Só cinco concellos galegos teñen aínda máis nacementos que mortes

Dominio Público

O número de nacementos leva anos en descenso en Galicia. O mes pasado o INE publicou os datos correspondentes ao 2019, un ano no que o país acadou a cifra máis baixa de nacementos dende que hai rexistros, con só 15.651, case mil menos que no ano 2018 e catro mil por debaixo do dato de hai tan só cinco anos. Unicmente a chegada de inmigración doutros países consegue equilibrar a diferenza cada vez maior entre nacementos e mortes en Galicia, cun saldo migratorio positivo de 17.000 persoas, compensando o saldo vexetativo máis negativo de todo o Estado (-15.631). 

Trátase de Ames (+72), O Porriño (+39), Salceda de Caselas (+29), Arteixo (+17) e Ribadumia (+2)

Este venres o IGE vén de detallar esa información por concellos, unha estatística que constata a diminución xeral de nacementos en todo o territorio. Se ata hai pouco as cidades e un gran número de localidades das súas áreas metropolitanas mantiñan aínda un saldo vexetativo positivo, agora son tan só cinco os concellos nos que aínda se rexistran máis nacementos que mortes.

En A Bola, Mañón, Cenlle, Os Blancos, Gomesende, Toques, Beariz, Quintela de Leirado, A Teixeira, Chandrexa de Queixa e Negueira de Muñiz non houbo nacementos no ano 2019

Trátase de Ames (+72), O Porriño (+39), Salceda de Caselas (+29), Arteixo (+17) e Ribadumia (+2). Petín tivo no ano 2019 o mesmo número de nacementos que de mortes. O resto de concellos galegos rexistrou un saldo vexetativo negativo, encabezados polas sete cidades, nas que as diferenzas entre defuncións e novas inscricións foron de varios centos: A Coruña (-879), Vigo (-826), Ourense (-580), Ferrol (-499), Lugo (-368), Pontevedra (-251) e Santiago (-215).

Aínda que son as cidades, polo seu tamaño, as que presentan saldos negativos máis elevados, é a Galicia rural a que segue presentando uns indicadores de natalidade máis baixos. En A Bola, Mañón, Cenlle, Os Blancos, Gomesende, Toques, Beariz, Quintela de Leirado, A Teixeira, Chandrexa de Queixa e Negueira de Muñiz non houbo nacementos no ano 2019. Beariz suma xa tres anos consecutivos sen nacementos e Chandrexa de Queixa dous. Noutros 18 concellos naceu unicamente un neno ou nena o pasado ano.

No inicio da actual década, no ano 2011, aínda eran 43 os concellos nos que había máis nacementos que defuncións

No inicio da actual década, no ano 2011, aínda eran 43 os concellos nos que había máis nacementos que defuncións, unha cifra que se movera por riba das 30 localidades durante os anos anteriores. Porén, o impacto da crise económica e a fin do efecto natalicio dos fillos e fillas do baby-boom dos anos 60 e 70 fixo que o número de nacementos comezase a descender rapidamente a partir dese ano. No ano 2013 xa só quedaban 17 concellos con saldo vexetativo positivo, no 2017 eran aínda 13, e no 2018 ficaban 7 (entre eles, Poio, Barbadás e Oroso, que no 2019 pasan a estar xa en cifras negativas).

Mesmo nos concellos que seguen a manter máis nacementos que defuncións, as marxes están cada vez máis axustadas. Ames, por exemplo, que segue a destacar como a localidade máis 'nova' de Galicia e cunhas taxas de natalidade máis elevadas, tivo o pasado ano un saldo positivo de +72, fronte ao +196 do ano 2016. De igual xeito, Arteixo pasou neses tres anos de +96 a só +17. 

Concellos que anteriormente presentaban un saldo netamente positivo, como a maior parte das cidades, pasaron a ter máis mortes que nacementos

Na última década concellos que anteriormente presentaban un saldo netamente positivo, como a maior parte das cidades, pasaron a ter máis mortes que nacementos. Así, Vigo pasou en dez anos dun +207 a un -826, e o mesmo lle sucedeu a Pontevedra, Compostela ou Lugo e tamén a grandes vilas como Vilagarcía de Arousa. 

E, igualmente localidades das áreas metropolitanas das cidades que -grazas á poboación nova que nelas reside- adoitaban ter elevadas cifras de nacementos, como Culleredo, Cambre, Oleiros, Redondela, Ponteareas, Poio, Nigrán ou Narón, hoxe teñen xa máis defuncións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.