O incendio que nos últimos días afectou ao concello de Monterrei converteuse xa no máis importante do que levamos de ano. A Consellaría de Medio Rural deu por controlado este martes o lume, despois de que ardesen 720 hectáreas de terreo. Con todo, máis grave que a cantidade total foron as características deste terreo queimado, que incluíron 150 hectáreas de castiñeiros e máis de 15 de viñedo, segundo denuncia Unións Agrarias. En total, segundo a Xunta, o lume arrasou 270 hectáreas de terreos agrícolas.
O lume arrasou 270 hectáreas de terreos agrícolas
O lume iniciouse o pasado venres pola tarde na parroquia de Flariz e durante cinco días traballaron na súa extinción e control 1 técnico, 22 axentes, 41 brigadas, 24 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 12 avións. Tamén foi necesaria a intervención de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Nunha nota de prensa, Unións Agrarias reclama que a Xunta valore de inmediato os danos económicos producidos polo incendio de Monterrei nas distintas explotacións agrícolas afectadas, especialmente as viñas, e aos propietarios dos castiñeiros queimados, aos que o lume puido deixar sen a produción de castaña estimada para moitos anos. O sindicato reclama que a administración destine "axudas directas" aos produtores que sufriron perdas por mor deste incendio.
"É necesario mudar de estratexia e pensar en previr, en lugar de en extinguir. Poñer o foco nunha xestión do territorio máis eficaz contando con agricultores e gandeiros", di Unións Agrarias
José Ramón González, responsable de Producións Agrarias e Extensivas, de Unións Agrarias, destacou que "cada ano a Xunta de Galicia destina 80 millóns de euros a extinción de incendios e cada ano o problema repítese e as lapas levan por diante milleiros de hectáreas". Polo tanto, engade que "é necesario mudar de estratexia e pensar en previr, en lugar de en extinguir. Poñer o foco nunha xestión do territorio máis eficaz contando con agricultores e gandeiros, e facilitar o acceso ás terras abandonadas de quen está disposto a traballalas".
O incendio, ademais, veu unirse a outros dous que nos últimos días queimaron tamén importantes superficies de terreo no sur da provincia de Ourense, en Verín (144 hectáreas) e Viana do Bolo (210). Entre os tres arderon ao redor de 1.075 hectáreas de terreo.
Os incendios de Monterrei, Verín e Viana do Bolo queimaron 1.075 hectáreas de terreo nos últimos días
A zona leva décadas sufrindo incendios forestais de grande importancia, como boa parte da provincia de Ourense. Na base de datos publicada polo proxecto España en Llamas da Fundación Civio, que recolle a localización e superficie queimada de todos os incendios que tiveron lugar entre 2001 e 2014, vemos como o concello de Monterrei sufriu 196 incendios (máis de 10 por ano), cunha superficie total de 3.259 hectáreas.
En Verín foron menos incendios (99) pero queimaron unha superficie semellante: 3522 hectáreas. E en Viana do Bolo os datos indican unha destrución aínda maior polo lume: 680 incendios en 14 anos (case 50 por ano) e un total de 8.123 hectáreas arrasadas.
Cualedro (288 incendios e 8.192 hectáreas), Laza (147 e 6.382), A Gudiña (452 e 6.059), Vilardevós (211 e 4.562), Chandrexa de Queixa (461 e 5.839) ou Manzaneda (488 e 10.438), todos situados na mesma contorna, tamén se situaron entre 2001 e 2014 entre os concellos que máis sufrion o impacto das lapas. Entre estes nove concellos rexistráronse máis de 3 mil incendios e queimáronse ao redor de 56 mil hectáreas.
O risco extremo de incendio mantense esta semana e, de feito, este mércores o Índice de risco diario de incendio forestal é máximo na maior parte de Galicia, coa excepción da Mariña e dunha parte da Costa da Morte.
Ademais dos incendios de Monterrei, Verín e Viana do Bolo, nos últimos días houbo focos de diversa importancia en Manzaneda (23,45 hectáreas queimadas, xa extinguido), Quiroga (30 hectáreas, controlado) e Cotobade, onde en poucas horas se declararon cinco incendios en lugares próximos, "o que evidencia unha clara intencionalidade", segundo a Consellería de Medio Rural, que anima á cidadanía a que "denuncie calquera movemento ou conduta sospeitosa no teléfono anónimo, confidencial e gratuíto 900 815 085".
Alén dos focos notificados pola Xunta (unicamente os que superan as 20 hectáreas de superficie ou os que se achegan a núcleos habitados), nas últimas horas houbo incendios en Monforte, Rodeiro, Pontevedra, Toén ou Porto do Son.
Folga do persoal técnico forestal, dende o 1 de agosto
Entre outros aspectos, demandan aumentar o cadro persoal "para garantir os descansos legais establecidos"
O persoal técnico forestal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) do Goberno galego iniciará o 1 de agosto unha folga indefinida "ante a falta de interese da Xunta de negociar as condicións de traballo do colectivo". Entre outros aspectos, demandan aumentar o cadro persoal para garantir os descansos legais establecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal.
Tamén piden a redución do horario anual, que supera as 2000 horas, e a regulación do traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios, garantindo 15 días de vacacións no verán. Finalmente, reclaman a distribución da carga de traballo e maior organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais.
"Non temos asegurada a capacidade de resposta do sistema e do cadro de persoal ante unha situación tan difícil como son os incendios forestais o que deixa desprotexido o servizo publico", sinalan os sindicatos
A folga foi convocada polas organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT despois de consultar de forma telemática ao persoal afectado. O 75% dos que responderon a enquisa amosaron a súa disposición de ir á folga.
Os sindicatos alertan de que "cun acordo de condicións de traballo do ano 2008 desfasado polos cambios na consellería, distribución de persoal e condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais non temos asegurada a capacidade de resposta do sistema e do cadro de persoal ante unha situación tan difícil como son os incendios forestais o que deixa desprotexido o servizo publico"