Dous incendios en Monterrei e Viana do Bolo queiman máis de 600 hectáreas

Incendio en Monterrei, este venres 24 de xullo © Batallón T-15

Dous grandes incendios están arrasando unha importante superficie de Ourense nas últimas horas, sumando nestes momento máis de 700 hectáreas queimadas. En Monterrei, na parroquia de Flariz, o lume iniciouse este venres ás cinco tarde e estendeuse con moita rapidez por mor do vento. A última notificación da Consellería de Medio Rural, na mañá deste sábado, cifraba en 450 hectáreas a superficie arrasada. 

A proximidade do lume ao núcleo habitado da Salgueira obrigou a declarar a situación 2 de emerxencia, pola súa perigosidade. Nun inicio comezaron a traballar 3 axentes, 6 brigadas, 4 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 8 avións, pero as dimensións do incendio fixeron necesario a incorporación de máis medios humanos e materiais e tamén de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME)

O incendio de Monterrei, dende o aire © Ejército del Aire

Na mañá deste sábado, xa con 450 hectáreas queimadas, foi desactivada a situación 2, afastándose o perigo dos núcleos habitados polo gran labor que están realizando os traballadores forestais. Porén, nas últimas informacións coñecidas, o incendio seguía sen estar controlado, a pesar dos esforzos realizados polos equipos de extinción, que traballaron durante toda a noite.

A UME, intervindo no incendio de Monterrei © UME

O outro grande incendio nestes momentos afecta a Viana do Bolo, na parroquia de Vilardemilo, onde arrasou xa máis de 250 hectáreas. Iniciouse ás oito da tarde do xoves e dende entón foi medrando en intensidade. Segundo informa a Consellaría de Medio Rural, ao iniciarse este lume localizáronse ata cinco focos diferentes, polo que todo indica que foi intencionado

Ademais, cómpre sinalar que se rexistrou a unhas horas nas que os medios aéreos apenas puideron traballar, pola proximidade do ocaso. Para o control deste incendio mobilizáronse este venres 1 técnico, 12 axentes, 36 brigadas, 18 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 8 avións.

O incendio de Monterrei, este venres 24 © AT-BRIF

Ademais, nas últimas horas rexistráronse tamén incendios de menor consideración en Santiago de Compostela, Amoeiro, Vilanova de Arousa, Toén, Allariz, Teixeira e Lobeira. Ademais, os dous importantes incendios que está a sufrir a provincia de Ourense únense ao que afectou a Verín hai un par de días, que queimou un total de 144 hectáreas.

O incendio de Monterrei, este venres 24 © AT BRIF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.