Os incendios golpean outra volta Ourense con máis de 3.000 hectáreas arrasadas en apenas dous días

Traballos de extinción en Lobios, na noite deste 13 de setembro © UME

Outra volta, Ourense. E outra volta, o Macizo Central e a súa contorna. A provincia ourensá amenceu este luns tras a enésima noite marcada pola loita contra os incendios forestais, incluíndo risco directo para vivendas e instalacións agrogandeiras en, cando menos, dous concellos: Cualedro e Rairiz de Veiga.

En Cualedro e Rairiz de Veiga foi preciso activar a Situación 2 pola proximidade das lapas a áreas habitadas e instalacións agrogandeiras. As estimacións actualizadas na mañá do luns elevan a superficie ardida na provincia ourensá por riba das 6.000 hectáreas

As estimacións actualizadas pola Consellería do Medio Rural na mañá deste luns apuntan a máis de 6.000 hectáreas ardidas nos principais incendios desta fin de semana, a maior parte de focos e superficie queimada, en Ourense. O que contra a noite do domingo pasou a ser o máis extenso, o da parroquia de Río Caldo, en Lobios, atinxiu ao parque natural da Serra do Xurés e levou por diante xa máis de 2.000 hectáreas.

O incendio de Lobios acadou a consideración de gran incendio forestal -máis de cincocentas hectáreas- e o mesmo sucedeu en, cando menos, outros tres. Un deles, o de Cualedro, onde tras a declaración da Situación 2 na tarde do domingo pola proximidade a zonas habitadas, os medios de extinción traballaron arreo durante a noite para poñer a salvo vivendas e, cando menos, tamén unha granxa. Alí arderon xa unhas 800 hectáreas, segundo Medio Rural

O medio milleiro de hectáreas superounas tamén amplamente o incendio de Sabuguido, en Vilariño de Conso, tamén con 2.000. Alí foron precisos practicamente unha vintena de medios aéreos para complementar o traballo dunha ducia de brigadas de bombeiros forestais que atacaban o lume sobre o terreo. Ás 500 hectáreas ardidas superounas, igualmente, o lume de Rebordechau, en Vilar de Barrio, que na mañá do luns xa superaba as 700.

Catrocentas hectáreas en Chandrexa de Queixa, 260 en Rairiz de Veiga -onde a Situación 2 por proximidade ás casas foi desactivada durante a noite-, 60 en Laza e, máis contra a mañá, 100 en Manzaneda ou 80 en Vilardevós, trazan un novo mapa do lume con topónimos ourensáns que se repiten verán tras verán. Fóra da provincia de Ourense, a Xunta informa dun incendio en Ribas de Sil, xa en Lugo (20 hectáreas) e sinala que quedou extinguido o que afectaba a Hospital (Quiroga) tras queimar unhas 53 hectáreas e mais o de Cequeril (Cuntis), cunhas 25.

Once incendios activos á vez na provincia ourensá

Unha bombeira forestal tivo que ser evacuada por mor dun golpe de calor durante os traballos de extinción

Durante a noite, na contorna do incendio de Cualedro, o conselleiro do Medio Rural, José González, aseguraba en declaracións aos medios que a esas horas había ata "once incendios activos na provincia de Ourense". González amosa o seu convencemento de que todos eles son "intencionados", porque comezaron "nun momento no que se di que vai haber chuvia" e foron "colocados onde saben, polo vento, que vai haber moitos danos".

Bombeiros forestais traballando contra o lume en Cualedro, na noite deste 13 de setembro de 2020 © Brif Laza

O titular de Medio Rural, que detallou a solicitude de presenza da Unidade Militar de Emerxencias nos dous concellos con risco para a poboación, Rairiz de Veiga e Cualedro, e tamén no incendios do parque natural do Xurés en Lobios, aseguraba que o Goberno galego non tiña constancia de danos persoais nestas vilas por mor das lapas. Si foi preciso, detallaba, evacuar unha bombeira forestal afectada por un golpe de calor.

Estes incendios son os principais, pero non necesariamente os únicos que afectaron nos últimos días aos montes galegos. A política informativa da Xunta implica, dende hai unha década, que Medio Rural só faga públicos os focos de máis de vinte hectáreas e, por baixo desa superficie, os que afectan a zonas habitadas ou espazos naturazos protexidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.