O incendio de Cualedro queima 1.000 hectáreas de terreo e obriga a desaloxar vivendas

Os efectos do lume, preto do núcleo de San Cristovo © @EmerxenciasOu

O incendio declarado este mércores en Cualedro xa se converteu no máis importante no que levamos de verán de Galicia. O lume arrasou xa 1.000 hectáreas de terreo, en parte agrícolas, entre Cualedro e Monterrei e obrigou a desaloxar de forma preventiva varias vivendas, sobre todo no núcleo de San Cristovo (no Concello de Monterrei). A proximidade das lapas ás casas fixo que na última hora da tarde a Xunta activara a 'situación 2', que aínda se mantén. 

O incendio declarado este mércores en Cualedro xa se converteu no máis importante no que levamos de verán de Galicia

Os equipos de extinción traballaron sen descanso durante boa parte da noite e seguen facéndoo na mañá deste xoves, un labor que axudou a evitar a extensión do lume, que nas últimas horas da tarde do mércores medrou con moita rapidez. O incendio aínda non está controlado pero "evoluciona favorablemente", segundo a Consellería de Medio Rural.

Os efectos do lume, preto do núcleo de San Cristovo © @EmerxenciasOu

O lume estendeuse con rapidez. Ás oito da tarde a superficie queimada era de 100 hectáreas e pouco antes da unha da madrugaba chegaba xa ás 1.000

O lume detectouse este mércores ás 14.15 horas na parroquia de San Millao. Dúas horas máis tarde o incendio xa queimara 20 hectáreas de terreo, que eran 60 ás sete da tarde, momento en que se activou a situación 2 pola proximidade a San Cristovo. Nese momento o lume estendeuse con gran rapidez, axudado polas altas temperaturas que se rexistraron durante toda a tarde no sur da provincia de Ourense, o terreo seco e o vento que cambiou de dirección en varios momentos.

Ás oito da tarde Medio Rural informaba xa de que o lume queimara xa 100 hectáreas, ás nove eran xa 200, e ás dez da noite a cifra chegaba a 350 hectáreas. Ás once da noite a estimación oficial falaba xa de 600 hectáreas, que eran 700 a medianoite e que na derradeira comunicación da Consellaría, xa preto da unha da madrugada, se converteran en 1.000 hectáreas, a cifra que aínda se mantén na mañá deste xoves.

Na conta de twitter de Emerxencias Ourense critícanse algunha das decisións tomadas por Medio Rural nas primeiras horas do incendio, sinalando que os bombeiros forestais non foron mobilizados ata as cinco da tarde, o que facilitou a rápida extensión do lume sobre a masa forestal. De igual xeito, Diario do Támega publica unha crónica na que se recollen críticas de varias veciñas e veciños pola falta de medios ao conselleiro de Medio Rural, José González, presente no lugar.

Decenas de persoas tiveron que ser desaloxadas de varias casas, principalmente nas proximidades de San Cristovo

Decenas de persoas tiveron que ser desaloxadas de varias casas, principalmente nas proximidades de San Cristovo, pero achegándose as lapas tamén a A Madalena e Medeiros, penetrando o lume igualmente no concello de Oímbra. Hortas, viñedos e terreos de cultivo arderon mentres os equipos de extinción loitaban por salvar as vivendas. A veciñanza colaborou no que puido para axudar a evitar a extensión do lume.

Os equipos de extinción, loitando contra o lume no incendio de Cualedro © @BrifTabuyo

Un dos brigadistas que traballaba na extinción do lume tivo que ser evacuado da zona a última hora da tarde por mor dun posible golpe de calor

Nos labores de extinción traballaron 1 técnico, 17 axentes, 51 brigadas, 17 motobombas, 3 pas, 11 helicópteros e 12 avións. Ademais, nas últimas horas deste mércores incorporáronse tamén equipos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), cun total de 115 efectivos e 6 motobombas, traballando principalmente nas proximidades dos núcleos habitados. Tamén colaborou una motobomba chegada dende a localidade veciña de Montalegre, en Portugal. Un dos brigadistas que traballaba na extinción do lume tivo que ser evacuado da zona a última hora da tarde por mor dun posible golpe de calor. 

A zona sufriu o impacto do lume moitas veces nos últimos anos. No ano 2015 un incendio practicamente no mesmo lugar queimou ao redor de 3.500 hectáreas no Concello de Cualedro, na Serra do Larouco. A conta de twitter de @eforestal publica un mapa que recolle a localización no terreo deste incendio e as zonas afectadas polo lume nos últimos anos.

A zona sufriu o impacto do lume moitas veces nos últimos anos

O incendio de Cualedro únese ao que nos últimos días afectou a Monterrei (iniciado a moi pouca distancia), controlado na mañá do mércores despois de queimar 720 hectáreas. E tamén aos que na fin de semana queimaron unha superficie inferior en Viana do Bolo e Verín. En total, os catro grandes incendios que nos últimos días afectaron ao sur da provincia de Ourense suman xa 2.075 hectáreas de superficie arrasada, unhas cifras que abranguen un gran número de terras de cultivo e de castiñeiros.

Brigadas de extinción, traballando no incendio de Cualedro © @ATBrif

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.