A provincia de Ourense volve ser o escenario dos maiores incendios deste verán, en especial algúns concellos (nomeadamente da súa parte meridional) que nos últimos dous meses e medio sufriron os efectos do lume en varias ocasións. A vaga de incendios que azouta Ourense nestes momentos rolda xa 10.000 hectáreas queimadas, concentradas especialmente en Cualedro, Lobios e Vilariño de Conso, pero tamén en Chandrexa de Queixa, Laza, Manzaneda ou Vilar de Barrio.
A vaga de incendios que azouta Ourense rolda xa 10.000 hectáreas queimadas, concentradas especialmente en Cualedro, Lobios e Vilariño de Conso, pero tamén en Chandrexa de Queixa, Laza, Manzaneda ou Vilar de Barrio
Trátase de localidades que, nalgúns casos, xa foron azoutadas polo lume nos meses de xullo e agosto, con focos que chegaron a queimar máis de mil hectáreas, como en Cualedro. En xeral, moitas destas zonas lideiras con Portugal, así coma outras situadas no Macizo central ourensán, sofren case todos os anos importantes incendios, especialmente no verán, mais tamén noutras estacións do ano. Nalgúns casos o lume queima espazos que xa foron arrasados dous, tres ou catro anos antes, como lembraba algún usuario das redes sociais hai unhas semanas.
Todas estas zonas teñen en común algunhas características, especialmente o feito de seren concellos especialmente envellecidos e que sufriron nos últimos anos un proceso de despoboamento moi importante
Todas estas zonas teñen en común algunhas características, especialmente o feito de seren concellos especialmente envellecidos e que sufriron nos últimos anos un proceso de despoboamento moi importante, mesmo por riba doutras zonas do rural galego.
Ourense é tamén a provincia galega máis envellecida, con medias de idade máis elevadas nos seus concellos e con maiores porcentaxes de poboación maior de 65 anos. Tamén é o territorio que máis poboación está a perder e, ademais, o que sofre máis incendios de importancia e cunha maior superficie arrasada. En xeral, aínda que correlación non necesariamente implica causalidade, os concellos máis envellecidos e que máis poboación perden en Galicia adoitan sufrir máis incendios.
Se collemos os concellos que nestes momentos máis están a arder en Galicia, atopamos que case todos eles figuran entre as localidades que máis incendios sufriron nos últimos anos. Queimado sobre queimado
Se collemos os concellos que nestes momentos máis están a arder en Galicia (Cualedro, Vilariño de Conso, Lobios, Vilar de Barrio, Laza, A Gudiña, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Mezquita, Vilardevós ou Maceda), atopamos que case todos eles figuran entre as localidades que máis incendios sufriron nos últimos anos. E o mesmo pasa con Monterrei, Viana do Bolo ou Verín, moi afectados polo lume en xullo e agosto. Queimado sobre queimado.
En 2017 o proxecto España en Llamas da Fundación Civio difundiu en formato aberto os datos detallados de todos os incendios forestais producidos entre os anos 2001 e 2014, unha información que non publican nin a Xunta de Galicia nin o Goberno central. Nesta base de datos podemos comprobar como a maior parte das localidades que nestes momentos están a arder aparecen entre os concellos nos que nese período máis superficie se queimou.
Destacan os casos de Manzaneda e Cualedro, con máis de 10.000 e de 8.000 hectáreas arrasadas neses anos e que de novo estes días están a arder (Cualedro xa o fixera de forma moi importante a finais de xullo, o mesmo que Viana do Bolo, cuarta nesta clasificación). Nas últimas horas tamén se rexistraron incendios de grande importancia en Laza, A Gudiña, Chandrexa de Queixa, Vilariño de Conso, Vilardevós ou A Mezquita, que aparecen tamén entre os 15 concellos galegos máis afectados polo lume.
Verín e Monterrei, que sufriron importantes incendios en xullo, tamén son focos habituais. As excepcións, se tomamos en consideración os concellos que están a sufrir incendios de importancia esta semana, serían Rairiz de Veiga, Lobios ou Vilar de Barrio, que entre os anos 2001 e 2014 non aparecían entre os lugares de máis actividade incendiaria.