O PP gaña con claridade na Mariña, pero perde apoios en Cervo, Xove e Burela no medio dunha grande abstención

Unha persoa votando en Burela este 12X CC-BY-SA Praza Pública

Moitos olladas estaban postas nestas eleccións na comarca da Mariña, marcada pola situación da planta de Alcoa que pode deixa an rúa a centos de traballadores e, nos últimos días, polo brote de coronavirus que obrigou a pechar os accesos á zona e que deixou sen votar ás persoas infectadas. 

A participación descendeu de forma notable, sobre todo na Mariña Central, onde se sitúa Burela, cunha caída de 8,59 puntos

As dúbidas xiraban, en primeiro lugar, sobre a participación, sobre todo polo efecto que a pandemia de coronavirus podía ter na mobilización electoral dos habitantes da Mariña. E, así mesmo, sobre o efecto electoral que as dúas situacións podían ter sobre o apoio ao PP e ao resto de formacións. 

Finalmente, a participación descendeu de forma notable, sobre todo na Mariña Central, onde se sitúa Burela, cunha caída de 8,59 puntos. Na Mariña Occidental o descenso da participación foi de case 5 puntos e na Mariña Oriental máis de seis puntos e medio. Cómpre lembrar que no conxunto de Galicia a abstención medrou algo menos de 5 puntos.

En canto ao resultado final, o PP roldou o 50% dos votos nas tres comarcoas que compoñen A Mariña: A Mariña Central (48,01%), A Mariña Occidental (45,22%) e A Mariña Oriental (51,12%), perdendo apoios sobre todo na Mariña Central, na que caeu 2,65 puntos.

O PP perdeu case 4 puntos en Cervo e case 5 en Xove, con ascensos de máis de 20 puntos do BNG

A pesar de que os populares si mantiveron de forma xeral os seus apoios, nos dous concellos afectados máis directamente pola situación de Alcoa, Cervo e Xove, as caídas foron máis importantes, cun descenso de case 4 puntos en Cervo e de case 5 puntos en Xove. Nestes dous concellos o BNG incrementou notablemente os seus sufraxios (+23 puntos en Xove e +28% en Cervo), situándose como a segunda forza máis votada. O PSdeG-PSOE, en cambio, baixou nas dúas localidades e Galicia en Común obtivo un resultado moi afastado dos datos obtidos por En Marea.

Burela foi outra das localidades nas que o PP empeorou máis os seus resultados, caendo 5 puntos con respecto ao dato de 2016. O BNG medrou case 26 puntos e o PSdeG caeu case 4.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.