis medios, máis persoal e máis traballo de prevención", subliña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.