Desde que comezou setembro non hai un día no que non se declare un novo incendio na zona, onde este sábado a Xunta informa de tres que suman un cento de hectáreas
A climatoloxía deu unha tregua a mediados de agosto, pero desde que comezou setembro non hai un día no que non se declare un novo incendio no Macizo Central Ourensán, no que este sábado a Xunta informa de tres activos que suman un cento de hectáreas.
O mes comezou con cinco incendios declarados en Manzaneda durante a noite do día 1 ao 2, a maioría rapidamente controlados. O día 2 foi a parroquia de Vilarmeao, en Viana do Bolo, a que rexistrou outro lume apagado ese mesmo día pero tras afectar a 24 hectáreas. O día 3 lográbase extinguir outro incendio en Reigada, Manzaneda, tras afectar a 25 hectáreas.
Este venres día 4, pola noite, segundo informa a Consellería de Medio Rural, en Vilariño de Conso declaráronse outros dous incendios con tres focos distintos cada un deles. O da parroquia de San Cristovo levaba ata o mediodía do sábado unhas 45 hectáreas mentres que o da parroquia de Castiñeira consumira 16. E no veciño concello de Chandrexa de Queixa, na parroquia de Queixa, outro incendio iniciado tamén na tarde do venres afectaba xa a 40 hectáreas. A Xunta daba os tres por "estabilizados" pero aínda non controlados no mediodía deste sábado.
Ademais destes incendios no Macizo Central -o Goberno galego só comunica os que superan as 20 hectáreas, afectan a espazos protexidos ou poñen en risco á poboación-, noutros lugares da provincia de Ourense tamén se están a producir lumes. Este sábado a Xunta deu por extinguido outro de 30 hectáreas iniciado o xoves en Riós, e nas últimas horas outro incendio na Mezquita está a requirir da intervención de medios estatais.