Apenas unhas horas despois que a Consellería de Sanidade anunciase a prohibición de entrar e saír da comarca da Mariña ante o agravamento do brote de coronavirus declarado hai dez días, o BNG vén de solicitar a suspensión nos concellos afectados das eleccións ao Parlamento galego convocadas para o vindeiro domingo.
"Ante a dimensión do rebrote, débense concentrar todos os esforzos en atallalo", di o BNG
A formación, tras unha reunión de urxencia da súa Executiva nacional, pide a suspensión sinalando que "a prioridade é garantir a saúde dos veciños e veciñas da Mariña" e que "controlado e superado o rebrote, será momento de buscar a fórmula máis acaída para que poda exercer o seu dereito ao voto con todas as garantías tanto democráticas como sanitarias".
O Bloque afirma que "ante a dimensión do rebrote da COVID19 cun cento de persoas contaxiadas polo virus e máis de 600 confinadas, nun contexto ademais no que falta un protocolo de actuación por parte do Goberno da Xunta", débense concentrar todos os esforzos en atallar ao rebrote e así darlle á veciñanza "a oportunidade de votar coas máximas garantías sanitarias" máis adiante.
"Non se pode someter á veciñanza da comarca ao dilema de escoller entre a preservación da súa saúde no medio dun rebrote da pandemia e o seu dereito ao voto"
O BNG denuncia a "improvisación e a irresponsabilidade coa que ten actuado desde o inicio deste rebrote o presidente da Xunta, primeiro tentando minimizar o problema e despois tentando eludir a súa responsabilidade nos concellos".
"A veciñanza da Mariña ten dereito a poder exercer o voto coas máximas garantías de seguridade sanitaria" que, a xuízo do Bloque, "non se dan cando apenas faltan seis días para a cita coas urnas". "Non se pode someter á veciñanza da comarca ao dilema de escoller entre a preservación da súa saúde no medio dun rebrote da pandemia e o seu dereito ao voto", remata a formación nacionalista.
Un gran número de persoas podería ficar sen dereito ao voto o vindeiro domingo por ter que gardar unha corentena preventiva
Galicia en Común, BNG e PSdeG-PSOE anunciaron xa o pasado venres a suspensión de todos os seus actos de campaña na Mariña. O PP fíxoo este mesmo domingo. As medidas adoptadas pola Consellaría de Sanidade non impiden a mobilidade interna dentro da comarca, pero si limitacións de capacidade nos locais de hostalaría e outros espazos e a prohibición das reunións sociais de máis de dez persoas. Tamén se recomenda extremar as precaucións e ampliar a distancia de seguridade, por exemplo, nas praias.
Nos últimos dous días vén subliñándose o feito de que por mor do brote de coronavirus que non deixa de medrar na comarca, un gran número de persoas podería ficar sen dereito ao voto o vindeiro domingo. Por suposto, as máis de 100 infectadas polo virus, pero tamén os varios centos de contactos persoais dos contaxiados, que tamén deben permanecer illados nos seus domicilios durante 14 días, gardando por prevención unha corentena.