Este martes comezan as probas de selectividade para o acceso á universidade, que se desenvolverán ata o xoves. Tamén en Viveiro, onde a pesar do peche da comarca por mor do brote de coronavirus, o IES Vilar Ponte acollerá como estaba previsto a 300 estudantes chegados dos institutos dos concellos da contorna. Só houbo dous cambios: as medidas de control da enfermidade obrigaron a modificar o lugar de celebración da ABAU para o alumnado de Ortigueira (estaba previsto que foran a Viveiro e finalmente irán a Ferrol) e Mondoñedo (ían acudir a Lugo pero deberán desprazarse a Viveiro).
O IES Vilar Ponte acollerá como estaba previsto a 300 estudantes chegados dos institutos dos concellos da contorna
Na Orde publicada no DOG por parte da Consellaría de Sanidade especifícase que "a realización das probas da ABAU programadas poderá levarse a cabo cumprindo os protocolos previstos para a súa celebración" e este domingo o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña destacou que xa existía un protocolo previo elaborado por la USC que foi valorado pola Dirección Xeral de Saúde Pública que se vai "reforzar". Vázquez Almuíña subliñou que "a instalación é boa, hai distancia de seguridade e todas as medidas que se pediron".
Só se fai fincapé en que se deberá "procurar evitar as aglomeracións ao inicio e á saída dos lugares en que se realicen as probas"
Na Orde engádese que se "poderá exceptuar o uso da máscara no momento de realización da proba sempre que o alumno permaneza sentado" e só se fai fincapé en que se deberá "procurar evitar as aglomeracións ao inicio e á saída dos lugares en que se realicen as probas" e que "rexerá o límite dun máximo de dez persoas por grupo nas zonas externas ás aulas de realización da proba e no exterior dos lugares en que se realicen". Tamén o conselleiro de Sanidade alertou contra o perigo destas "celebracións" e "aglomeracións".
Porén, dende sindicatos e colectivos de docentes introducíronse algunhas dúbidas e cautelas sobre a situación que se pode crear e por exemplo CIG-Ensino instou a "aumentar as medidas de protección", tanto para o alumnado como para o profesorado, e a "garantir o dereito de todo o estudantado". O sindicato lembra que mentres que a Consellaría de Sanidade incrementou as medidas de protección, por exemplo, nas praias (a distancia mínima elevouse a catro metros), non fixo o mesmo para a realización das probas da ABAU.
CIG-Ensino instou a "aumentar as medidas de protección" e a "garantir o dereito de todo o estudantado"
De igual xeito, a plataforma 'Profesorado en pé', que nos últimos días vén mobilizándose para esixir da Consellaría de Educación "directrices claras" e apoio para unha correcta adaptación dos centros de ensino á situación xerada pola pandemia, manifestou a súa "inquedanza e preocupación". E criticou "a situación de incerteza legal, administrativa, sanitaria e persoal que se ten desenvolvido a raíz da aparición de brotes de Covid-19, o confinamento desas áreas decretado pola autoridades sanitarias", denunciando ademais "a dubitativa e hermética actitude adoptada, a nivel informativo e organizativo, polas autoridades responsables".
A plataforma Profesorado en pé denuncia "a dubitativa e hermética actitude adoptada"
CIG-Ensino criticou especialmente "o silencio da Consellaría de Educación sobre a situación da Mariña", denunciando "a falta de previsión no que respecta ás súas obrigas para co profesorado e alumnado, o que implica a constante improvisación". No momento en que o conxunto da comunidade educativa galega estamos aínda sen coñecer nin o máis mínimo dato das decisións que ten pensado adoptar a Xunta para o comezo de curso escolar asistimos a unha desidia e unha parálise no rebrote da Mariña, xusto cando se debe actuar con rigor e responsabilidade", di.