Sanidade mantén o peche de Burela polo brote de coronavirus e levántao no resto da Mariña

Burela mantén o peche porque, indica o Sergas, concentra a maior parte de casos do brote CC-BY-NC-SA Praza Pública

Trece dos catorce concellos do distrito sanitario da Mariña, todos agás Burela, recuperan a mobilidade ao xeito do disposto dende a fin do estado de alarma. A Consellería de Sanidade confirmou este mércores que, dende as cero horas do 16 de xullo, quedarán levantadas as restricións de desprazamentos nos seis municipios da liña costeira de Viveiro a Ribadeo agás no burelao, onde segundo a Xunta se concentra case o 80% dos casos "activos", 116 de 151. Alí prolongaranse ata unha semana máis.

O Sergas indica que rexistrou un único caso novo ligado co brote nas últimas vinte e catro horas na Mariña, onde si se manteñen restricións como as relativas ao lecer nocturno ou ao límite das reunións de 10 persoas non convivintes

Os concellos da Mariña entran nesta nova fase de desconfinamento tras unha xornada na que, sempre segundo os datos do Servizo Galego de Saúde, foi rexistrado un único caso novo da covid-19 na comarca, o que eleva o total de positivos ligados ao brote ata 219 persoas. Foi o resultado tras facer na Mariña 80 probas PCR nunha xornada na que o total destes test en Galicia, segundo a Consellería, ascendeu a 2.911, un nivel semellante ao pico da pandemia. As feitas na Mariña dende o comezo do borte son 3.655, especifican.

Desas 219 persoas que deron positivo no brote, 68 están xa de alta "tras curarse e superar a enfermidade" -trece máis que o día previo-. Estas variacións deixarían os devanditos "positivos activos" en 151, doce menos que o martes.

Alén do levantamento das restricións de mobilidade, recibidas de bo grao en concellos como Ribadeo a través do seu alcalde, Fernando Suárez, no conxunto de concellos do distrito sanitario continuarán vixentes outras limitacións como as relativas á prohibición de reabrir discotecas ou celebrar verbenas. Tamén seguirá rexendo o límite de reunións de ata 10 persoas non convivintes -medida semellante á da fase 2 do desconfinamento- ou o horario máximo das doce da noite para o peche de locais hostaleiros. 

A Xunta abre a porta a que o peche de Burela se prolongue ata unha semana e admite que "existe o risco de que haxa un certo nivel de transmisión oculta" na zona porque "existen casos que non poden asociarse ao resto"

Todas as medidas foron publicadas publicadas nunha edición extraordinaria do DOG, na tarde deste 15 de xullo. Fronte á duración de cinco días dos dous anteriores períodos, a nova orde abre a porta a que o peche de Burela dure ata sete días e introduce ademais unha advertencia: en Burela "existen casos que non poden asociarse" ao "resto dos casos coñecidos", polo que "existe o risco de que haxa un certo nivel de transmisión oculta" e de "que, de reducir as medidas, repunte o abrocho".

Precisamente nesta xornada o xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Lugo ratificaba as medidas ditadas o pasado día 10 pola propia Xunta, na segunda fase do confinamento da Mariña, cando foi levantado o peche de sete concellos da comarca mentres continuaron as restricións de mobilidade noutros seis e se endurecían en Burela.

Esta evolución do brote da Mariña, en torno ao que aínda segue habendo 534 persoas en seguimento por teren contacto con persoas que deron positivo, supón que no resto da área sanitaria de Lugo, que abrangue toda a provincia, habería outros 20 casos" activos de coronavirus, os mesmos que no día previo. No resto do país os novos casos serían 7 nas últimas vinte e catro horas, toda vez que os "activos" baixan en sete (de 245 a 238) pero as "curacións" aumentan en 14, ata as 10.979.

O Sergas rexistra 7 casos novos de coronavirus en Galicia nas últimas vinte e catro horas e a Consellería admite seguimento especial de 6 positivos en Betanzos, catro con "relación familiar entre eles"

Nesas "curacións" debéranse incluír os doce positivos activos menos da área de Lugo e outras dúas que non é posible situar, xa que o Sergas non ofrece esa información. Si especifica que os "activos" aumentan na área sanitaria da Coruña -de 23 a 26- e mais na de Pontevedra -de 12 a 14-, mentres baixan na de Lugo e seguen igual no resto. 

A baixada de sete "activos" correspóndese co descenso de persoas que estaban illadas a domicilio, que pasa de 238 a 231. Mentres, o número de persoas hospitalizadas segue igual, en 7, cunha na UCI e o resto en unidades ordinarias.

A curva tende a volver baixar pero, non obstante, Sanidade admite que os rastrexos de posibles novos abrochos continúan. É o caso de seis positivos "localizados en Betanzos". Deles, segundo o conselleiro de Sanidade en funcións, Jesús Vázquez Almuíña, "catro teñen relación familiar entre eles e outros dous, non". O Goberno galego segue sen publicar unha serie histórica completa e aberta da evolución da covid-19 en Galicia e continúa, asemade, sen ofrecer información detallada do número de positivos por concellos ou comarcas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.