A chegada de inmigración doutros países equilibra a diferenza cada vez maior entre nacementos e mortes en Galicia

Dende o 2013, cada vez máis persoas chegan a Galicia dende outros países, cun saldo positivo de +16.866 neste ano 2019 CC-BY-SA Kirsi L-M

O pasado a cifra total de poboación residente en Galicia mantívose practicamente estancada, medrando menos de dúas mil persoas entre o 1 de xaneiro de 2019 (2.700.441) e o 1 de xaneiro de 2020 (2.702.244), segundo os datos que vén de publicar este luns o INE. Esta estabilidade mantense dende mediados do 2017, despois de cinco anos de descenso, coincidindo coa crise económica, nos que a poboación baixou dende os 2.772.000 habitantes rexistrados no 2012.

Esta estabilidade no número total de residentes, no entanto, prodúcese mentres cada ano morren en Galicia ao redor 15.000 persoas máis das que nacen, no que é o saldo vexetativo máis negativo do Estado, en termos absolutos. Porén, o incremento nos últimos anos da chegada de poboación procedente doutros países consegue equilibrar este saldo negativo, cun saldo migratorio externo que rolda as 17.000 persoas. Mentres, o saldo migratorio interno (diferenza entre as entradas e saídas dende outras comunidades autónomas do Estado) mantense próximo a cero, aínda que é lixeiramente positivos para Galicia dende hai dous anos.

Na última década o saldo vexetativo foi empeorando de forma continuada. O dato de -6.454 do ano 2008 converteuse en -15.859 e -15.631 en 2018 e 2019

Na última década o saldo vexetativo foi empeorando de forma continuada. O dato de -6.454 do ano 2008 converteuse en -15.859 e -15.631 en 2018 e 2019. En cambio, o saldo migratorio experimentou primeiro unha tendencia negativa entre 2008 e 2013/14, nos peores anos da crise económica, que expulsaron á emigración a moitas persoas nacidas en Galicia e limitaron a chegada de inmigrantes. E nos últimos cinco anos tanto as migracións internas como sobre todo as externas comezaron a ofrecer un saldo positivo para Galicia.

Dende o 2013, cada vez máis persoas chegan a Galicia dende outros países, cun saldo positivo de +16.866 neste ano 2019

O saldo migratorio externo foi positivo (máis inmigración que emigración) ata o ano 2012, pero entre ese ano e o 2014 (sobre todo no 2013) rexistrou un resultado negativo. Dende entón, cada vez máis persoas chegan a Galicia dende outros países, cun saldo positivo de +16.866 neste ano 2019. 

O mesmo sucedeu co saldo migratorio interno (con outras comunidades autónomas do Estado Español), aínda que con valores máis equilibrados. Este indicador pasou de ser positivo a rexistrar valores negativos entre 2014 e 2017. A partir dese ano a diferenza entre as persoas que chegan (ou regresan a Galicia) e as que marcha é cada vez maior, pero sempre con valores anuais por debaixo de mil.

Analizando os fluxos migratorios por separado, vemos como o número de persoas que chegan a Galicia dende outras comunidades autónomas ou marchan a elas se mantivo moi estable na última década (ao redor das 15.000 persoas), aínda que cunha pequena tendencia á baixa. Tamén se mantivo relativamente estable o número de residentes en Galicia que marchan ao estranxeiro, movéndose ao redor das 10.000 persoas cada ano.

En cambio, a cifra de inmigrantes dende outros países si que experimentou grandes cambios, chegando a descender dende as 19.000 persoas do 2008 ás 8.000 do 2013, para de novo medrar nos últimos anos, achegándose no 2019 ás 25.000 persoas que pasan a formar parte da poboación galega.

25.000 persoas chegadas doutros países

Das 25.000 persoas chegadas dende outros países, case a metade tiña menos de 30 anos

No ano 2019 un total de 24.698 persoas chegaron a Galicia dende o estranxeiro, practicamente todas (case 22 mil) nacidas fóra de España. E, en xeral, de idades novas: a maior parte (case 20 mil) tiñan menos de 50 anos e máis de 11 mil menos de 30 anos. Máis da metade proceden de Sudamérica (13.414), principalmente de Venezuela (5.887), pero tamén de Colombia (2.537) e Brasil (1.952) e tamén Arxentina e Perú roldan as mil persoas, o mesmo que Cuba. De África chegaron 1.553 e do resto de Europa ao redor de tres mil, encabezadas por Portugal (940).

En canto ás migracións ao estranxeiro de persoas residentes en Galicia, dun total de 7.832 saídas, 2.841 corresponden a persoas nacidas en España. Do resto, Portugal, Romanía e Brasil, con ao redor de 500 persoas, encabezan a lista de emigrantes.

 

Os fluxos migratorios dentro do Estado

Dentro do Estado español, os principais fluxos migratorios galegos teñen Madrid como orixe e destino

E dentro do Estado Español, onde emigran os e as galegas? No ano 2019, do total de 13.493 saídas a outras comunidades autónomas unha parte imporrtante (3.357) tiveron como destino Madrid, seguidas de Cataluña, Canarias, Andalucía e Castela-León, todas por riba de mil emigrantes. 

Á inversa, dun total de 14.169 novos e novas residentes en Galicia chegadas doutros lugares do Estado, de novo Madrid (2.971) foi a rexión da que chegaron (ou regresaron) un maior número de persoas. Cataluña, por riba de dúas mil, e Canarias, Castela-León e Andalucía, con máis de mil en cada caso, aparecen a continuación

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.