O presidente e candidato do PP avanza a súa intención de levantar este venres a restrición de mobilidade en parte da comarca e asegura que “as eleccións cos datos que temos agora vanse desenvolver con normalidade”
“Eu creo moito máis entre os que nos salvan a vida que entre algúns partidos políticos que se presentan ás eleccións e que probablemente non teñan como obxectivo salvar vidas senón outros obxectivos que non teñen nada que ver coas vidas”. A frase pronunciouna este xoves desde o atril de presidente da Xunta, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, Alberto Núñez Feijóo, candidato á reelección polo PP. Díxoa preguntado polas dúbidas sobre a seguridade da votación na Mariña polo brote de coronavirus alí rexistrado, cargando contra outras formacións e amparándose nos profesionais sanitarios que son os que, di, lle permiten asegurar que “as eleccións cos datos que temos agora vanse desenvolver con normalidade”.
Feijóo iniciou a súa intervención relatando a melloría de datos en toda Galicia e salientando que na Mariña o 80% dos casos de coronavirus detectados concéntranse en Burela. Nada dixo de que, segundo os datos que o propio Sergas divulgou pouco despois, na última xornada se rexistrou o maior incremento de casos na Mariña desde o comezo do brote. Pola contra, puxo o foco en que 8 dos 14 concellos do distrito sanitario que están pechados desde o pasado domingo levaban ata este mércores tres días sen rexistrar ningún caso. Ante esta situación a Xunta prevé levantar este venres as restricións de mobilidade na maioría da zona e limitalas só aos concellos con casos activos recentes.
Feijóo incidiu en que a proposta de levantar restricións é do Goberno galego e agora serán os expertos os que a analicen, non ao revés
“Mañá pola mañá [por este venres] volverá reunirse o comité clínico con resultados de hoxe [xoves] e tomará unha decisión que se publicaría no DOG o mesmo día”, dixo, avanzando que “a nosa proposta” ao comité clínico é “manter a restrición de mobilidade no concello ou concellos nos que se rexistraran casos nos últimos tres días” e “manter nos 14 concellos” outras medidas como a obrigatoriedade do uso de máscara ou o límite de reunións de 10 persoas que non convivan entre elas. Feijóo incidiu en que a “proposta” parte do Goberno galego e agora “analizará o comité clínico e volverá analizar en 5 días”.
Feijóo non quixo adiantar cales serían os concellos nos que levantarían as restricións de movemento e só indicou os que este mércores levaban tres días sen rexistrar novos positivos: Alfoz, Barreiros, Cervo, Mondoñedo, Ourol, Trabada, O Valadouro e O Vicedo. Tamén dixo que Lourenzá e Xove levaban nos últimos tres días ata este mércores un só caso detectado. Isto suporía que si seguiron rexistrando máis casos positivos nos tres últimos días os concellos de Burela, Viveiro, Foz e Ribadeo. Fóra do distrito sanitario pechado desde o domingo queda A Pontenova, concello que tamén pertencería á comarca da Mariña.
Feijóo admite que un traballador nunha residencia da Mariña que deu positivo “permaneceu unha hora media” no centro antes de ser confinado, o que obrigou a illar a “algún residente co que puido ter algún contacto”
Feijóo tamén se pronunciou sobre o positivo que a propia Xunta vén de confirmar nunha persoa traballadora nunha residencia de maiores. “A persoa á que vostede se refire permaneceu unha hora media na residencia e cando recibimos a proba de PCR foi enviado a casa, tamén os seus compañeiros, e algún residente co que puido ter algún contacto está illado na súa habitación”, dixo.
O presidente tamén argumentou por que o pasado domingo a Xunta decidiu establecer en 5 días o peche da Mariña explicando que nese prazo “rematarían 15 días desde o inicio do brote”, que situaría así arredor do 25 ou 26 de xuño. “Todas as medidas que tiñamos que adoptar, as adoptamos”, dixo, e sobre as eleccións insistiu en que “son as autoridades sanitarias as que nos dixeron que as eleccións se fagan canto antes tras o confinamento” para evitar brotes posteriores.
“Non metamos medo á xente por ir votar e lles deixemos ir a bares de ocio”, pediu Feijóo, quen lembrou que estes días se realizaron as probas de selectividade, tamén na Mariña: “se poden estar tres días nas mesmas aulas, os galegos podemos ir a votar 15 minutos”, sentenciou.