O galego é un dos escasos gobernos entre todas as comunidades autónomas que non informa directamente sobre o número de novos casos diarios do coronavirus e que non publica, malia dispor dela, unha serie histórica sobre a evolución da pandemia no seu territorio. Tamén é un dos poucos Executivos que se nega a divulgar de xeito aberto e regular a información sobre a evolución da COVID-19 por concellos ou comarcas, limitándose a incluír nos seus partes o número de casos "activos" nas sete áreas sanitarias, información que ocasionalmente é posible completar con datos que acceden a especificar os servizos de comunicación dos hospitais.
Neste contexto, só as decisións dalgúns concellos, que dan en facer públicos os datos municipais da pandemia que ás veces lles transmite a Consellería de Sanidade, permiten coñecer unhas cifras locais que, ata o momento, o Goberno galego só divulgou nunha ocasión a un único medio de comunicación. Os municipios adoitan dispoñer desta información cando a Xunta aplica nas súas zonas restricións especiais para conter os contaxios, momento no que adoita haber outra xanela de información puntual: os autos xudiciais que dan en revelar algúns dos datos que a Xunta non publica.
A obriga de que as medidas restritivas sexan ratificadas pola Xustiza dá lugar a autos xudiciais que, habitualmente, citan datos dos informes epidemiolóxicos de Sanidade por concellos ou comarcas que a propia Xunta evita publicar
Dende a fin do estado de alarma pola pandemia, as restricións excepcionais para conter o coronavirus que poden afectar a dereitos fundamentais precisan de ratificación xudicial -obriga que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, criticou en diversas ocasións-. Ata o momento, os xulgados veñen dando o seu visto e prace ás medidas a través de autos que adoitan citar parte dos informes epidemiolóxicos cos que a Xunta xustifica a súa necesidade. Este é o punto no que translocen os datos que o Goberno non divulga, sempre e cando o TSXG dea en facer públicos os autos, algo que non acontece en todas as ocasións. [Da aceleración de Pontevedra á "agrupación de casos" na Coruña: os argumentos oficiais das novas restricións fronte ao coronavirus]
Así sucedeu, por exemplo, coas medidas adoptadas pola Xunta en catorce concellos da Mariña o pasado xullo para conter o que foi o primeiro brote de importancia tras a fin do estado de alarma. Como informou Praza.gal, o xulgado de Lugo que ratificou as medidas transcribiu parte dun informe remitido polo Sergas que detallaba o número de positivos en cada concello. Aquel auto non só serviu para coñecer as cifras detalladas por municipio, senón tamén para saber da existencia de 34 casos que o Goberno galego non fixera públicos, aspecto que Sanidade xustificou posteriormente alegando un erro nos datos de altas.
Por esta vía transcenderon, entre outros, datos da incidencia da COVID-19 na Mariña, na comarca da Coruña ou nas contornas de Santiago e Bergantiños
Algo mesmo aconteceu dende mediados de agosto coas medidas adoptadas pola Xunta para conter o forte rebrote da epidemia na cidade da Coruña e na súa contorna. Mostra disto é o auto ditado polo Xulgado do Contencioso/Administrativo número dous da Coruña o pasado 4 de setembro, no que o maxistrado encargado do asunto cita un informe do Sergas no que se indica que a incidencia acumulada da pandemia na comarca da Coruña era nos tres días anteriores de 39,2 novos positivos por cada 100.000 habitantes, cifra que no municipio de Arteixo se elevaba a 365,8 casos por cada 100.000 habitantes nos anteriores catorce días.
No mesmo día, 4 de setembro, un xulgado de Santiago ratificaba as medidas adoptadas pola Xunta en Santa Comba e sinalaba que a "elevada" incidencia do virus nese municipio ficaba ratificada no feito de que desen positivo o 16,3% das 246 probas PCR realizadas na zona -máis do triplo do limiar considerado pola OMS para dar por controlada a doenza-. Tamén nese comezo de setembro, outro xulgado compostelán ratificaba as restricións adoptadas pola Xunta no termo municipal de Santiago e, citando outra volta informes oficiais de Sanidade, detallaba a existencia de "múltiples cadeas de transmisión" da COVID-19, co "grupo de idade que presenta a taxa de positividade máis elevada (...) de 20 a 24 anos".
A Xunta xustificou a negativa a divulgar estes datos na necesidade de non "estigmatizar" pequenos municipios, aínda que o propio Feijóo deu en citar verbalmente datos da pandemia de barrios concretos, como o coruñés da Agra do Orzán
Tamén nesa xornada, un xulgado coruñés daba o seu visto e prace ás restricións aplicadas pola Xunta en Carballo e na Laracha e revelaba datos que a Xunta non publica. Sempre citando como fonte os Informes de Situación da COVID-19 da propia Consellería de Sanidade, o xuíz reflectía que o Concello da Laracha padecía nese momento unha incidencia de 211,15 positivos por cada 100.000 habitantes nos últimos catorce días, con 24 casos 'activos' nese momento. En Carballo, a incidencia era de 239 por cada 100.000 habitantes no mesmo período, con 74 positivos. "En razón dos datos transcritos, o risco aparece como alto e moi por riba dos parámetros límites", razoaba o auto.
Os máis recentes, de Pontevedra e Lugo
Máis recentemente, este mesmo venres 11, transcenderon datos doutras dúas cidades, Pontevedra e Lugo, pola mesma vía. No auto no que o xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Pontevedra ratificou as restricións impostas polo Goberno no termo municipal pontevedrés esta mesma semana, o xuíz cita un informe de Saúde Pública datado no 7 de setembro no que, entre outros aspectos, resalta que a incidencia do virus na comarca "leva en ascenso dende o 22 de agosto", pero "aumenta máis rápido a partir do 30 de agosto" e que a porcentaxe de PCR positivas na zona "se mantén no nivel de risco alto", do 10,64%. Ademais, agrega, o 76% dos casos da comarca "producíronse no concello de Pontevedra".
Os informes que a Xunta achega aos xulgados conteñen multitude de datos que non fai públicos, como a incidencia da pandemia por municipios e mesmo por barrios e as datas nas que se disparan ou controlan os brotes
Sobre a continuación das restricións en Lugo, o xulgado do contencioso-administrativo número 1 da capital lucense daba a súa conformidade con outro auto o propio día 11. Nel cítase un informe do mesmo 7 de setembro sobre a evolución epidemiolóxica en Lugo e comarca, no que Sanidade advirte dun "importante" ascenso da incidencia do virus por mor do forte brote na residencia DomusVi de Outeiro de Rei. Sobre a cidade de Lugo, o Sergas detalla ao xulgado que "os casos xa non están concentrados no barrio da Milagrosa", senón que existen "varias cadeas de transmisión secundarias" que están "dispersas pola cidade". Por esa razón, aínda que "o brote (...) parece evolucionar favorablemente", recomenda "manter as medidas restritivas".
Ningún destes datos está contido nas actualizacións diarias de datos que a Consellería de Sanidade plasma en comunicados coa cifra de "positivos activos", "curacións" e falecementos no conxunto de Galicia, así como coas principais magnitudes de "activos" en residencias de maiores e en cada unha das sete áreas sanitarias. O Goberno galego xustificou a súa negativa a divulgar datos por municipios na vontade de non "estigmatizar", especialmente en pequenos concellos.
Este argumento contrasta, non obstante, co feito de que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dese en citar en rolda de prensa datos de incidencia do virus en barrios concretos -por exemplo, a Agra do Orzán, na Coruña-. A Consellería tampouco contempla, polo menos de momento, ofrecer os datos de novos casos por comarcas.