O brote de coronavirus da Mariña está a facer que Galicia volva vivir baixo o peso da pandemia, despois de ter gozado -entre finais de maio e as primeiras semanas de abril- dunha breve tregua. Quen máis directamente está a sufrir esta situación, evidentemente, é a veciñanza dos concellos do norte lucense, que volven vivir restricións de mobilidade e cuxo tecido comercial e hosteleiro volve sufrir os efectos máis directos.
Nas últimas horas, como informou o Sergas na mañá deste luns, sumáronse outros 22 casos, que elevan a 128 a cifra total de persoas contaxiadas no brote da Mariña, aínda que 9 delas "xa están curadas e foron dadas de alta", segundo comunicou a Consellaría de Sanidade.
Os dez primeiros casos, detectados o 23 de xuño, iniciaron os seus síntomas o día 18
O brote detectouse por vez primeira en Xove na tarde do martes 23 de xuño e dende entón o número de persoas infectadas foi medrando, estendéndose pola comarca. O Instituto de Salud Carlos III actualiza cada semana, en formato aberto, a serie histórica de casos de coronavirus detectados, situando no tempo cada positivo pola data estimada de inicio de síntomas do paciente. Esta información permite trazar a evolución da enfermidade nun territorio concreto e pode axudarnos a observar o percorrido temporal que seguiu este brote nos seus inicios.
Na gráfica vemos un primeiro pico de casos na provincia de Lugo con inicio de síntomas ao redor do 18 de xuño. Podemos concluír que se trata dos casos iniciais do brote detectado cinco días despois en Xove, que xa o primeiro día sumaba 8 persoas afectadas (que, en principio, participaran nunha comida familiar) e que nos días seguintes foi medrando a 11, 18, 22, 28, 33 e 35 casos, unha evolución lenta pero constante que tamén reflite a gráfica, que recolle 30 casos cuxos síntomas comezaron entre o 19 e o 25 de xuño.
O gran salto produciuse entre os días 26 e 28 de xuño, cando un total de 71 pacientes iniciaron os seus síntomas. Os síntomas adoitan aparece 5 días despois do contaxio
Porén, o gran salto produciuse entre os días 26 e 28 de xuño, cando un total de 71 pacientes iniciaron os seus síntomas, 81 se contamos tamén os 10 casos que o fixeron o 29 de xuño. Compoñen, polo tanto, o groso dos 128 positivos detectados ao redor deste brote, pois nos días seguintes a cifra de pacientes que iniciaron síntomas é máis pequeno (con todo, esta estatística está en constante revisión, polo que isto podería variar na seguinte actualización).
Cómpre ter en conta que os síntomas do coronavirus poden aparecer entre 2 e 14 días despois do contaxio, pero o máis habitual é que este período sexa de ao redor de 5 ou 6 días. Así, o groso dos contaxios podería terse producido entre os días 20 e o 24 de xuño.
No conxunto de Galicia, o 27 de xuño foi -por data estimada de inicio de síntomas na base de datos do Ministerio de Sanidade- o día con máis casos novos de coronavirus (37) dende o 8 de maio (45).
O conselleiro de Sanidade afirmou que o período de incubación dunha parte importante das persoas infectadas coincide coa noite de San Xoán e relacionou a expansión do brote con varios locais de hostalaría
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, afirmou este domingo que o período de incubación dunha parte importante das persoas infectadas coincide coa noite de San Xoán e relacionou a expansión do brote con varios locais de hostalaría polos que pasaron parte das persoas afectadas, novas na súa maioría. Ademais de Xove e Burela, nos últimos días tamén se detectaron casos en Viveiro, O Vicedo ou Foz.
A Consellaría de Sanidade confirmou este luns que todos os casos parte do mesmo brote inicial, unha circunstancia que "permite garantir a trazabilidade dos casos e seguir na mesma estratexia de busca activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar canto antes a transmisión". Así mesmo indicou que dos 119 casos considerados 'activos', 115 son asintomáticos ou presentan síntomas leves, polo que se atopan en illamento nos seus domicilios. Os outros catro si se atopan hospitalizados no Hospital de Burela, pero a súa evolución é favorable.
Dende o inicio do brote na Mariña detectáronse en Galicia un total de 125 casos de coronavirus, dos que 113 corresponden á provincia de Lugo e o resto aos outros tres territorios
Dende o inicio do brote na Mariña detectáronse en Galicia un total de 125 casos de coronavirus, dos que 113 corresponden á provincia de Lugo e o resto aos outros tres territorios. Os datos ofrecidos polo Instituto Carlos III amosan como, efectivamente, A Coruña, Ourense e Pontevedra apenas presentan novos casos dende a última semana de maio. Unicamente aparece un pequeno 'pico' ao redor do 14 de xuño na Coruña, correspondente probablemente ao brote detectado uns días despois no Barbanza, e que ficou limitado aos 9 casos iniciais, ao ser rapidamente controlado.
Dende o comezo do brote a área lucense pasou de 17 a 143 "positivos activos", segundo os partes da Consellería de Sanidade e xa suma a metade de todos os casos existentes en Galicia. A incidencia acumulada na provincia de Lugo na semana do 22 ao 28 de xuño, segundo os datos do Instituto Carlos III situouse nos 26,7 casos por cada 100.000 habitantes e foi só superada por Lleida e Huesca, que tamén estaban a sufrir importantes brotes.
A pesar de que o brote se concentra na comarca da Mariña, as cifras do conxunto de Galicia superan en moito os niveis de novos positivos existentes en maio, no final da fase 2 do desconfinamento
O Ministerio de Sanidade actualizou este luns pola tarde os datos de novos diagnósticos correspondentes ao venres, sábado e domingo, despois de ter decidido deixar de proporcionar datos durante as fins de semana. Na notificación deste luns figuran 5 novos diagnósticos de coronavirus en Galicia correspondentes ao domingo e ao redor de 60 correspodentes a venres e sábado, datos coincidentes co incremento de positivos no brote da Mariña, que pasou de 59 a 128 casos en tres días.
O gráfico amosa o aumento do número de novos dignósticos de coronavirus en Galicia nos últimos 7 días (118) e 14 días (158). A pesar de que o brote se concentra na comarca da Mariña, as cifras do conxunto de Galicia superan en moito os niveis de novos positivos existentes en maio, no final da fase 2 do desconfinamento.