Case todos os anos Galicia sofre centos de incendios forestais que queiman milleiros de hectáreas. O lume esténdese por todo o territorio, pero algunhas comarcas e concellos son vítimas dos seus efectos de maneira máis frecuente e intensa. De feito, a provincia de Ourense -malia ser a segunda de menor tamaño- é dende hai tempo, invariablemente, onde máis hectáreas de terreo arden cada ano e onde máis incendios se producen.
Os lugares cunha maior idade e media e cun maior descenso poboacional nos últimos anos foron tamén as zonas que rexistraron un maior número de incendios e que sufriron a queima de maiores superficies
Ourense é tamén a provincia galega máis envellecida, con medias de idade máis elevadas nos seus concellos e con maiores porcentaxes de poboación maior de 65 anos. Tamén é o territorio que máis poboación está a perder.
A referencia a estes datos demográficos non é casual, pois a comparación entre o número de incendios rexistrados en cada concello e o maior ou menos envellecemento e perda de poboación de cada localidade amosa unha relación directa entre unhas e outras variables: os lugares cunha maior idade e media, con maiores porcentaxes de poboación por riba de 65 anos e cun maior descenso poboacional nos últimos anos foron tamén as zonas que rexistraron un maior número de incendios e que sufriron a queima de maiores superficies de terreo. Hai que ter en conta, iso si, que correlación non sempre equivale a causalidade e que o carácter rural e previamente despoboado dun concello pode determinar unha maior incidencia do lume máis que a propia evolución demográfica.
En 2017 o proxecto España en Llamas da Fundación Civio publicou en formato aberto os datos detallados de todos os incendios forestais producidos entre os anos 2001 e 2014, unha información que non publican nin a Xunta de Galicia nin o Goberno central.
Viana do Bolo, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, A Gudiña, A Mezquita e Muíños foron os concellos nos que máis incendios se produciron
A súa análise amosa como a provincia de Ourense (sobre todo a súa parte suroriental), o interior da provincia de Pontevedra e tamén as comarcas occidentais da provincia da Coruña (Barbanza e Costa da Morte) acumularon neses anos as maiores cifras de incendios forestais, encabezados por Viana do Bolo (680 incendios) e por Manzaneda, Chandrexa de Queixa, A Gudiña, A Mezquita, Muíños, Carballeda de Valdeorras, Vilariño de Conso e Santa Comba, todos por riba de 300.
40 concellos suman máis da metade da superficie queimada neses anos e tan só 15 concellos concentran o 25% das hectáreas arrasadas
O mapa dos concellos con máis hectáreas arrasadas polo lume é moi semellante, coas cores máis intensas concentradas nas mesmas zonas. De feito, 40 concellos suman máis da metade da superficie queimada neses anos e tan só 15 concellos concentran o 25% das hectáreas queimadas en Galicia entre 2001 e 2014 (91.126 das ao redor de 370.000). Trátase de Manzaneda, Cerdedo, Viana do Bolo, Cualedro, Laza, A Gudiña, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Quiroga, Pazos de Borbén, Avión, Vilariño de Conso, Carnota, Vilardevós e A Mezquita. 11 dos 15 sitúanse na provincia de Ourense.
Manzaneda superou as 10.000 hectáreas queimadas nese período, é dicir, 100 quilómetros cadrados, unha superficie moi importante se temos en conta que a superficie total do concello é de 114,6 quilómetros cadrados. Cualedro, que estes días volveu sufrir un incendio moi importante, que queimou ao redor de 1.000 hectáreas, foi o segundo con máis superficie queimada, con máis de 8.000 hectáreas en 14 anos, xusto por diante de Cerdedo e Viana do Bolo (que tamén ardeu a semana pasada).
Cruzando os datos da superficie queimada en cada concello (ou do número de incendios forestais) con outras variables (como a idade media en cada localidade no ano 2014 ou a evolución da poboación entre 2001 e 2014) , podemos observar unha certa correlación positiva entre a perda poboacional e o envellecemento dos seus habitantes e unha maior cantidade de espazo afectado polo lume.
Entre os 60 concellos con máis incendios, só catro gañaron poboación. E, pola contra, entre os 60 concellos con menos incendios, un total de 23 gañaron habitantes
Os 20 concellos que sufriron máis incendios ou onde ardeu máis terreo teñen idades medias superiores aos 50 anos (coas excepcións de Santa Comba ou A Cañiza, próximas a esa cifra). No conxunto de Galicia a idade media era de 45,91 anos no ano 2014. Así mesmo, todas estas localidades perderon poboación nese período 2001-2014, mentres que Galicia no seu conxunto mantivo estable a súa cifra de habitantes.
De feito, entre os 60 concellos con máis incendios, só catro gañaron poboación. E, pola contra, entre os 60 concellos con menos incendios, un total de 23 gañaron habitantes.
Dos 60 concellos con menos hectáreas queimadas, a terceira parte gañou poboación
De igual xeito, as 20 localidades nas que ardeu unha superficie maior de terreo neses anos perderon poboación nese período, como se pode observar na segunda gráfica.
Pola contra, unha parte moi importante das localidades nas que menos superficie se queimou foron as que incrementaron o seu número de habitantes: dos 60 concellos con menos hectáreas queimadas, a terceira parte gañou poboación.