O pasado 15 de xuño Galicia saíu do estado de alarma. Foi a primeira comunidade autónoma que o fixo, por decisión da Xunta e porque nese momento presentaba dende había semanas unha incidencia do coronavirus moi reducida. Ese día, os datos do Ministerio de Sanidade indicaban que nos sete días anteriores só se rexistraran 12 diagnósticos de coronavirus e 23 nos catorce días precedentes, a pesar de que Galicia levaba unha semana na Fase 3 había tres semanas que iniciara a Fase 2 do proceso de desconfinamento.
Alberto Núñez Feijóo afirmou que a saída do estado de alarma de Galicia sería "un ensaio" para o resto de España, á que serviría como exemplo
O 8 de xuño, momento en que Galicia avanzou á Fase 3, a Xunta comezou a exercer todas as funcións como autoridade sanitaria competente, finalizando o mando único sanitario que ata agora se responsabilizara do control xeral da enfermidade. Cando o presidente da Xunta xustificou publicamente a decisión de que Galicia deixase de aplicar o estado de alarma antes que calquera outro territorio (outras comunidades fixérono unha semana máis tarde), Alberto Núñez Feijóo afirmou que a saída do estado de alarma de Galicia sería "un ensaio" para o resto de España, á que serviría como exemplo.
Tres semanas e media despois do remate do estado de alarma, a situación da pandemia en Galicia é moi distinta
Porén, tres semanas e media despois do remate do estado de alarma, a situación da pandemia en Galicia é moi distinta. O brote declarado o 23 de xuño na Mariña elevou o número de novos casos de coronavirus a niveis que non se daban dende finais de maio, aínda na fase 1 e a situación obrigou a pechar os accesos á comarca lucense para evitar que os contaxios se estendesen ao resto do país.
A pandemia está, ademais, a impactar a campaña electoral para os comicios deste domingo, unha convocatoria que xa fora criticada polas tres forzas políticas da oposición e sobre a que sempre pairou a posibilidade de rebrotes. Estes rebrotes mesmo foron anticipados por un dos expertos que asesoraron á Xunta á hora de adoptar a decisión sobre a convocatoria electoral, predicindo a comezos de maio "un pequeno rebrote" do coronavirus en xuño e outro "máis duro" contra a fin de xullo.
Nos últimos catorce días o número de novos diagnósticos en Galicia foi de 217; tan só nos últimos sete días os novos positivos suman 164
O brote declarado na Mariña acumulaba ata este xoves un total de 190 casos, dos que 25 persoas xa foran dadas de alta. Estes casos constitúen o groso dos diagnósticos de coronavirus rexistrados nas últimas dúas semanas en Galicia e por si sós devolven o número de novos contaxios no conxunto de Galicia ás cifras de final de maio.
Segundo a estatística achegada polo Ministerio, nos últimos catorce días o número de novos diagnósticos en Galicia foi de 217; tan só nos últimos sete días os novos positivos suman 164. Son cifras que duplican e mesmo triplican (no caso do indicador de 7 días) os números que se rexistraban nos últimos días de maio. De momento, ademais, a tendencia segue a ser crecente, cun ritmo de ascenso que aínda non freou.
Os datos que periodicamente publica o Instituto de Salud Carlos III amosan a serie histórica de casos de coronavirus detectados, situando no tempo cada positivo pola data estimada de inicio de síntomas do paciente. Esta información, actualizada este mesmo xoves, permite trazar con máis detalle a evolución da enfermidade nun territorio concreto e os últimos datos incorporados amosan importantes novidades en relación ao brote da Mariña.
Este luns soubemos que un grupo moi importante de casos (81) iniciara os seus síntomas entre o 26 e o 29 de xuño, o que podía situar o momento do seu contaxio entre o 21 e o 24, nas vésperas do día de San Xoán e na xornada desta mesma celebración. Porén, este xoves os datos do ISCIII amosaron un pico aínda máis importante (42 casos) no 1 de xullo. Isto é, que iniciaron os seus síntomas ese día, polo que probablemente se contaxiaron ao redor do 26 de xuño, tres días despois de que o brote fose coñecido pola Xunta, alertada a poboación e adoptadas as primeiras medidas.
En tres semanas Galicia pasou de ser unha das comunidades cunha menor incidencia da enfermidade a estar por riba da media española
O empeoramento do brote da Mariña fixo que os indicadores do conxunto de Galicia empeorasen de forma moi importante. En tres semana Galicia pasou de ser unha das comunidades cunha menor incidencia da enfermidade a estar por riba da media española no números de diagnósticos de coronavirus rexistrados nos últimos 7 días.
A incidencia acumulada (número de novos casos de coronavirus por cada 100.000 habitantes) nos últimos 7 días en Galicia é de 6,08, fronte a unha media española de 5,3. Nos últimos 14 días o indicador galego sitúase aínda por debaixo do do conxunto do Estado (8,04 fronte a 10,32), pero a incidencia acumulada en Galicia triplicouse dende o 4 de xullo.
A incidencia acumulada nos últimos sete días en Galicia tan só é superada por Aragón e Cataluña, afectadas por brotes moi importantes e sitúase por riba mesmo dos datos de Madrid ou Castela-A Mancha.
En resposta ao brote da Mariña, o que tamén se segue incrementando en Galicia é o número de probas PCR realizadas. Dende o pasado 27 de xuño as cifras non baixan de dúas mil probas ao día, superando as tres mil en varias xornadas. Pola contra, nas tres primeiras semanas de xuño o número de tests diarios roldaba o milleiro. De feito, os datos globais dende o inicio da pandemia amosan que o número de probas PCR realizadas en Galicia en relación co seu número de habitantes é inferior á media española. Só a partir do 26 de xuño o indicador sitúase por riba do conxunto do Estado.