Nova fase no brote de coronavirus da Mariña. Dende as cero horas do sábado, 11 de xullo, e cando menos durante os seguintes cinco días, os catorce concellos deste distrito sanitario estarán divididos en tres zonas. Nun un dos municipios, Burela, considerado polo Sergas como "zona quente" do brote, permanecerán as restricións de mobilidade impostas inicialmente para cinco días, pero agora agravadas. Noutros seis, en toda a costa de Viveiro a Ribadeo, será posible a mobilidade entre eles, pero non cara a fóra. Nos sete restantes, finaliza o peche. Os detalles da nova fase foron publicados na tarde deste venres nunha edición extraordinaria do DOG.
Son as principais mudanzas anunciadas por Sanidade nunha xornada na que, a partir das cifras de "positivos activos" ofrecidas verbalmente en rolda de prensa polo xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, é posible calcular que os novos positivos activos da covid-19 no brote son 19. Así e todo, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, reitera que a Xunta dá o brote por "controlado" porque "os novos positivos proceden de contactos que xa estaban illados" e non abrollan outros sen relación entre eles.
O conselleiro de Sanidade di que as persoas con positivos "non poderán votar" o 12X, pero Feijóo admitía esta semana que esa prohibición só é unha "recomendación"
Deste xeito, na véspera da xornada electoral os concellos da liña costeira de Viveiro a Ribadeo manteñen a mobilidade parcial, co tránsito permitido entre todos eles -poden atravesar Burela sen parar, se é o caso- pero sen poderen saír cara ao resto da provincia e de Galicia agás nos casos contemplados ata agora -como traballo ou atención médica-. Segundo o Sergas, neles a incidencia do virus segue sendo "importante". En Burela, o peche agrávase ao limitarse ao termo municipal.
No resto, indican, esa incidencia é "moi baixa", por iso a consideran "zona fría". Por esa razón, a veciñanza do Vicedo, Ourol, O Valadouro, Alfoz, Mondoñedo, Lourenzá e Trabada deixa de ter restricións de mobilidade dende as cero horas deste 11 de xullo, véspera dunhas xornada electoral que, segundo o conselleiro de Sanidade, "ten que ser normal" e na que, defende, as persoas consideradas como "casos activos" de coronavirus "non poderán" votar. Non obstante, o propio Alberto Núñez Feijóo admitía esta semana que esa prohibición é realmente só unha "recomendación".
Dezanove novos casos, 209 acumulados
Nesa mesma comparecencia pública o Sergas comunicou a súa actualización de cifras do brote, por segundo día consecutivo expresada en termos de "positivos activos", pero sen especificar o número de casos novos. Os "positivos activos" son agora 182, dezasete máis, pero tamén se rexistraron dúas altas de persoas que pasaron a dar negativo, polo que xa serían 27 as curacións.
Deste xeito, o total acumulado de persoas afectadas polo brote mariñao sería de 209 persoas, mentres que na xornada anterior sumaban 190. Polo tanto, os novos casos son 19 nas últimas vinte e catro horas. Nese período, segundo o Sergas, foron realizadas 193 probas PCR e dende o inicio do brote, indicou Fernández-Campa, as probas na Mariña foron xa 3.201. O Sergas non especifica cantas persoas están confinadas por teren contacto con persoas que xa deron positivo, malia indicar Almuíña que en torno a un 80% dos que acaban "transformándose en positivos" proceden deses contactos.
Almuíña defende a "fiabilidade total" dos datos, que seguen con descadres
En respostas á prensa, Almuíña aproveitou tamén a súa comparecencia para defender a "fiabilidade total" dos datos difundidos polo Sergas fronte ao persoal sanitario e concellos da Mariña aos que non lles cadran tras consultaren as bases de datos internas de Sanidade. "Transparencia absoluta", defende o conselleiro, aínda que o seu departamento continúa sen publicar unha serie histórica completa do coronavirus en Galicia e sen detallar cantos casos novos rexistra cada día, nin na Mariña nin no conxunto do país.
Faltaría unha alta máis no cómputo total galego para que os "casos activos" no resto da provincia de Lugo cadrasen co dato global
Así, por exemplo, este venres continúa habendo algún desaxuste entre os datos da Mariña e os ofrecidos pouco antes, en termos de "positivos activos", para o resto da provincia de Lugo e o total de Galicia. Segundo o Sergas, no brote da Mariña os "positivos activos" son 182 e en toda a área sanitaria lucense, que abrangue o conxunto da provincia, chegan a 196 -seis máis que o día anterior, cando aumentaran en 24-. Deste xeito, para que a conta cadre, cabería deducir que os "positivos activos" no resto da provincia de Lugo pasaron de 25 a 14 nun día, polo que se rexistrarían 11 altas.
Mentres, o número de "curacións" indicadas polo Sergas para toda Galicia neste 10 de xullo pasa de 10.880 a 10.898, un incremento de 18. Ao tempo, na única área sanitaria na que diminúen os "positivos activos", Vigo, a baixada é de 8 casos. Quedarían, daquela, 10 altas máis que poderían ser de Lugo, pero nesa área os "positivos activos" diminúen en 11. Polo tanto, faltaría un caso para cadrar a conta. A ausencia dunha serie de datos abertos impide comprobalo con maior precisión. [Consulta aquí a evolución dos "positivos activos" por áreas sanitarias dende a fin do estado de alarma en Galicia]