A Xunta comunicou ao xulgado 34 positivos máis dos que fixo públicos no brote de coronavirus da Mariña

O total de casos de coronavirus no brote da Mariña feito público polo Sergas o día 9 era de 190, pero os notificados ao xulgado eran 224 CC-BY-NC-SA Praza Pública

A Xunta vólvese enredar nos datos sobre a evolución da pandemia de coronavirus. O xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Lugo avalou o pasado 15 de xullo a orde coa que a Xunta estendeu, o pasado día 10, as restricións de mobilidade da Mariña para conter o brote da covid-19. Fíxoo nun auto no que o xulgado cita os datos fornecidos pola propia Xunta sobre o número de casos de coronavirus rexistrados nos concellos da Mariña a día 9 de xullo. O Goberno galego informouno, segundo o xulgado, de ata 34 casos máis dos que estaba a facer públicos.

O auto do xulgado, como advertiu Xornal da Mariña, cita un informe do Sergas que especifica o número de casos por concellos, dato que a Xunta tampouco fai público dende o inicio da pandemia. Así, indica, aquel 9 de xullo "o Concello de Burela contaba cun total de 157 casos"; seguíano Foz con 22, Viveiro con 14, Xove con 12, Cervo con 4, O Vicedo con 3, Ribadeo con 4, Alfoz con 1, Barreiros con 5 e Lourenzá, con 2. En total, 224. "O elevado número de contactos detectados" nos rastrexos do Sergas "parece indicar que a extensión do virus pode ir en aumento", agregaba o xulgado para apoiar as medidas da Xunta.

O 9 de xullo, o Sergas indicou ao xulgado que A Mariña rexistrara 224 casos de coronavirus mentres informaba publicamente de 165 casos "activos" e 25 altas, o que deixaba o acumulado en 190, trinta e catro menos

Aquel mesmo día 9 de xullo a Consellería de Sanidade indicaba que os "casos activos" no brote da Mariña eran 165 e indicaba que "xa se produciron 25 altas epidemiolóxicas", polo que o total acumulado de casos do brote serían 190. É dicir, 34 menos que os indicados ao xulgado. Ao día seguinte, 10 de xullo, a Xunta informaba de 182 casos "activos" e dúas altas máis, ata 27, polo que o acumulado ascendía a 209, aínda por baixo do indicado ao xulgado.

Os casos acumulados feitos públicos por Sanidade seguen sendo, a día 16, menos dos indicados ao xulgado o día 9. Este xoves o Sergas indica que os casos "activos" do brote se reducen en 11 e quedan en 140, mentres que "un total de 14 persoas positivas foron dadas de alta", o que elevaría a súa cifra ata 82. Serían, daquela, 3 casos novos ligados ao brote e o total acumulado chegaría a 222, aínda por baixo dos 224 indicados pola propia Xunta ao xulgado o día 9 de xullo. 

O Sergas, que este xoves suma 3 casos novos no brote, responde que a información remitida ao xulgado se refire "ao total de casos que se produciron"

Praza.gal púxose en contacto coa Consellería de Sanidade co obxectivo de aclarar a causa desta disparidade. Na súa resposta, o departamento gobernamental indica que a información remitida ao xulgado se refire "ao total de casos que se produciron", con independencia de que continúen "activos" ou estean "en situación de infección resolta", isto é, de alta. 

En aplicación desa lóxica, os casos feitos públicos seguen sendo menos que os detallados ao xulgado o pasado día 9. A ausencia dunha serie pública de datos do Sergas impide, en calquera caso, contrastar estes datos directamente. [Persoal sanitario e concellos da Mariña alertan de que non cadran as cifras do brote e a Xunta retruca que son "reais"]

Vinte e oito casos novos en toda Galicia e atención especial a Betanzos

Esta nova disparidade de datos prodúcese nunha xornada na que, atendendo ao parte xeral da Consellería de Sanidade sobre as últimas vinte e catro horas, Galicia rexistra vinte e oito novos casos de coronavirus con relación ao día anterior. Faino nun día na que os servizos sanitarios prestan especial atención a Betanzos por mor de "dous focos" que, segundo o xerente do Sergas na Coruña, Luis Verde, "xa podemos denominar como un brote", dixo en declaracións que recolle La Opinión de A Coruña.

O xerente do Sergas na Coruña indica que xa é posible falar de brote en Betanzos, aínda que polo momento os casos rexistrados na vila serían só 9

Estes dous focos afectan a "dúas unidades de convivencia" e aos seis casos detectados o pasado martes engadiríanse outros tres, resultantes da realización de ata 75 probas PCR na zona, indicou, ata un total de 9. O Sergas segue a facer probas na vila cunha carpa instalada especialmente con este obxectivo. Mentres, por precaución a causa do brote, o Concello decidiu suspender a feira que se celebra o día 16 de cada mes. O goberno local betanceiro, adicionalmente, reclamou coñecer con maior fluidez a información que manexa a Xunta ao respecto xa que nas últimas horas, lamenta, soubo dos datos a través dos medios de comunicación.

Eses vinte e oito novos casos rexístranse nunha xornada na que os "positivos activos" que son dato de referencia para a Xunta baixan en 11. A razón para que iso suceda é que o Sergas suma ata 39 altas. Deste xeito, os "positivos activos" descenden na área de Lugo (-11, os da Mariña) e na de Santiago (-3) mentres aumentan en Vigo (+2) e na Coruña (+1) aínda que, en realidade, se suman ao cómputo os devanditos vinte e oito.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.