A vaga de incendios que azouta Ourense achégase ás 10.000 hectáreas tras outra noite con aldeas en risco

Un bombeiro forestal participa na extinción do lume en Vilardevós, o 14 de setembro CC-BY-SA Foto: Brigada Vilamaior | Montaxe: Praza Pública

As hectáreas ardidas en montes da provincia de Ourense dende o pasado sábado, 12 de setembro, xa superan amplamente a superficie afectada por incendios forestais en toda Galicia durante o ano anterior. Os incendios comunicados pola Consellería do Medio Rural dende esa xornada achéganse ás 9.100 hectáreas ardidas, das que unhas 9.000 se concentran na provincia ourensá.

En varios dos incendios foi preciso activar a Situación 2, nivel de alerta empregado cando están en risco zonas habitadas por mor da proximidade do lume

Boa parte da superficie ardida concéntranse en municipios que recorrentemente sofren incendios. A evolución dos focos, os datos e a previsión meteoroloxía apunta a que esta vaga continuará avanzando cara ás 10.000 hectáreas calcinadas, unha tendencia que tamén é posible observar nas imaxes de satélite do Sistema Europeo de Información sobre os Incendios Forestais (EFFIS), ao abeiro do proxecto Copernicus da UE. 

Tras outra noite con risco para áreas habitadas, especialmente en Cualedro, onde durante a noite foi precisa a activación da Situación 2 por risco para áreas habitadas a causa do incendio que avanza dende a tarde do domingo e que xa arrasou arredor de 1.300 hectáreas, segundo informa a Consellería do Medio Rural. Na mesma parroquia, a de Montes, comezou un segundo incendio na madrugada do luns que xa queimou outras 80 hectáreas.

Cando menos cinco dos incendios desta vaga teñen xa a consideración de grandes incendios forestais por superaren as 500 hectáreas ardidas

Durante a noite, na contorna de Cualedro, o conselleiro do Medio Rural admitía as lapas puxeron en risco áreas habitadas. "Por suposto, o obxectivo é preservar os nosos montes, pero cando hai posible afectación das persoas e das aldeas, este é o obxectivo fundamental", sinala José González, quen agregaba en declaracións aos medios que o seu departamento estivo "a piques de ter que declarar a situación 2 noutros concellos" pola mesma razón. 

Esa declaración de situación 2 estivo activada tamén en Vilariño de Conso, por mor do incendio da parroquia de Sabuguido que xa queimou unhas 2.000 hectáreas, dende o serán do luns e ata o mediodía deste martes. Na madrugada do domingo ao luns, tamén fora activada en Cualedro e mais en Rairiz de Veiga, neste caso nun foco onde xa arderon 300 hectáreas. [A vaga de incendios arrasa en tres días máis do ardido en Galicia durante todo 2019]

Segundo as medicións provisionais, cando menos cinco dos incendios desta vaga teñen xa a consideración de grandes incendios forestais, por superaren as 500 hectáreas de superficie ardida. É o caso dos devanditos incendios de Vilariño de Conso e Cualedro, pero tamén do de Río Caldo (Lobios), que afecta directamente ao parque natural do Xurés. O lume tamén superou ese limiar en Vilar de Barrio (700) e Chandrexa de Queixa (500).

Tamén están por riba das 100 hectáreas os focos de Manzaneda (450 e 400, en dúas parroquias), A Mezquita (400), Vilardevós (350) ou Maceda (222, extinguido este martes). En total, os incendios comunicados pola Xunta dende o pasado sábado sumaban ata primeiras horas da tarde deste martes algo máis de 9.100 hectáreas.

Vehículo da Unidade Militar de Emerxencias, este 15 de setembro nun dos incendios da provincia de Ourense © UME (Imaxes tomadas en Lobios, Vilariño de Conso e Cualedro)

Estes incendios son os principais, pero non necesariamente os únicos que afectaron nos últimos días aos montes galegos. A política informativa da Xunta implica, dende hai unha década, que Medio Rural só faga públicos os focos de máis de vinte hectáreas e, por baixo desa superficie, os que afectan a zonas habitadas ou espazos naturazos protexidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.