A poboación maior de 65 anos superou o pasado ano, por vez primeira, o 25% en Galicia. O dato, que revela a continuidade do proceso de envellecemento do país, é especialmente significativo nestes momentos, tendo en conta que a Covid-19 ten efectos moito máis graves nas persoas de idade avanzada, sobre todo entre aquelas que superan os 80 anos, pero tamén nas de 70.
Segundo os datos que o pasado venres publicou o IGE, dos 2,7 millóns de habitantes do país, o 25,16% ten 65 anos ou máis (eran o 24,89% no 2018) e tan só o 15,91% ten menos de 20 anos (15,92% un ano antes). O grupo entre 20 e 64 anos descende ata o 58,92% (59,19% en 2018). En 1999 por primeira vez os maiores de 65 anos superaron aos menores de 20, e dende entón a diferenza entre ambos os dous grupos non deixou de aumentar.
En Ourense a proporción de poboación maior de 65 anos supera o 31% e triplica á de menores de 20
En Ourense a proporción de poboación maior de 65 anos supera o 31% e triplica á de menores de 20. En Lugo a porcentaxe é do 29%. E mesmo na Coruña (24,57%) se achega a ese 25%. Tan só Pontevedra mantén unhas cifras de poboación maior notablemente inferiores (22,5%) pero por por riba do grupo de mozos de 20 anos ou menos (17,33%).
A idade media en Galicia segue a ascender e sitúase nos 47,24 anos, roldando na Coruña os 47 anos, chegando aos 45,6 en Pontevedra e aos 49,8 en Lugo. En Ourense a idade media está xa nos 50,67 anos.
O 17,6% das persoas de 80 anos ou máis que contraen a enfermidade acaban morrendo, segundo os datos dos que se dispón ata o momento en España
Todos estes datos adquiren máis importancia estes días, atendendo ao índice de letalidade do coronavirus (a porcentaxe de persoas infectadas que falecen pola enfermidade) nas persoas de máis idade. Segundo os datos facilitados polo Ministerio de Sanidade esta fin de semana a partir de 20.000 casos positivos sobre os que se contaba con información relativa á súa idade, o 17,6% das persoas de 80 anos ou máis que contraen a enfermidade acaban morrendo.
A porcentaxe é sensiblemente inferior pero aínda moi importante nas persoas que teñen entre 70 e 79 anos (5,24%) e a taxa de mortalidade descende rapidamente por debaixo desas idades: 2,16% nas persoas de 60 e pico anos, 0,64% nas de 50 e algo e 0,31% nas de 40 e algo.
Máis do 50% das persoas de máis e 70 anos que se contaxian deben ser ingresadas e a porcentaxe é do 42% nas persoas entre 60 e 69 anos
Tamén varían moito en función da idade os indicadores da proporción de persoas que deben ser ingresadas na UCI despois de infectarse do coronavirus e dos que necesitan algún tipo de ingreso hospitalario, aínda que sexa en unidades convencionais. Máis do 50% das persoas de máis e 70 anos que se contaxian deben ser ingresadas e a porcentaxe é do 42% nas persoas entre 60 e 69 anos. Por debaixo desas idades as proporcións de enfermos hospitalizados cae claramente por debaixo do 30%
En Galicia viven 236.566 persoas de 80 anos ou máis, das que o 17% poderían falecer no caso de contaxiarse, máis de 40.000 persoas, se aplicamos os datos dos que dispoñemos para o conxunto de España
Estes indicadores amosan o diferente nivel de afectación da doenza en cada persoa e tamén os efectos que a epidemia pode ter sobre a capacidade de atención do sistema sanitario. Os territorios con máis poboación maior poden sufrir máis problemas para xestionar a enfermidade. Xa está a suceder en Italia e España, dous dos países do mundo cunha maior idade media e con maiores porcentaxes de poboación maior. E podería pasar en Galicia, aínda máis envellecida que a media do Estado español.
En total, en Galicia viven 236.566 persoas de 80 anos ou máis, das que o 17% poderían falecer no caso de contaxiarse, máis de 40.000 persoas, se aplicamos os datos dos que dispoñemos para o conxunto de España. De igual xeito, entre os 279.281 galegos e galegas que teñen entre 70 e 79 anos, o 5% (ao redor de 14.000) estarían en perigo no caso de caeren enfermas.
Hai unha semana un modelo matemático do Imperial College de Londres alertou de que, de non adoptar medidas contra o coronavirus, máis de medio millón de persoas (sobre todo de idade avanzada) morrerían no Reino Unido nos vindeiros meses e 2,2 millóns nos Estados Unidos. Advertencias coma esta obrigaron o goberno británico a endurecer as medidas de contención adoptadas.
Só hai 12 concellos con máis poboación menor de 20 anos que maior de 65 anos
Por suposto, hai moitas diferenzas entre unhas e outras zonas de Galicia, pero o envellecemento é xeral en todo o país. De feito, xa só hai 12 concellos con máis poboación menor de 20 anos que maior de 65 anos. Trátase de Ames, Salceda de Caselas, Ponteareas, Soutomaior, Oroso, Barbadás, Culleredo, Oleiros, Arteixo, O Porriño, Gondomar e Cambre.
Ademais, en dous de cada tres concellos (un total de 213) a cantidade de poboación maior duplica cando menos a de poboación nova. Entre esas localidades, en 166 mesmo a triplica.