O Sergas sumou 12 novos casos de coronavirus, un deles na Mariña, durante a xornada electoral

O brote da Mariña xa superou os 200 casos acumulados CC-BY-NC-SA Praza Pública

A pandemia seguía aí tras o 12X. Mentres o electorado galego votaba nas undécimas eleccións ao Parlamento de Galicia, o Servizo Galego de Saúde sumaba 12 casos novos da covid-19, un deles no brote da Mariña, segundo a información divulgada pola Consellería de Sanidade este 13 de xullo. Todo, mentres continúan vixentes as restricións de mobilidade en sete concellos da comarca, incluíndo o peche reforzado de Burela.

A Xunta, que segue sen ofrecer unha serie completa nin datos abertos sobre a evolución da pandemia en Galicia, segue a falar en termos de "casos activos" para o brote mariñao, que agora son 184. Ese abrollo deixa xa 218 casos positivos confirmados, 34 deles xa de alta tras daren negativo. Ambas magnitudes permiten calcular que os casos novos agregados nesa xornada foron só un.

Segundo Sanidade, as persoas hospitalizadas por contraeren o coronavirus neste brote só só dúas e outras cinco no resto de Galicia, sen relación coa Mariña, unha delas na UCI en Vigo. Desta volta o Sergas non detalla cantas probas PCR leva feitas nas comarcas afectadas nin cantas persoas permanecen illadas nas súas casas por teren contacto con persoas que deron positivo.

Que no resto da provincia de Lugo a Consellería indique dous activos máis non implica, necesariamente, que se trate de só dous casos novos

O parte da Consellería sobre o brote xunto co relativo ao global de Galicia permite deducir que no resto da área sanitaria de Lugo, que abrangue toda a provincia, os casos "activos" son dous máis que o día previo, ata un total de 200. Isto non quere dicir que sexan só dous os casos novos no resto da provincia, xa que nesta xornada a cifra de "curacións" para o total de Galicia aumenta en 3 -ata as 10.943-, polo que os casos novos poden ser entre 2 e 5.

Deste xeito, a área de Lugo rexistra cando menos tres casos novos e polo resto do país distribuiríanse outros 9 cuxa localización é descoñecida porque a Consellería non informa ao respecto. Si indica que o saldo de "positivos activos" aumenta noutras tres áreas e o fai de maneira significativa na da Coruña, con 5 máis. Santiago suma dous e Pontevedra, un.

Estas son as principais magnitudes da evolución da pandemia en Galicia á altura deste 13 de xullo, xornada na que o Ministerio de Sanidade prevé actualizar o seu cómputo, o cal agora sucede só de luns a venres. É previsible que nesta semana o Instituto Carlos III ofreza unha nova actualización revisada da súa serie histórica da pandemia por data estimada de inicio de síntomas, a única pública para Galicia en ausencia dunha do Sergas. Neste momento será posible coñecer con maior precisión a evolución do brote da Mariña, toda vez que esta base descende ata o nivel provincial.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.