O estudo estatal conclúe que menos do 2% da poboación galega pasou o coronavirus, unhas 50.000 persoas

O estudo ENE-COVID conclúe unha baixa exposición da poboación galega ao coronavirus CC-BY-NC-SA Foto: Goberno de Navarra | Montaxe: Praza Pública

Os resultados da terceira parte --e definitiva-- do estudo Enecovid de seroprevalencia do coronavirus levado a cabo polo Goberno central insisten nos datos do impacto da Covid-19 en Galicia que ofreceron as dúas vagas anteriores. As cifras publicadas este luns estiman que unicamente un 1,9% da poboación galega tería sufrido a doenza, unha porcentaxe aínda menor aos resultados da primeira (2,1%) e da segunda fase (2,2%). 

O estudo do Ministerio de Sanidade estima que menos do 2% da poboación galega pasou o coronavirus, pouco máis de 50.000 persoas 

A porcentaxe que indica o estudo -- realizado entre o 8 e o 22 de xuño-- sitúa Galicia por baixo da media estatal (que se mantén no 5,2%, idéntica á do segundo estudo) e da incidencia en territorios como Madrid (11,4%), Castilla-La Mancha (9,6%) ou Castilla y León (7,8%), pero tamén con valores máis altos que Murcia (1,6), ou Illes Balears (1,4) e idénticos aos detectados na veciña Asturias (1,9).

Así, e tendo en conta as estimacións do estudo, algo máis de 51.340 persoas en Galicia tiveron xa contacto co virus, unha cifra algo inferior á anterior, que se achegaba ás 60.000, co detalle de que as probas para a detención de anticorpos foron maioritariamente repetidas ás mesmas persoas pero xa nun período que foi desde o final da desescalada ata a saída do estado de alarma en Galicia e no resto do Estado. O número é, con todo, moi escaso e insiste na inviabilidade da inmunidade como estratexia acertada para superar a pandemia. . 

O Sergas detecta menos dun cuarto dos casos de covid que apunta o estudo do Goberno central

Os resultados de seroprevalencia do coronavirus desta terceira fase do estudo estatal volven estar por baixo dos do levado a cabo polo Sergas, que indicaba que o 1,15% da poboación tería pasado xa a Covid-19

Xa que logo, e segundo os datos que dá o Sergas, nesta altura son 11.680 os positivos acumulados e detectados no país, o 22,75% dos que apunta o estudo de seroprevalencia. Daquela, Galicia detectaría arredor dun cuarto dos casos. 

De ter en conta a cifra de positivos diagnosticados que facilita o Ministerio de Sanidade (10.867 nesta altura), o Sergas estaría detectando o 21,2% dos casos, pouco máis de dous de cada dez. 

Por provincias, e segundo esta segunda vaga do estudo do Ministerio de Sanidade, en Lugo teríase contaxiado un 1,5% da poboación da provincia, fronte ao 2,5 que indicou a segunda rolda; en Ourense, un 2,5% (fronte ao 2,2% anterior); na Coruña, un 1,6% (2,2) e en Pontevedra, un 2,1% (2). 

Mentres que nas provincias da Coruña e Lugo a porcentaxe de poboación contaxiada que estima este estudo --realizado antes do impacto do brote na Mariña-- diminúe con respecto á fase anterior en seis décimas e un punto respectivamente, nas de Ourense e Pontevedra aumenta en tres e unha décima. 

Anticorpos IgG anti SARS-CoV-2 por provincias, segundo a terceira rolda do estudo ENE-COVID © Ministerio de Sanidade

Por outra banda, a taxa de letalidade sitúase en Galicia no 1,2%, porcentaxe un chisco superior á da rolda anterior do estudo. Xa que logo, e tendo en conta os datos de contaxiados que se tiran do informe do Goberno central e das cifras medias de falecidos acumulados na altura na que se levaron a cabo as probas, de cada cen persoas infectadas polo virus no país, 1,2 falecen. 

A taxa de letalidade en Galicia que se tira do estudo do Ministerio é do 1,2%

Se tal e como sinala o estudo, contraeu o coronavirus un 1,9% da poboación galega --unhas 51.340 persoas-- e o número de falecidos acumulados durante a etapa na que se realizaron os tests --entre o 8 de maio e o 22 de xuño-- situábase nas 619, a taxa de latalidade é do 1,2%, fronte ao 1,74% que se derivaba do estudo levado a cabo pola Xunta

Ademais, no conxunto de España existe un 0,7% de participantes no estudo que sendo negativos en anticorpos na segunda rolda si que deron positivo na presenza destes anticorpos dos que antes carecían na terceira. É a denominada taxa de seroconversión, que é do 0,2% na provincia da Coruña; 0,1% na de Lugo; 0,3% na de Pontevedra e 0,6% na de Ourense. 

Ademais, os resultados finais do estudo estatal tamén revelan que entre a poboación sanitaria a prevalencia do coronavirus duplícase, sendo de alrededor do 10% en comparación coa media en España, e que o 14% da cidadanía con anticorpos en maio xa non os presenta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.