O pasado 2019 foi un dos anos con menor superficie ardida nos montes galegos dende que hai rexistros comparables, serie que comeza no ano 1976. Arderon algo máis de 6.800 hectáreas, unhas 2.000 nun único incendio, quedando así por riba de 2018, cando foran pouco máis de 4.000 tras o duro 2017, o peor ano da década tras arder máis de 50.000 hectáreas en apenas tres días e máis de 60.000 en todo o ano.
Unhas 7.500 das máis de 7.600 hectáreas ardidas en apenas tres días localízanse en concellos da provincia de Ourense
Pero 2020 non vai seguir a tendencia. Dende o pasado sábado, en apenas tres días o monte galego ardeu máis que en todo 2019 e as comarcas máis afectadas volven situarse, outra volta, na provincia de Ourense. Os principais focos dos que informou a Consellería do Medio Rural nos últimos tres días atópanse en municipios ourensáns.
Son máis de 7.600 hectáreas ardidas, segundo os datos actualizados no mediodía deste luns. Delas, máis de 7.500 localízanse en Ourense.
Polo momento, da ducia de incendios que atinxen á provincia ourensá, catro traspasaron xa o limiar que os converte en grandes incendios forestais, consideración que se outorga aos que superan as 500 hectáreas. Un deles é o iniciado na parroquia de Río Caldo, en Lobios, que golpea con intensidade un dos espazos protexidos que máis frecuentemente está afectado polas lapas, o Parque Natural da Baixa Limia- Serra do Xurés. Neste incendio xa arderon unhas 2.000 hectáreas.
Alí, seguían traballando contra o mediodía case unha trintena de brigadas de bombeiros forestais, ademais de unha quincena de medios aéreos, entre avións e helicópteros. Xunto aos servizos de extinción da Xunta e do Ministerio para a Transición Ecolóxica, despregouse na zona a Unidade Militar de Emerxencias a petición do Goberno galego.
Un destes incendios arrasou xa máis de 2.000 hectáreas do parque do Xurés e outros dous obrigaron a declarar a situación 2 durante a noite do domingo ao luns por poñeren en risco zonas habitadas e instalacións agrogandeiras
Tamén rolda as 2.000 hectáreas, segundo Medio Rural, o incendio iniciado na madrugada do sábado ao domingo en Sabuguido (Vilariño de Conso). Por riba das 1.000 está xa tamén o incendio de Montes (Cualedro), que na noite do domingo ao luns obrigou a activar a coñecida como "situación 2", nivel de alerta que se activa cando o lume pon en risco zonas habitadas. Neste caso, os medios de extinción tiveron que protexer tanto vivendas como instalacións agrogandeiras.
Chandrexa de Queixa, Rairiz de Veiga -onde o lume tamén se achegou ás casas durante a noite-, Vilardevós, Manzaneda, A Gudiña, Maceda ou Laza completan un mapa do lume no que a Xunta reitera a existesncia de intencionalidade. Durante a noite, na contorna do incendio de Cualedro, o conselleiro do Medio Rural, José González, aseguraba en declaracións aos medios que a esas horas había ata "once incendios activos na provincia de Ourense". González amosa o seu convencemento de que todos eles son "intencionados", porque comezaron "nun momento no que se di que vai haber chuvia" e foron "colocados onde saben, polo vento, que vai haber moitos danos".
Estes incendios son os principais, pero non necesariamente os únicos que afectaron nos últimos días aos montes galegos. A política informativa da Xunta implica, dende hai unha década, que Medio Rural só faga públicos os focos de máis de vinte hectáreas e, por baixo desa superficie, os que afectan a zonas habitadas ou espazos naturazos protexidos.