Galicia sitúase por baixo da media estatal de probas PCR, que volveron medrar ante o brote da Mariña

Preparación dunha proba PCR CC-BY-SA IAEA

O brote de coronavirus declarado na Mariña obrigou nas últimas semanas á Consellaría de Sanidade a incrementar notablemente o número de probas PCR realizadas á poboación. O Ministerio de Sanidade publicou este luns as estatísticas de tests de coronavirus realizadas por cada comunidade autónoma dende o inicio da pandemia e nos últimos días. 

Galicia sitúase lixeiramente por debaixo da media española, cunha taxa de 75,81 probas por cada mil habitantes

En total, o Estado español realizou máis de 3,6 millóns de probas PCR, unha taxa de 77,38 tests por cada 1000 habitantes, unha cifra que se sitúa lonxe dos países que levaron a cabo máis probas (Dinamarca, Rusia, Portugal, Estados Unidos...), pero que supera os datos de Alemaña, Suecia ou os Países Baixos.

Galicia sitúase lixeiramente por debaixo do dato do conxunto de España, cunha taxa de 75,81 probas por cada mil habitantes, a medio camiño entre as comunidades autónomas que máis PCR realizaron (Euskadi, Navarra, A Rioxa, Asturias, Cantabria ou Madrid) e os territorios que fixeron menos probas por habitante (Estremadura, Murcia ou Andalucía). Segundo o Ministerio, Galicia realizou ata o 2 de xullo un total de 204.599 probas PCR, un dato superior ao comunicado pola propia Xunta para esa data (191.945).

Entre as comunidades autónomas que realizaron máis probas por habitante aparecen algunhas que tiveron unha incidencia de coronavirus elevada, como Madrid ou Navarra, ou que tiveron en enfrontar foco moi intensos, como Euskadi ou A Rioxa. Con todo, tamén aparecen outras, como Cantabria ou Asturias, con taxas de incidencia moi semellantes á que se deu en Galicia. A incidencia media en Galicia (1,9%) é identica á de Asturias.

Asturias, cunha incidencia do coronavirus idéntica á de Galicia, levou a cabo un 69% máis de probas PCR

O caso de Asturias está a chamar a atención, sobre todo nas últimas semanas, polo excelente control da enfermidade no seu territorio, anexo ao galego. Dende hai máis de 20 días non se rexistraron novos positivos nesta comunidade, coa única excepción dunha traballadora que vive a cabalo entre Ribadeo e Castropol e que se contaxiou no brote da Mariña (con todo, o caso foi finalmente contabilizado dentro dos galegos). Rafael Cofiño, director de Saúde Pública do Principado, destacou nos últimos días o intenso traballo de probas realizado, e o ex director de Acción Sanitaria da OMS, Daniel López Acuña, salientou que "Asturias é o exemplo a seguir na xestión da crise sanitaria en España".

Na semana do 26 de xuño ao 2 de xullo Galicia foi a terceira comunidade autónoma que levou a cabo máis PCR

Con todo, na semana do 26 de xuño ao 2 de xullo Galicia si está entre as comunidades que levaron a cabo máis PCR. De feito, foi a terceira, só por detrás de Cantabria e Euskadi, e con datos semellantes aos de Navarra e Asturias. En total, Galicia sumou nesa semana 20.613 probas PCR, unha media de case tres mil ao día, semellante á que se rexistraba nas semanas de maior incidencia da enfermidade, a finais de abril.

O número máis elevado de probas PCR en Galicia levouse a cabo o 3 de xullo (xa fóra do período comunicado polo Ministerio de Sanidade), cun total de 3.617 tests, unha cifra que descendeu ata as dúas mil probas diarias entre este sábado e este luns.

O Ministerio tamén informa dos outros tipos de probas de coronavirus realizados en España, principalmente os chamados 'test rápidos' ou tests de anticorpos, que suman case dous millóns ata o 2 de xullo (1.993.931), 214.706 deles en Galicia. Neste caso, a taxa de probas por habitante é superior en Galicia (79,56) á media española (42,33). Castela e León, A Rioxa e Asturias son as comunidades que levaron a cabo máis 'tests rápidos'.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.