O Sergas informou este domingo dun "foco" de coronavirus no Barbanza con nove positivos detectados. Segundo explicou o director xeral do Sergas, Antonio Fernández Campa, o brote sería "de orixe importada" e afecta nove persoas "con sintomatoloxía leve" que permanecen nos seus domicilios en illamento e sen atención hospitalaria.
A "orixe máis probable" do foco é unha persoa que regresou dunha viaxe ao Brasil e contaxiou a súa filla; todos os positivos teñen sintomatoloxía leve
A "orixe máis probable" do foco é, segundo indicou o Sergas, unha persoa que regresou do Brasil a través de Lisboa e que non tivo sintomatoloxía pero si tería transmitido a doenza, presumiblemente a súa filla, que si tivo síntomas leves. Ela foi a primeira positivo detectado o pasado venres nas probas PCR, realizadas no Hospital do Barbanza e que acabaron por identificar oito casos máis, aínda que outras 15 que se realizaron a contactos próximos deron negativo.
En todo caso, e aínda que a proba non sexa positiva, todos estes contactos estreitos mantéñense en corentena porque a PCR só indica "que a día de hoxe non se ten a enfermidade" pero non por iso se evita que se manteñan illados na casa.
Segundo explicou Fernández Campa, a persoa chegada do Brasil non deu positivo na PCR, pero si na análise serolóxica que se lle fixo despois. Este positivo nos anticorpos revelaría que esta persoa xa pasou a infección, "que está resolta", pero que nalgún momento pasou a infección á súa filla.
Das nove persoas con positivo confirmadas, oito delas residen en Ribeira e outra na Pobra do Caramiñal. O Sergas controla agora a sintomatoloxía destas persoas xa illadas e fai seguimento dos seus contactos. Ademais, mantén en corentena todos os contactos, máis deses 15 que deron negativo e dos 9 que son positivo, xa que algún deles están aínda pendentes de pasar o test.
O Sergas amosa "preocupación" por un caso "sobre o que se debe traballar e estar moi atentos", pero tamén satisfacción polo control e seguimento dos contactos
Todas as persoas controladas, con positivo ou non, son familiares ou amigos, aclarou Fernández Campa, persoas que teñen "relación habitual e directa", tanto no ámbito familiar como laboral.
O director xeral do Sergas amosou a súa "preocupación" por estar "ante un caso sobre o que se debe traballar e estar moi antentos", pero á vez a satisfacción de comprobar como funcionou o protocolo para o control e o seguimento dos contactos. "Malia que os datos de incidencia son moi baixos en Galicia, o risco continúa existindo nestes momentos", advertiu. "Debemos ter sentidiño na nosa actuación diaria, para protexernos a nós e aos demais", rematou, tras asegurar que, moi probablemente, o brote no Barbanza irá a máis nos vindeiros días.
O brote do Barbanza explicaría así que o Ministerio de Sanidade dese conta este domingo de seis novos diagnósticos da doenza nas últimas vinte e catro horas en Galicia, que mantén a súa incidencia baixa das últimas dúas semanas -casos novos por cada 100.000 habitantes- pero que xa non está en niveis inferiores a 1, senón que supera esa cifra (1,04). A cifra de hoxe é a de máis diagnósticos positivos no país desde o pasado 18 de maio.
O departamento estatal indica así 28 diagnósticos novos en Galicia nos últimos 14 días, 16 deles na última semana. Destes 10, 5 teñen sinalada como data de inicio de síntomas os últimos sete días.
A cifra de mortes ligadas á covid-19 en Galicia é de 619, tamén a este 21 de xuño e na última semana non se produciu ningunha. Son xa dez días seguidos sen falecementos, o período máis longo dende que se rexistrou o primeiro ligado ao coronavirus.
Xunta, pola súa banda, segue informando en termos de "positivos activos" e sen ofrecer cifras acumuladas da pandemia en Galicia agás para as que denomina como "curacións", que medran en doce casos e chegan ás 10.530, igual que o pasado sábado, ao igual que os "positivos activos" que se manteñen en 340. Non obstante, os datos por áreas sanitarias indican que en Santiago hai dous positivos máis, pasando a 130, e na de Vigo e A Coruña, un menos que o sábado. No resto de áreas, as cifras mantéñense iguais.
No que atinxe ás hospitalizacións, o Sergas informa de que o total de persoas hospitalizadas con test positivo da covid-19 son catro, dous menos que o sábado, ningunha delas na UCI.