O brote de coronavirus da Mariña sumou este xoves 26 casos máis e suma xa 85 positivos, segundo vén de notificar a Consellería de Sanidade. A maioría das persoas infectadas son asintomáticas ou presentan síntomas de carácter leve, aínda de catro persoas con resultado positivo están ingresadas no Hospital Público da Mariña.
Sanidade está a realizar un control e rastrexo de todos estes contactos, realizando máis dun milleiro de probas PCR nos últimos días
O resto de casos positivos deben permanecer 14 días nos seus domicilios, nunha corentena que tamén deben gardar todas as persoas que tiveron contacto coas persoas infectadas. Sanidade está a realizar un control e rastrexo de todos estes contactos, realizando máis dun milleiro de probas PCR nos últimos días para localizar máis casos positivos e estender a vixilancia. As persoas cuxas probas deron un resultado negativo (máis de 500 este xoves) deben igualmente permanecer confinadas durante dúas semanas, unha situación que pode deixar a centos de persoas na Mariña sen poder exercer o seu dereito ao voto o vindeiro 12 de xullo.
O aumento de casos na Mariña, que de momento non se freou e mesmo se está a acelerar, disparou os datos da área sanitaria de Lugo, que en dez días pasou de 17 casos a 87 casos. Mentres, no resto do país a situación semella estar controlada, cun descenso das contas de 'casos activos' proporcionadas pola Xunta.
Cómpre salientar que os datos ofrecidos na mañá deste sábado pola Consellaría de Sanidade ofrecen un importante descenso no número total de casos activos en Galicia, que pasan de 318 a 279, a pesar do importante aumento de positivos na Mariña. Isto é debido a que, en paralelo, un gran número de 'casos activos' pasaron a ser considerados 'resoltos' ou 'curados', probablemente por tratarse de infeccións de hai varias semanas que xa non presentan síntomas ou non dan xa positivo nas probas realizadas.
275 deses 'casos 'activos' permanecen nos seus domicilios, sen síntomas ou con síntomas leves, e só 4 (os catro pertencentes ao brote da Mariña) están hospitalizados
Dos 279 casos activos contabilizados pola Xunta, 50 son da área sanitaria da Coruña, 87 da de Lugo, 10 da de Ourense, 4 da de Pontevedra, 101 da área de Vigo, 20 da de Santiago, e 7 da de Ferrol. 275 deses 'casos 'activos' permanecen nos seus domicilios, sen síntomas ou con síntomas leves, e só 4 (os catro pertencentes ao brote da Mariña) están hospitalizados.
O número total de falecementos continúa sendo de 619, cunha cifra que non se moveu dende o pasado 11 de xuño, hai 22 días. O número de 'casos resoltos' ou 'curados' pasou no último día de 10.665 a 10.722. En total, o número de positivos declarados en Galicia dende o inicio da pandemia elévase a 11.620.
En Galicia detectáronse 58 positivos de coronavirus na última semana e 86 nas últimas dúas semanas, datos que non se rexistraban dende finais de maio
A situación preocupa especialmente na Mariña, onde nos últimos días xa se foron tomando medidas que limitan a apertura de discotecas ou o acceso ás residencias de anciáns. En Cataluña, a Generalitat ordenou este sábado o confinamento da comarca de Segrià, en Lleida, onde nos últimos días se detectou un gran número de brotes.
A pesar de que no resto de Galicia non se está rexistrando un aumento dos contaxio, o forte incremento de casos na Mariña fixo nos últimos días que os indicadores da enfermidade no conxunto do país regresasen á situación das fases 1 e 2 do desconfinamento. Segundo os datos que ofreceu este venres o Ministerio de Sanidade, en Galicia detectáronse 58 positivos de coronavirus na última semana e 86 nas últimas dúas semanas, datos que non se rexistraban dende finais de maio. Os indicadores que refliten o incremento do número de casos en función da data de aparición de síntomas tamén amosan este retorno de Galicia á situación de final de maio, con 18 casos cuxos síntomas apareceron na última semana.
O Ministerio de Sanidade anunciou este venres que a partir de agora non actualizará os seus datos durante a fin de semana, polo que os datos de novos diagnósticos deste venres, sábado e domingo coñeceranse o luns.
A pandemia de coronavirus acadou o seu pico en Galicia na última semana de marzo. O día 30 o Sergas notificou máis de 500 casos, unha situación que provocou na primeira semana de abril a maior saturación dos hospitais galegos e das UCI, que o 4 e abril acollían 177 pacientes. Dende entón, a situación comezou a mellorar: no final dese mes de maio o número de positivos detectados cada dúas semanas se situaba nos 80, segundo os datos do Ministerio de Sanidade para o 25 de maio, coincidindo co inicio da Fase 2 en Galicia. Posteriormente, esas cifras aínda se reduciron moito máis, con tan só 27 casos en 14 días o 8 de xuño (inicio da Fase 3) e 23 casos en 14 días o 15 de xuño (fin do estado de alarma).
O coronavirus semellaba ir ficando no pasado. Galicia iniciaba a "nova normalidade" con precaucións, pero regresando ás praias, aos bares e mesmo preparando unhas eleccións, e durante varias semanas o retorno da actividade non provocou o incremento no número de casos detectados. Ata o 23 de xuño.
Ese día declarouse na Mariña un brote de coronavirus que se iniciou con 8 persoas dunha mesma familia en Xove, pero que nos últimos dez días non deixou de medrar e estenderse e que de momento aínda non está controlado. Todo o contrario que o que se detectara uns días antes no Barbanza, con nove casos, e que non sumou ningún novo contaxio. 8 casos, 11, 18, 22, 28, 33, 35, 47, 59, 85..., dende a pasada semana os informes diarios do Sergas dan conta da escalada na Mariña, nun brote con dous focos principais (Xove e Burela) e que se foi estendendo.
O brote da Mariña está a obrigar ás autoridades sanitarias a redobrar os esforzos na realización de probas e no rastrexo de contactos. Dende o pasado venres todos os días realizáronse máis de dúas mil probas PCR, superando as tres mil PCR en varias destas xornadas. Son cifras que non se rexistraban dende finais do mes de abril, cando algún día chegou a rozarse o dato das 4.000 probas PCR.
Dende o pasado venres todos os días realizáronse máis de dúas mil probas PCR, superando as tres mil PCR en varias destas xornadas
O incremento no número de positivos detectados é evidente tanto nos partes facilitados polo Sergas, que roldan os 20 casos nos últimos tres días (18 este sábado), coma nos datos que todas as tardes facilita o Ministerio de Sanidade e que se refiren a novos diagnósticos con data de inicio de síntomas. Este venres, o dato de 11 novos diagnósticos de coronavirus foi o máis alto dende o pasado 15 de maio. Así mesmo, a incidencia acumulada (número de casos nos últimos 14 días) crece en Galicia ata os 3,19 casos por cada 100.000 habitantes, un indicador que non se superaba dende finais do mes de maio.