A Xunta comunica 23 positivos máis no brote da Mariña e concellos da comarca piden adiar as eleccións

A vila de Burela (na imaxe) é unha das que, segundo a Xunta, sumou máis positivos do brote de coronavirus CC-BY-SA Praza Pública

O veo de confusión que acompaña os datos da evolución do coronavirus en Galicia dende o comezo da pandemia pola ausencia dunha serie pública do Sergas e polo feito de que a Xunta manexe como referencia o indicador de "positivos activos", sen especificar cantos casos novos da covid-19 detecta cada xornada, agudízase en torno ao brote da Mariña. Este mércores, 8 de xullo, o Goberno galego comunica 23 positivos máis no brote mariñao, que xa son 144 para un total acumulado de 154, contando dez altas. Indica tamén un incremento de 15 "positivos activos" no conxunto da área sanitaria de Lugo, que abrangue á Mariña, e chega aos 166.

O dato de "positivos activos" no brote da Mariña (144) e o indicado para toda a área de Lugo (166) pódese explicar pola existencia de 8 novas altas, pero o cómputo non se corresponde co ofrecido polo Sergas para o global de Galicia

Ambos datos, 23 novos casos na Mariña e 15 "positivos activos" máis no conxunto da área lucense poden ser, a priori, compatibles. Explicaríanse pola existencia de 8 altas fóra da Mariña, quedando 22 "positivos activos" en concellos do resto da provincia. Pero este dato non concorda co da evolución do número de persoas "curadas" que este mércores o Sergas comunica para toda Galicia, 27 máis, cadrando cun descenso de -26 "positivos activos" na área de Vigo e -1 na área de Ourense. Daquela, as "curacións" aumentan tanto como descenden os "positivos activos" en Vigo e Ourense, polo que nese total de "curacións" (10.844) non semellan estar sumadas esas posibles 8 altas de Lugo.

A Xunta non indica este mércores a existencia de novas altas entre as persoas que deron positivo no brote da Mariña, polo que seguirían sendo 10 e o total acumulado de positivos do brote, 154. Si especifica Sanidade cantas probas PCR "vencelladas ao brote" realizou durante a xornada do martes, 283 -no día previo foran 80, segundo indicou o presidente da Xunta-. No conxunto de Galicia foron 2.662, segundo o propio Sergas, unha cantidade semellante á dos días do pico da pandemia, no mes de abril.

Tamén indica a Consellería que un total de cinco persoas están hospitalizadas no Hospital da Mariña, en Burela, con test positivo de coronavirus. No resto de Galicia son dúas máis. 

Os devanditos descensos de "positivos activos" nas áreas de Vigo e Ourense son os que propician que o dato global para Galicia que ofrece o Sergas experimente un descenso de once casos. Os 256 do 7 de xullo quedan en 245 este mércores, día 8. Mentres, o número de persoas falecidas continúa sendo 619 por vixésimo oitavo día consecutivo.

O Ministerio de Sanidade rexistra 35 diagnósticos novos en Galicia

A confusión en torno aos datos acrecéntase porque, como dende o pasado mes de maio, os partes do Sergas seguen referíndose ao día previo mentres que os do Ministerio ofrecen información das últimas vinte e catro horas, pero pechada ás dúas da tarde de cada xornada. Así, mentres a Xunta indica as devanditas variacións, co dato dos 23 novos casos da Mariña como o máis destacado, o Ministerio de Sanidade rexistrou na tarde deste mércores, con datos fornecidos pola Xunta pechados ás dúas da tarde, un total de 35 novos diagnósticos de coronavirus en Galicia.

Os partes do Sergas refírense á xornada previa e os do Ministerio péchanse ás dúas da tarde con datos das comunidade autónomas correspondentes ás anteriores vinte e catro horas

O dato estatal, que segue a revisarse durante varios días a posteriori -os datos depurados chegan polo momento ata o pasado día 5-, indica que na última semana os novos diagnósticos da covid-19 en Galicia ascenden a 138. No parte do martes, día 7, o dato dos últimos sete días sumaba un total de 119 diagnósticos. Mentres, o que non varía é o número de hospitalizacións, xa que non se reflicten novos ingresos. 

Unha vez concluída esa revisión, o Ministerio precisa o día estimado de inicio de síntomas de cada caso e tamén en que provincia foi rexistrado. Será nese momento, durante a vindeira semana, cando será posible saber con exactitude se corresponden ou non á área de Lugo e, daquela, se cabe a posibilidade dun vínculo co brote da Mariña. Así, por exemplo, na última revisión xa figuran máis de 40 casos con data de inicio de síntomas no 1 de xullo na provincia lucense, cando inicialmente non foran reflectidos; unha parte deles poderían ser os 35 notificados este 8 de xullo.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.